AD

Actualidad

Pacientes de cancro do CHUS denuncian retrasos de 6 meses nas consultas de revisión

today13 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

Dende a asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, ante as declaracións realizadas o pasado día 4 de maio polo conselleiro de Sanidade, queren denunciar que a situación do servizo de Oncoloxía non só non está resolta, senón que está a deteriorarse de maneira alarmante. A pesar da implantación das “peonadas” polas tardes (horas extras voluntarias por parte do cadro médico), continúa a haber retrasos de ata 6 meses nas consultas de revisión. Reiteramos que tanto a xerencia do CHUS, como a consellería seguen sen aclarar o alcance real desta problemática, negándose a dar non só a cifra de persoas afectadas, senón tamén o número de consultas extraordinarias que se están a realizar, polo que descoñecemos en que se basea o conselleiro de sanidade para afirmar que o problema estará solventado en 2 meses. Non parece lóxico agardar que unha solución puntual resolva un problema estrutural.

Os pacientes seguen saíndo das consultas de revisión sen unha cita fixada, xa que se nos introduce no sistema de “buzón”, e quedamos nun limbo no que nin figuramos en ningunha lista de espera nin sabemos cando seremos atendidos. Esta situación, ademais de vulnerar a normativa da propria consellería de Sanidade, engade máis incerteza á xa complicada situación dos enfermos. A implantación deste sistema no conxunto do SERGAS e para todas as doenzas é contrario ao principio de estabilidade das axendas para consultas externas recollido na Orde do 13 de xullo do 2004, actualmente vixente, que fixa como criterio xeral que non existirán pacientes sen cita, salvo excepcións debidamente autorizadas e por un tempo claramente definido.

O sistema de “buzón” é unha área virtual indeterminada e carente de ningún tipo de regulación ao que imos parar todos os pacientes que requirimos atención especializada a través dunha consulta externa. Nesta situación permanecemos un tempo indeterminado sen coñecer en que momento imos ser citados, aínda que a nosa doenza requira unha atención clínica pautada e nos tempos debidamente establecidos polos protocolos, como acontece cos pacientes de cancro.

A administración, ao establecer como norma legal o principio da estabilidade das axendas, está limitando a arbitrariedade e discrecionalidade nos tempos de atención. Non respectalos, como está acontecendo agora, constitúe unha actuación ilícita dos responsables sanitarios que nos arrebata a nosa condición de cidadáns dotados de dereitos e nos coloca, en nome da limitación de medios, nun mero fluxo de demanda carente de sufrimento e de necesidades, que se xestiona como un factor máis na ordenación de recursos.

O sistema de “buzón”, ademais de xerar máis custo para o SERGAS por aumentar a gravidade de pacientes non tratados a tempo que finalmente requerirán maior aplicación de medios, producirá, antes ou despois, danos irreversibles naqueles que ven demorado un diagnóstico de doenzas que teñen na detección precoz a garantía de supervivencia.

Por outra banda, ao descoñecer a data que se nos asigna para a atención non poderemos sequera reclamar que esta sexa en prazo razonable, simplemente porque ignoramos a data ata o momento en que nos chaman.

Ademais, nas últimas semanas estamos a recibir testemuños de usuarios do servizo de Oncoloxía en tratamento activo, de que o colapso no hospital de día é total, xa que pacientes enfermos de cancro deben esperar ata 10 horas para poder recibir o seu tratamento de quimioterapia.

Reclamamos enérxicamente que se poña solución xa á cada vez máis precaria situación do servizo de Oncoloxía, xa que estos pacientes non poden esperar. Estamos a falar dunha enfermidade na que o tempo é crucial. Igualmente esiximos que se respecte o ordenamento xurídico vixente en materia de listas de espera para consultas externas e que se poña fin ao sistema de “buzón”. Finalmente, reiteramos a nosa petición de entrevista co Conselleiro de Sanidade para ser escoitados como afectados e que os nosos testemuños sirvan de referencia para implemenntar a solución.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%