Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 noviembre, 2024
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Paula Prado, abordou en Radio Líder Santiago unha ampla variedade de temas políticos e sociais, como a resposta solidaria ante a recente catástrofe en Valencia. Durante a súa intervención, Prado puxo en valor o compromiso e a “solidariedade innata” dos galegos e galegas, especialmente en tempos de crise, e criticou a politización de temas sensibles. Paula Prado expresou a súa gratitude pola axuda que Galicia, desde a Xunta ata os cidadáns, ofreceu ás comunidades afectadas pola Dina. Segundo Prado, “non só achegamos roupa, comida e auga; tamén enviamos maquinaria pesada, efectivos sanitarios e policía”. A Xunta de Galicia tamén aportou helicópteros e outros recursos fundamentais. “Valencia precisa toda a axuda posible e toda é benvida”, afirmou.
Nun ton crítico, Prado cuestionou a resposta do Goberno central á traxedia que deixa xa máis de 215 persoas falecidas e 78 desaparecidos, sinalando que este tipo de situacións precisan actuacións inmediatas. “O que non pode ser é que o presidente do Goberno diga: ‘se precisan axuda, que ma pidan’”, criticou en referencia a Pedro Sánchez, lembrando que en crises previas, como o volcán en La Palma ou o terremoto de Lorca, a axuda chegou sen demora. Segundo Prado, Galicia actuou con responsabilidade social, sen partidismos, e instou a que o Goberno español faga o mesmo.
Paula Prado lamenta o uso de anuncios en redes sociais por parte do PSOE para culpar a Mazón de aspectos da traxedia, argumentando que “sacar rédito electoral dunha catástrofe é absurdo e a cidadanía non o entende». Ademais, Prado sinala que “se Mazón tivo algunha responsabilidade, xa haberá tempo de determinala”, defendendo que a prioridade debe ser axudar á recuperación das zonas afectadas, en lugar de fomentar tensións políticas.
Outro dos temas destacados foi a recente imputación de Íñigo Errejón, acusado dun presunto delito de agresión sexual. Prado mostrou a súa indignación ante o que considera un “encubrimento” por parte de membros do Goberno. “Pasamos de ter un goberno de perdedores a ter un goberno de encubridores”, sinalou Prado, apuntando a figuras como Yolanda Díaz e Mónica García. “Un goberno que encubre agresións sexuais é un goberno que non pode representar aos dereitos das mulleres”. Prado criticou especialmente a líder de Sumar, á que sinalou por non denunciar un caso de posesión e distribución de contido pedófilo cando era edil en Ferrol. Segundo Prado, Díaz “agochou” a situación en lugar de actuar, permitindo que o asesor implicado permanecese no seu cargo e mesmo o incorporou máis tarde ao Parlamento de Galicia. “Foi a única vez na historia que a Policía Nacional entrou no Parlamento galego para deter a alguén, e por un caso de pedofilia,” comentou Prado, lamentando que agora Díaz se erixa como representante do feminismo e demandando a súa dimisión por responsabilidade política.
Prado tamén abordou a situación lingüística en Galicia, defendendo o que chama “bilingüismo harmónico” en lugar de políticas monolingües promovidas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). Explicou que os galegos empregan o galego e o castelán de forma “natural” e sen imposicións, un valor que o PPdeG quere preservar. “Para que máis xente fale galego, hai que amalo e empregalo libremente, non impoñelo”, afirmou, destacando que a imposición pode ter o efecto contrario.
A parlamentaria tamén dirixiu críticas aos nacionalistas xa que consideran unha postura de negativa constante ante calquera proposta de goberno. “Para o BNG, todo está mal: a sanidade está mal, a educación está mal, a política industrial tampouco serve, e a medioambiental tampouco,” sinalou, lamentando que o Bloque rexeite iniciativas incluso cando promoven avances sociais ou ambientais. «O BNG actúa como o partido do non, opoñéndose a proxectos de enerxía renovable, desenvolvemento industrial e outras medidas clave para Galicia». Segundo Prado, esta postura limita as oportunidades de crecemento e emprego na comunidade, e destacou que “o futuro de Galicia non se constrúe con negativas, senón con propostas e colaboración”.
Doutra banda tamén compartiu con Álvaro Veiga, director da emisora, os detalles do novo orzamento 2025, describíndoo como “o máis alto da historia de Galicia” e un compromiso firme co benestar da cidadanía. Entre os investimentos principais destacan a sanidade, a vivenda e a educación, cun gran impulso á vivenda pública, especialmente para familias con fillos pequenos. “Non podemos elevar a categoría xeral a problemas puntuais; o obxectivo é chegar a máis familias e ofrecerlles estabilidade e calidade nos servizos”, subliñou Prado.
Na recta final, Paula Prado reafirmou o apoio a Borja Verea, presidente do PP en Santiago e gañador das pasadas eleccións. “Borja é un candidato comprometido, preparado e con proxectos claros para Santiago”, dixo Prado, engadindo que a cidade precisa un líder que valore tanto a identidade como o desenvolvemento cultural e económico.
A líder do PPdeG sinalou que Borja Verea representa un cambio necesario para Santiago, especialmente ante a súa preocupación polo que ela describe como “turismofobia” no Concello. “Non podemos permitirnos unha turismofobia; Santiago é o terceiro centro de peregrinación do mundo e merece estar no mapa con orgullo”, afirmou, destacando que o turismo non é un inimigo senón un recurso. Prado criticou que o Concello non esté apoiando aos negocios locais e que a cidade presente problemas de limpeza e infraestruturas abandonadas, o que está a prexudicar a súa imaxe e o seu potencial como destino turístico.
Finalmente explicou que os acordos entre as administracións son fundamentais para abordar os problemas da cidade e expresou o compromiso da Xunta para colaborar co Concello. Con Borja Verea como candidato, Prado confía en que Santiago poderá recuperar o seu papel como unha cidade “aberta e vibrante”, que serve tanto á súa comunidade como aos visitantes.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)