AD

Actualidad

Os Bolechas presentan un novo libro dos lugares máis emblemáticos de Teo

today17 junio, 2024

Fondo
share close
AD
  • A rexedora municipal salientou que, grazas a este libro, a cativada poderá coñecer de forma lúdica e didáctica os lugares máis emblemáticos do municipio teense, a través do Camiño de Santiago Portugués que pasa por Teo
  • Este novo proxecto vén acompañado dun caderno de actividades, onde a rapazada poderá reforzar os contidos aprendidos neste libro

Teo (A Coruña), 17 de xuño de 2024.- A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do libro Os bolechas visitan Teo, editado co apoio do Concello teense. O acto comezou no CEIP A Igrexa-Calo, seguindo o percorrido polos centros da Ramallosa e dos Tilos.

A rexedora municipal salientou que, grazas a este libro, a cativada poderá coñecer de forma lúdica e didáctica os lugares máis emblemáticos do municipio teense, a través do Camiño de Santiago Portugués que pasa por Teo. “Confiamos en que vós, as nenas e os nenos de Teo, aprendades algo máis do concello no que vivides e estudades, pero, sobre todo, vos sintades orgullosos e felices de formar parte deste lugar”, sinalou a alcaldesa durante o acto.

Así, guiados polas estrelas, Os Bolechas pasean polos lugares máis emblemáticos das trece parroquias do concello, como é o caso do igrexario de Vilariño e da Casa Reitoral de Bamonde. Tamén coñecen a Estatua da Nai, de Manuel Mallo, situada na parroquia de Oza, e pasan pola casa do antigo concello en Lucí. Achéganse á Burga de Xermeade, en Reis, e cruzan a ponte Mariola, no Xirimbao, e a medieval de Pontevea.

Durante a súa ruta, tamén se achegan á fonte da Florida, en Rarís; pasando polo campo da festa de Luou e o mirador do Pico da Grela, en Lampai. Por último, logo de atravesar o túnel do Faramello, en Calo, chegan ata o miradoiro de Montouto, en Cacheiras, e á piscina dos Tilos. Unha ruta na que estes personaxes tamén falan do patrimonio inmaterial do Concello de Teo, tal como o Entroido dos Xenerais da Ulla.

No acto de presentación, os Bolechas estiveron acompañados por arredor de 450 escolares (entre os tres centros). Así mesmo, tamén estiveron presentes as concelleiras de Educación, María Vázquez; de Cultura e Turismo, Margarita Rosende; e de Relacións Veciñais, Juan Cerqueiro.

Este novo proxecto vén acompañado dun caderno de actividades, onde a rapazada poderá reforzar os contidos aprendidos no libro. Trátase dun material adaptado á súa idade para dar a coñecer o concello de Teo dunha forma lúdica, pedagóxica e didáctica co fin de as nenas e os nenos aprendan algo máis do concello no que viven, estudan e se relacionan.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%