Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 noviembre, 2023
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023.- A Xunta conmemora o 90 aniversario da radio en Galicia colaborando un ano máis cos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, convocados en colaboración co Instituto Rosalía de Castro e Arraianos Producións. O obxectivo deste certame, que chega á súa sexta edición, é fomentar entre a mocidade as linguas galega e portuguesa a través das novas tecnoloxías, así como promover a historia da radio en Galicia reivindicando a figura da súa primeira estrela mediática, Xosé Mosquera.
Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación da nova edición destes premios no Instituto Rosalía de Castro, onde tamén participaron o director do dito centro, Xabier Mouriño; Aser Álvarez, de Arraianos Producións, e Loliña Mosquera, filla de Xosé Mosquera.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades indicou que iniciativas coma esta, que xira arredor da radio, medio de comunicación oral por excelencia, “son importantes para animar a mocidade a falar o galego en distintas situacións, para axudala a mellorar a súa expresión oral de maneira que se sinta cómoda empregándoa en calquera ámbito, espazo ou nivel de formalidade”.
Ademais, Valentín García adiantou que desde o Goberno galego vaise estender este 90 aniversario durante todo o curso escolar 23-24 cunha exposición itinerante sobre a figura de Xosé Mosquera, que visitará varios centros de ensino de Galicia e Norte de Portugal, e coa impartición de obradoiros sobre a creación de podcast entre a rapazada.
As bases do certame
Poderán concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de Educación Primaria (5º e 6º cursos) e Secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do norte de Portugal.
A solicitude de participación, que deberá formalizar o director ou directora do centro de ensino, poderá enviarse ata o 21 de decembro deste ano. Pola súa parte, os traballos, que deberán ser orixinais e inéditos, poderán presentarse ata o 1 de maio de 2024. Estes deberán estar relacionados coa vida e obra de Luísa Villalta, homenaxeada nas próximas Letras Galegas, ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia a do norte de Portugal.
O certame establece dous premios, que serán anunciados antes do remate do curso escolar: un ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º de Primaria e outro ao mellor traballo dos centros de ensino secundario e doutros centros de ensino non universitario. Ambos os dous están dotados con 500 euros, lotes de libros para a biblioteca escolar, unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.
As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)