Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 febrero, 2025
O Pazo da Cultura de Narón acolleu a gala de entrega dos Premios Youtubeiras+. Conduciuna Javi Sánchez e contou coa actuación musical do grupo De Ninghures
Por parte do Concello de Ames asistiron a dita gala o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Lucía Ferro
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña
Ames, 3 de febreiro de 2025.- Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras. Ao longo da gala, deuse a coñecer o fallo do xurado, que decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 5.056 persoas. Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de canle de YouTube e Sara Seco levou o galardón á canle de TikTok. Pola súa banda, Prado Rúa acadou o Premio á Creación de Contidos, Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística, Rebelico Revista conquistou o Premio Rede e Galiactiva gañou o Premio Revelación. O vídeo A revolución galega de 1.846, da canle Orgullo Galego, logrou o Premio do Público. Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7.500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle de Youtube e Canle de TikTok están dotados con 1.250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1.000 euros.
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
O Pazo da Cultura de Narón acolleu este pasado sábado, 1 de febreiro, a gala de entrega, que presentou Javi Sánchez e que contou coa actuación musical do grupo De Ninghures. Por parte do Concello de Ames asistiron a dita gala o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Lucía Ferro.
Das entidades organizadoras, tamén acudiron as seguintes representacións institucionais: a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas; a concelleira de de Educación Cultura e Lingua de Rois, Victoria Quiroga; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Anxeles Pacoret Rodríguez; a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, e a vicerreitora Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, María Cristina Naya Riveiro.
Premiadas das Youtubeiras 2024
O xurado, conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:
Exército Mekemeke recibiu o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”. O Exército Mekemeke (Carlos García Vieito, Lidia Veiga, Miguel Abad e Xabier Dios) participaron no espazo de Radio Cidadá de Ames Radio durante tres convocatorias, de 2021 a 2024. Trátase dun videopodcast cheo de aire fresco e moito humor no que se abordan temas de actualidade e inquedanzas que se identifican, sobre todo, coa mocidade.
Sara Seco acadou o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun amplo abano de colaboracións”. Nesta categoría foi finalista a creadora de contido en redes, Nuria Grandío López, @konachadas, tamén de Ames, que vén de participar na quinta edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, como integrante do xurado e tamén se encargou de presentar a Gala de entrega de premios xunto con Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97.
Por outra banda, Prado Rúa fíxose co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”. O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”. Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”.
Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, ademais de 41 vídeos.
A Gala
Javi Sánchez presentou unha gala na que se repasou e a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Sánchez tamén fixo xirar o espectáculo ao redor do lema desta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, Fachenda ao cadrado. Precisamente, a fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego converteuse nun dos leitmotivs da noite.
Relación de gañadores/as por categoría:
-Canle de Youtube. Gañador: Exécito Mekemeke (Ames).
Finalistas:
IagoRAW (Lugo).
O Faiado Podcast (Santiago de Compostela).
-Canle de TikTok. Gañadora: Sara Seco (Santiago de Compostela).
Finalistas:
pradorua (Ourense).
Konachadas (Ames).
-Creación de contidos. Galñadora: Prado Rúa (Ourense).
Finalistas:
Anxo Sánchez (Lugo).
-Revelación. Gañador: Galiactiva (Ourense).
Finalistas:
Arquivo Anab (Xinzo de Limia).
Carlota Casal Ramos (Melide).
-Calidade lingüística. Gañador: Luís do Río (Santiago de Compostela).
Finalistas:
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela).
Galego para Peques (Monterroso).
-Rede. Gañadora: Rebelico Revista (Vigo).
Finalistas:
Pablo Rodríguez Vila (Lugo).
-Premio do público. Gañador: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo).
Finalistas:
Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada).
Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)