AD

Actualidad

Os gañadores do desafío científico de Galiciencia propoñen crear hoteis para insectos

today9 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

Sumáronse a esta aventura un total de 240 equipos, 647 rapaces e rapazas de 34 centros educativos de toda Galicia

Os partipantes na feria están a deseñar e construír con madeira un soporte para os seus móbiles e aprenden a ler as historias que contan as árbores a través dos seus aneis de crecemento

Santiago de Compostela-Ourense, 9 de maio de 2024.- Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema “Mellor, de Madeira”. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. Celébrase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Na xornada de hoxe celebrouse a final do Desafío científico “Atrévete coa Madeira!”, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Sumáronse a esta aventura un total de 240 equipos, 647 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes.

O gañador na categoría de Primaria foi o equipo “Los líderes”, integrado por Saleta, Mateo, Leo e Adriana, do Colexio Plurilingüe Maristas Santa María de Ourense. Idearon un xogo tipo “Memory” coas árbores como protagonistas, un xeito ameno de coñecer diferentes tipos de especies e as súas principais características, como a árbore máis lonxeva, a máis común en Galicia, a máis alta, a máis perigosa… “Para nós foi unha maneira moi divertida de aprender xogando” -manifestan os membros do equipo-. Ademais, valorouse o feito de que para a realización do xogo empregaron materiais reciclados vencellados coa madeira como caixas de froitas.

Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo “Madeiramakers”, formado por Rodrigo, Daniel e Manuel, do Colexio Santa Teresa de Jesús Carmelitas de Ourense. A súa proposta foi transmitir de xeito teatralizado a importancia da madeira e os seus usos. “Se non hai madeira non se poden facer moitas cousas. Queremos concienciar sobre o problema que representa a tala masiva de  árbores porque se non hai árbores quedamos sen recursos fundamentais para todos nós” -salientan-.

Na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron “Micorrizas”, do que forman parte Simón, Uxía e Damián, do IES Aquis Querquernis de Bande (Ourense). Propoñen facer hoteis para insectos e colocalos na contorna do seu instituto “para favorecer a biodiversidade e respectar aos animais que nos rodean como escaravellos, bolboretas, xoaniñas…”. Para iso empregan madeira reciclada e teñen en conta as necesidades específicas de cada especie e os seus ciclos vitais, froito dunha investigación previa realizada polo equipo.

A rapazada coñece o futuro prometedor da madeira

O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres talleres diferentes. Baixo o título “Deseña un soporte para o teu móbil”, a rapazada está a deseñar e construír con madeira un soporte para os seus teléfonos móbiles. Aínda que se trata dun obxecto moi sinxelo, é un xeito perfecto para aprender como funciona o proceso de deseño.

No taller “Tocar madeira”, realizado en colaboración co CIS-Madeira e coa empresa de Tecnópole Madera Plus,  o alumnado está a experimentar con este material, construíndo unha ponte, comparando as propiedades da madeira segundo as diferentes especies de árbores, e mesmo visualizan o efecto das ondas sonoras neste magnífico material. Ademais, aprenden a ler as historias que contan as árbores a través dos seus aneis de crecemento e transmíteselles a idea de que a madeira ten unha longa historia e cultura asociada, pero tamén un futuro moi prometedor.

A través do taller “Máis madeira!”, a rapazada afonda na realidade da incerteza enerxética e a crise climática. Así, insístese no feito de que o modelo de crecemento rápido que propicie ganancias inmediatas e favoreza o consumo acelerado xa non é un modelo de progreso. E, no contexto de crecemento sostible, a madeira xoga un papel moi relevante.

Ademais, a rapazada de Secundaria e Bacharelato que expón os seus proxectos na feira está a participar no taller “A aventura de voar”, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole. O obxectivo é que teñan a oportunidade de descubrir o mundo da navegación aérea utilizando simuladores de voo profesionais.

A madeira, protagonista do espectáculo de ciencia

Esta mañá celebrouse un novo espectáculo científico. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos, intentando provocar na rapazada unha reflexión sobre a súa importancia. Baixo o título “Descubrindo a Madeira”, os participantes puideron comprobar como, desde as súas orixes, a humanidade empregou a madeira para todo tipo de usos, desde quentarse ata a fabricación de ferramentas ou construcións. No transcurso do espectáculo, afondouse no fascinante mundo da madeira como un material moi descoñecido, con múltiples posibilidades e aplicacións, xunto ao seu elevado valor ecolóxico.

Mañá venres remata Galiciencia coa entrega de premios aos mellores proxectos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%