AD

Actualidad

Psicólogos galegos salientan que o benestar psicolóxico asóciase a salarios máis elevados

today24 abril, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

Vencéllase ademais a un menor consumo de alcol, realización de exercicio físico e mellores relacións interpersoais

Será o tema que se aborde mañá xoves no “Ciclo Aida Fernández Ríos”, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra

Santiago-Pontevedra, 24 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Mañá xoves, 25 de abril, celebrarase unha nova sesión, ás 19:00 horas. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.

Esta sesión centrarase no benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e a súa repercusión no desempeño do traballo. Para abordar este tema contarase coa participación de Jesús F. Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos, ademais de decano da facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago de Compostela.

O benestar psicolóxico vencéllase cunha mellor saúde e maior lonxevidade

O profesor Salgado indica que “unha opinión longamente sostida pola dirección das empresas e organizacións en todos os países é que os empregados satisfeitos son máis produtivos; é dicir, que existe unha correlación positiva entre a satisfacción e os resultados laborais dos traballadores e traballadoras”. Nesta liña, incide no feito de que, nas dúas últimas décadas, esta cuestión atraeu o interese de psicólogos, economistas, políticos, organizacións sindicais e, por suposto, dos propios empregados, o que desencadeou nun enorme volume de investigacións sobre o benestar psicolóxico (BP) dos traballadores e a súa relación co desempeño laboral das persoas e a produtividade das organizacións.

“Os resultados das investigacións máis recentes demostran que o benestar psicolóxico correlaciona de maneira significativa cunha mellor saúde e unha maior lonxevidade, menor consumo de alcol, realización de exercicio físico e mellores relacións interpersoais. Tamén se comprobou que existen diferenzas entre homes e mulleres nos seus niveis de benestar psicolóxico, e entre a mocidade e as persoas maiores. Igualmente, corroborouse que, cando se comparan países, os niveis nacionais de benestar psicolóxico correlacionan cun Produto Interior Bruto máis elevado” -asegura o experto-.

O catedrático manifesta que, “no ámbito das empresas, un maior nivel de benestar psicolóxico asóciase con maiores niveis de desempeño, maior implicación no traballo, salarios máis elevados e maior satisfacción laboral”.

No transcurso desta conferencia, Jesús Salgado explicará en que consiste o benestar psicolóxico, cales son os seus principais compoñentes e cales son os resultados dos últimos estudos realizados sobre as relacións entre o benestar psicolóxico e os resultados das organizacións.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/-/ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). As persoas participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%