AD

Actualidad

Padrón celebra con éxito o Día de Rosalía cunha xornada chea de cultura e tradición

today22 febrero, 2025

Fondo
share close
AD
  • O alcalde de Padrón, Anxo Arca, participou pola mañá na ofrenda floral en Santiago e leu versos de Rosalía no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres
  • A alborada cos xigantes de Rosalía e Castelao percorreu ao mediodía as rúas da vila
  • Os establecementos padroneses ofreceron o Caldo de Gloria, símbolo de resistencia e dignidade
  • A estatua no paseo do Espolón acolleu a tradicional homenaxe a Rosalía

Padrón celebrou este 22 de febreiro unha xornada cargada de emotividade, cultura e reivindicación da figura da escritora máis universal de Galicia. O programa de actividades, organizado polo Concello de Padrón en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, contou cunha ampla participación cidadá e con momentos de especial simbolismo.

Pola mañá, o alcalde Anxo Arca desprazouse ata Santiago para tomar parte nos actos organizados na capital galega. A praza de Vigo, lugar de nacemento de Rosalía, acolleu a tradicional ofrenda floral. A continuación, a comitiva trasladouse ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde o rexedor padronés e o resto das autoridades presentes recitaron versos da autora, nun acto no que tamén soou a música de Antía Muíño e do grupo Carapaus.

Xunto ao alcalde de Padrón participaron nestes actos a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; a deputada provincial de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.

Os actos da mañá pecháronse cunha degustación do tradicional Caldo de Gloria.

Alborada e Caldo de Gloria

Xa de volta en Padrón, o alcalde Anxo Arca deu inicio ás actividades organizadas polo Concello. Ás 13:30 horas comezou a alborada, na que os xigantes de Rosalía e Castelao, cedidos polo Concello de Rianxo, percorreron as rúas do centro da vila acompañados por un grupo de gaiteiros, achegando a esencia popular da festividade. A presenza de Castelao nesta homenaxe responde á declaración do 2025 como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.

Xunto ao presidente da Fundación Rosalía, as concelleiras Mariló Saco e Laura Horta e varias veciñas e veciños, o alcalde visitou distintos establecementos hostaleiros da vila para degustar o Caldo de Gloria, unha receita inspirada nos versos de Rosalía de Castro que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego.

Ofrenda floral a Rosalía

Xa pola tarde, celebrouse a tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía no paseo do Espolón. O acto congregou ao alcalde de Padrón, Anxo Arca, xunto aos membros da corporación municipal; diferentes representantes institucionais dos concellos da comarca; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e representantes do ámbito cultural e veciñanza nun acto solemne que puxo en valor a vixencia do legado da autora.

A programación continuou na Casa de Rosalía, onde tivo lugar unha nova degustación do Caldo de Gloria, nesta ocasión a cargo do recoñecido cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués de Rianxo. Como peche da xornada, a cantante Antía Muíño ofreceu un concerto no auditorio da Casa de Rosalía, enchendo o espazo de música e sentimento.

Desde o Concello de Padrón valórase moi positivamente a acollida desta xornada de homenaxe, que cada ano reafirma a importancia de manter viva a memoria de Rosalía de Castro, promovendo a cultura galega e os valores de xustiza e liberdade que a autora defendeu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *