Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 febrero, 2024
06/02/2024.- A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada de Paula Romero, membro do grupo De Vacas que estarán a cargo do pregón deste ano, participaban este xoves no programa Vive Santiago de Radio Líder Santiago.
A edila comezou falando da figura do Meco deste Entroido que percorrerá o sábado as rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 14 cando será queimado na praza Roxa. Nesta ocasión o Meco está inspirado na traxedia ecolóxica dos pellets que chegaron ás costas galegas nos últimos meses xa que o tema ten que ser de actualidade e recopilar ao mesmo tempo todos os males do ano do ano, detallou o seu creador, José Manuel Méndez na súa presentación hai días. Luiero explicou que se trata do boneco número 32 que realiza para o Entroido compostelán.
Pilar Lueiro lembrou que o Entroido se extende ao longo de todo un mes, pois este pasado sábado 3 comezou en Marrozos e rematará o sábado 2 de marzo na parroquia de Carballal.
Así, o Entroido capitalino arranca oficialmente o sábado co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza de Cervantes acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 13. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo da Marela, a Rubia, a Morena e a Pinta, o grupo compostelán De Vacas que fai versións musicais de éxito mundial cun formato «irónico, fiminista e divertido».
A concelleira recordou que desde esta sábado e ata o martes 13 varias comparsas e charangas percorrerán as rúas da cidade, grupos que veñen traballando dende hai tempo nos distintos centros socioculturais, así como as asociacións folclóricas da cidade, Colexiata de Sar e Brincadeira que animarán os entroidos rurais.
A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces que se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés. Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta ‘Mascarada Tour’ que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago o luns 12.
O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20.00 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. Como novidade este ano, todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación.
Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, A Ruliña e Os Armatroulas» para a súa incineración ás 21.00 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.
A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada.
Ademais, a edila de Festas destacou o «show improvisado de teatro, que terá lugar o sábado 10 no CSC de Conxo e o 17 no do Romaño, un espectáculo no que non hai texto previo e a través do propio público vaise creando a obra». As persoas partipantes poderán asistir aos obradoiros de preparación previa que «se están realizando entre o 1 e o 8 deste mes nos centros socioculturais».
De Vacas, as pregoiras
Pola súa banda, Paula, membro do grupo De Vacas, expresou o seu agrademento ao Concello por ter sido elixidas como pregoeiras, «algo que nos fai moita ilusión» e reivindicaron o Entroido compostelán xa que «as tradicións están ahí para darlles lume e para avivalas». Ademais, recoñecéronse «perfectamente identificadas co Entroido» xa que somos un grupo «atrevido e crítico por definición.»
De Vacas é un cuarteto musical formado polas vocalistas Inés Salvado (a Marela), Faia Díaz (a Pinta) e Paula Romero (a Morena) e o guitarrista Guillerme Fernández (a Rubia). O grupo fai versións en galego de temas comerciais, mudando a letra e dándolles un formato retranqueiro e divertido.
De vacas naceu cando Faia, Inés e Paula, que cantaban xuntas no coro da Rá de Santiago, descubriron nunha conversa que todas eran fans das míticas Spice Girls. Decidiron naquel momento crear un grupo co que reivindicar a súa música. Para iso incorporaron á formación o experimentado músico Guillerme Fernández, guitarrista de grupos ben coñecidos como Berrogüetto ou aCadaCanto.
Na recta final, Paula lembou que De Vacas está a piques de cumprir o seu décimo aniversario que, segundo confesa, celebrarán por todo o alto, pero antes, toca desfrutar da experiencia de pregoar as festas do Entroido da súa cidade, «para nos é un orgullo».
Escrito por Líder Redacción
compostela de vacas Entrevista entroido meco pregon radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)