AD

Actualidad

Os veciños esixen modificar a regulación de acceso á Cidade Histórica

today23 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Roberto Almuíña, presidente: “Os tempos de acceso non se poden fixar de antemán e por decreto, porque a circulación pola Cidade Histórica está condicionada polos fluxos de persoas, terrazas, manifestacións ou concertos que nos atopamos a diario nos traxectos que percorremos”

Medio centenar de veciños reuníronse onte no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia para debater este complexo problema

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Veciños Cidade Histórica FONSECA convocou onte unha xuntanza veciñal na súa sede no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia para analizar a nova regulación de acceso á Cidade Histórica da resolución do 9 de abril da Concellaría de Mobilidade de Santiago. Medio centenar de veciños e veciñas da Cidade Histórica participaron no encontro.

Os veciños estiman que se están tomando decisións sobre os permisos de acceso para o vehículos das persoas que residen e traballan na Cidade Histórica en base a unha imaxe “distorsionada” pola falta de información sobre o número, frecuencia, duración e os motivos de acceso, aínda que seguen agardando unha solución para a distribución de mercadorías. “Non parece lóxico nin razoable facer unha normativa única para todo o ano e todas as horas do día cando a afluencia de visitantes e de persoas non é a mesma nin ao longo do ano nin ao longo do día” –sinala o presidente da asociación, Roberto Almuíña–. Sendo consciente da complexidade do problema, a asociación sostén que ten que existir unha solución máis acaída que a proposta e por iso solicita unha reunión co equipo de goberno do Concello de Santiago para modificar esta regulación.

A asociación sostén que esta nova regulación feita pola Concellaría de Mobilidade realizouse sen a coordinación coa Concellaría de Urbanismo e a Concellaría de Festas, departamentos responsables das autorizacións das terrazas da hostalaría e dos concertos en rúas e prazas que implican a ocupación da vía pública e condicionan de xeito moi importante a circulación de peóns e vehículos pola Cidade Histórica. “Os tempos de acceso non se poden fixar de antemán e por decreto, porque a circulación pola Cidade Histórica está condicionada polos fluxos de persoas, terrazas, manifestacións ou concertos que nos atopamos a diario nos traxectos que percorremos” –manifesta Almuíña–.

En lugar de propoñer alternativas que minimicen os percorridos polo casco histórico, a asociación sostén que se están a impoñer uns percorridos que multiplican por 2,5 veces os percorridos mínimos posibles e, consecuentemente, a contaminación, á vez que se incrementa o tráfico no eixo Senra – Praza de Galicia – Virxe da Cerca, onde se di que se pretende reducir.

“Os percorridos obrigatorios segundo as autorizacións que estamos a recibir os  veciños do Toural e rúa do Vilar indican que o acceso rodado ás nosas vivendas temos que facelo polo bolardo de San Fins de Solovio, Travesa da Universidade, Mazarelos, Cardeal Payá, Orfas, Cantón do Toural, Praza do Toural e rúa do Vilar e a saída por Praterías, A Conga, Praza de Feixóo, Preguntoiro, As Cinco Rúas, rúa do Castro e saída polo Arco de Mazarelos, un traxecto de 1.940 metros. O percorrido alternativo sería entrando pola Porta Faxeira e saíndo por Fonseca e Correos a Rodrigo do Padrón que son en total 760 metros” –indica Almuíña–.

Ademais, a asociación sostén que as autorizacións que se están recibindo non veñen acompañadas das correspondentes tarxetas identificativas que si se entregaban ata o momento. Por iso, reclaman de xeito unánime que se recuperen estas tarxetas, que se habiliten medios de aviso dos cortes das rúas e que se vixíe que a hostalaría non saque o mobiliario das terrazas á rúa antes das 10:30 horas. A entidade pide, ademais, maior flexibilidade para a solicitude de renovacións das tarxetas, que actualmente só pode facerse do 15 ao 30 de abril.

Tamén constatou a asociación que se están mudando os criterios que se viñan aplicando nos últimos 25 anos para as tarxetas de paso e parada, cuxa renovación se está denegando cando os veciños utilizan coches de empresa ou no caso de xerentes e encargados de establecementos comerciais “por unha interpretación da norma carente de sentido común”. Así, a entidade solicita a flexibilidade que se outorga aos titulares das Casillas da Praza de Abastos, xa que é “un bo precedente e ten que estenderse ao resto dos veciños e comerciantes da Cidade Histórica”, especialmente nos casos de coidado de persoas maiores, que non teñen porque seren necesariamente “dependentes”, ou noutro tipo de relacións familiares, “porque hoxe en día os modelos familiares teñen mudado moito e a resolución non está adaptada a situación actual”.

Así mesmo, a asociación reclama que se facilite o acceso dos vehículos dos traballadores que teñen que acudir aos domicilios para facer reparacións, posto que actualmente só o poden facer ata as 10:30 horas, e cando rematan o seu traballo teñen que carrexar por toda a cidade a ferramenta, escaleiras, etc.

Outro aspecto é a activación de bolardos e lectores de cámaras, que a asociación considera que vai supoñer a imposición automática de multas, o que indica pode ser un novo imposto para os veciños e traballadores da Cidade Histórica.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%