Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 enero, 2024
08/01/2024.- Nun encontro coa prensa local, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, acompañadas polo resto dos membros do executivo, presentaron as grandes liñas que guiarán o Goberno municipal no 2024. Ambas representantes, que definiron este mandato como o do «diálogo e da participación», puxeron o foco na mellora da calidade de vida da veciñanza e no impulso socioeconómico á cidade a través da posta en marcha de accións como o proxecto de recuperación urbana desde a Senra a San Caetano, o novo contrato do transporte urbano, unha nova política de turismo sustentable, a ampliación do parque público da vivenda ou a licitación do servizo do SAF, entre outras.
Goretti Sanmartín iniciou o repaso por algunhas das liñas xa recollidas nos Orzamentos municipais facendo fincapé na «transversalidade» destas accións «grazas á coordinación das políticas que orientarán todos os departamentos municipais», aínda que avisou que «se precisa tempo para ver plasmados os resultados desta posta a punto da engrenaxe municipal» que se acadará coa reestruturación dos centros xestores e co próximo lanzamento dunha nova web máis áxil e amigable para a veciñanza.
A rexedora definiu este mandato como o do «diálogo e da participación», o que se plasmará na reactivación dos consellos de participación, e anunciou a data de celebración do Consello de Relacións Veciñais o vindeiro 25 de xaneiro.
Tamén destacou o proxecto para a recuperación do espazo público e a mellora da mobilidade desde a Senra a San Caetano como «un dos plans prioritarios para a transformación urbana», así como a renovación da flota de autobuses e o incremento de liñas e de frecuencias, que «tamén será unha realidade co novo contrato de transporte».
Goretti Sanmartín salientou que grazas á «colaboración interinstitucional» avanzarase na creación do parque comarcal de bombeiros/as, «unha demanda histórica» e tamén se realizarán obras de saneamento no rural con fondos propios e das administracións provincial e galega, priorizando o cumprimento do Pacto polo Rural.
Outras das liñas prioritarias será avanzar cara a un «novo modelo urbano» grazas ao impulso dunha «estratexia de planificación e de construción», así como á aplicación de criterios de sustentabilidade «para evitar os asolagamentos, potenciar a biodiversidade, reducir o consumo de enerxía, ademais de fomentar o uso de materiais de construción propios do país, como pedra e madeira», detallou.
No ámbito social, o executivo municipal porá o foco na «creación de espazos públicos de calidade que fomenten as relacións interpersoais e que sexan inclusivos, seguros, saudábeis, confortábeis e accesíbeis». Tamén se apostará por ampliar o parque de vivenda pública a través da compra e rehabilitación de inmóbeis para vivenda en alugueiro, co obxectivo de recuperar o patrimonio de e poñelo a disposición das persoas que precisan vivenda a prezos regulados.
A rexedora tamén anunciou a posta en marcha dunha «nova política turística consciente e sustentábel» que aposte por atraer turismo de calidade e a aplicación da taxa turística; e ao respecto do ámbito educativo, o lanzamento dun programa anual de conciliación e a posta en marcha dun plan piloto de cociña no propio centro escolar, atendendo á «histórica reivindicación das ANPA».
Diálogo, participación e foco nas persoas
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa explicou que «2024 chega cargado de retos, pero o Goberno xa estivo traballando estes seis meses para afrontalos, sentando as bases do que será este mandato, definindo as nosas liñas de actuación e cal será o noso xeito de gobernar». Nese sentido, María Rozas referiuse á aposta polo diálogo e a participación, «reflectida en feitos como a celebración dos Consellos Municipais de Persoas Maiores e de Cooperación, a posta en marcha dos orzamentos participativos na área de Xuventude, ou mesmo no acordo asinado para a aprobación dos orzamentos deste ano».
Rozas defendeu que unha das prioridades deste 2024 será «o social, e tamén nese sentido avanzamos en cuestións tan importantes como a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar cun orzamento incrementado de maneira moi notable; a recuperación dos recursos residenciais para as persoas sen fogar no Centro de Inclusión de Belvís; ou o proxecto do Centro de Maiores e Centro Sociocultural do Ensanche».
A tenenta de alcaldesa explicou que «neste ano seguiremos poñendo as persoas no centro e traballando para mellorar a vida da xente, unha máxima que non se limita ao departamento de Servizos Sociais senón que é transversal e común a todos os departamentos». Nese sentido, avanzou que se está traballando en cuestións como facilitar os trámites que teñen que seguir os clubes e asociacións deportivas para solicitar o uso das instalacións deportivas e mellorar os equipamentos; en preparar unhas festas máis participativas e acaídas para públicos de todas as idades; ou en ofertar unha programación infantil estable na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.
Tamén se referiu ás actividades de memoria histórica e democrática, que tomarán forza neste 2024 no que tamén se avanzará en que máis espazos públicos e máis rúas de Santiago leven nomes de muller, atendendo ao compromiso feminista do Goberno.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)