Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
José Fernández Alborés, presidente da Asociación: “A idea principal é axudar á industrialización de Santiago, para mellorar o PIB da cidade”
Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia: “O Goberno de España está coas empresas, axundándoas e colaborando con elas co achegamento de recursos a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, que están vindo en cantidades inxentes a Galicia para todo tipo de compañías”
A xunta directiva da Asociación Área Empresarial do Tambre reuniuse hoxe co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, no Centro Empresarial do Tambre. No encontro analizaron o estado das infraestruturas que se están a desenvolver na área empresarial, proxectos pendentes e vitais para a contorna industrial, así como outras accións que marcarán o futuro do eido empresarial do Tambre.
O presidente da Asociación, José Fernández Alborés, calificou este encontro de positivo no que se falaron con calma unha ampla batería de temas co delegado do Goberno en Galicia quen compartiu de forma clara as demandas actuais e outras de cara o futuro da entidade empresarial. “A idea principal é axudar á industrialización de Santiago, para mellorar o PIB da cidade. Sobre o accesos, sabemos que a apertura do Orbital é inmediato, en cuestión dun mes” –manifestou Alborés–.
Pola súa parte, Pedro Blanco repasou os investimentos importantes e históricos realizados en Santiago e na súa comarca, “máis de 200 millóns de euros en infraestruturas que eran precisas e moi demandadas e que por fin se están a facer realidade, como o Orbital, con máis de 25 millóns de euros de investimento que estará en funcionamento nas próximas semanas do verán”. Tamén sinalou o avance no proxecto do Orbitaliño. “Santiago está vivindo unha época importante, co desenvolvemento da intermodal ou a depuradora. O Goberno de España está coas empresas, axundándoas e colaborando con elas co achegamento de recursos a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, que están vindo en cantidades inxentes a Galicia para todo tipo de compañías” –subliñou–.
O presidente da Asociación puxo sobre a mesa as principais demandas do colectivo empresarial sobre infraestruturas e mobilidade. En primeiro lugar, Fernández Alborés destacou a relevancia que vai ten a apertura, xa inmediata, do enlace Orbital que conectará a área empresarial coa AP-9 e a A-54, unha obra demandada permanentemente pola asociación desde a posta en marcha do solo da Sionlla que agardan poida contribuír a “desatascar o acceso do periférico SC-20, consolidar a Santiago como o nudo loxístico de Galicia e facilitar a atracción de proxectos internacionais ao achegar o aeropuerto de Santiago-Rosalía de Castro a menos de dez minutos da área empresarial”.
Unha vez finalizado o enlace Orbital, a asociación pon o foco noutras infraestruturas fundamentais para o desenvolvemento industrial da cidade. Fernández Alborés lembrou a Pedro Blanco a necesidade de rematar as obras da autovía A-54, que une Lugo con Santiago, unha infraestrutura importante para as conexións empresariais, aínda pendente de rematar tramos entre Palas de Rei e Arzúa.
Outro aspecto relacionado coa mobilidade que preocupa á asociación é o estado actual do proxecto do enlace do Orbitaliño, infraestrutura que conectará o Orbital coa estrada N-550 e o polígono do Tambre, pero que aínda está moi lonxe de ser unha realidade. Tralas alegacións presentadas polos veciños da aldea da Sionlla, que finalmente foron rexeitadas, Alborés demandou ao delegado do Goberno en Galicia darlle continuidade á tramitación e licitación dunha obra que permitirá a posta en marcha de dúas pezas de solo industrial (SUNP-37.3 e SUNP.38), “un solo do que Santiago está moi necesitado pola falta actual de solo industrial público á venda”.
Ademais, Fernández Alborés expuxo un problema que hai que abordar inmediatamente para evitar novos colapsos de tráfico no seo do polígono empresarial. O presidente da asociación amosou a súa preocupación polo anuncio feito fai uns días pola nova presidencia de Mercasa: a ampliación de Mercagalicia, situada na vía de la Cierva. Segundo indicou Alborés, este proxecto debe ir ligado ao PXOM e ao seu desenvolvemento de viais, onde se contempla o peche do cinturón Orbital na zona norte da área empresarial definindo unha nova bolsa de solo (SUND-30), co fin de evitar o colapso da vía Édison.
Tamén na Sionlla, no solo desenvolto pola entidade Xestur (Xestión do Solo de Galicia), estableceuse unha reserva de solo para unha estación de mercadorías nun enclave óptimo da zona leste do polígono pegado á rede ferroviaria. Alborés manifestou a posición da asociación nesta materia e instou a Pedro Blanco a apostar porque a viabilidade desta estación estea ligada ao establecemento dunha “zona franca/aduaneira” para que as empresas poidan facturar as súas mercadorías en contedores e non teñan que superar un segundo trámite.
Apoio para o sistema de videovixilancia
A asociación traballa na posta en marcha dun sistema de videovixilancia na área empresarial. Fernández Alborés soliciou o apoio da Delegación do Goberno en Galicia polo importante papel que ten na tramitación deste tipo de servizos. A pesar de que a asociación xa dispón dun servizo de vixilantes, con autorización da Subdelegación do Goberno na Coruña para o Tambre-Boisaca, Costa Vella e A Sionlla, o proceso é complicado pola titularidade municipal das rúas e a lexislación que non establece un procedemento claro para o funcionamento do servizo.
“Á marxe do custe económico do investimento, cremos que resulta imprescindible camiñar neste sentido, implementando sistemas tecnolóxicos que aumenten a seguridade e que, ao mesmo tempo, poidan contribuír a propiciar estudos de mobilidade para a determinación de necesidades en infraestruturas viarias –declarou o presidente–.
Finalmente, Alborés presentou ao delegado do Goberno en Galicia o futuro Centro de Servizos da Área Empresarial, un proxecto da asociación que favorecerá a conciliación e ofrecerá máis e mellores servizos ás máis de 9.000 persoas que traballan a diario na área empresarial, como son unha nova gardería, unha zona médica, un hotel ou unha zona deportiva.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)