AD

Actualidad

Ría da Estrela presentará en FITUR o seu catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia

today16 enero, 2025

Fondo
share close
AD
      • A feira internacional acollerá tamén a presentación de “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas: o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia
      • No seguinte enlace tes unha entrevista a Santiago Freire, presidente de A Ría da Estrela, en Radio Líder (16-01-2025)

    16 de xaneiro de 2025.- A Ría da Estrela escolleu FITUR, o certame internacional de turismo máis importante por volume de participantes e asistentes, para presentar dúas importantes novidades da súa oferta turística: o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia e “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia).

    Dúas novidades que serán presentadas os próximos 23 e 24 de xaneiro no marco dun recinto feiral con 9.500 empresas participantes, procedentes de 156 países, e polo que pasarán máis de 150.000 visitantes profesionais. “O ano pasado presentamos a nosa marca, a Ría da Estrela, e neste 2025 comezamos a prepararnos para o Xacobeo 2027 lanzando en FITUR dúas grandes apostas en colaboración con outros xeodestinos e institucións de Galicia. Por unha banda, o primeiro catálogo comercial do Camiño Marítimo a Santiago da Ría de Muros Noia, con propostas dos tres operadores que apostan polo noso Camiño. E, por outra, a Volta de Gloria, o primeiro gran itinerario cultural e paisaxístico baseado en dúas rutas xacobeas, en colaboración coas asociacións turísticas da Costa da Morte e da Ría da Estrela, así como cos Concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros”, explica Santiago Freire, presidente da Ría da Estrela.

    Catálogo comercial

    O catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia ofrece unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago nestes tempos, pero que durante séculos foi a máis utilizada tanto por peregrinos do norte de Europa como dos países mediterráneos: navegando. “Son moitos os camiños e maneiras para peregrinar a Santiago, pero poucos tan emocionantes como o que transcorre por mar. Imaxina entrar na Ría de Muros Noia navegando cos teus amigos e amigas a bordo dun veleiro, rememorando a travesía que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada. É unha experiencia inesquecible”, apunta Freire Abeijón.

    Esta travesía está amparada pola Oficina do Peregrino, polo que basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque a ruta e realizar a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a Compostela. Así, a Ría da Estrela presentará en FITUR tres maneiras distintas para realizar esta peregrinación marítima a Compostela, en colaboración coa navieira Sailway, coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e co Monte Real Club de Iates de Baiona. As tres propostas son:

        • O Camiño marítimo a Santiago con Sailway é unha experiencia de catro días con saída do Monterreal Club de Yates de Baiona ata o Real Club Náutico de Portosín. Trátase dunha travesía de tres días navegando a vela que percorre os idílicos paisaxes das Rías Baixas: Illas Cíes, Combarro, Sanxenxo, Pobra do Camiñal, Muros, Noia e Portosín. Sailway é unha naviera de chárter náutico cunha grande o moderna flota, polo que permite ao peregrino alugar un dos seus veleiros, con patrón ou sen el, e personalizar a experiencia. Ademais, programa saídas mensuais nas que é posible alguar un camarote dun veleiro, unha opción ideal para realizar unha viaxe só, en parella e coñecer a xente nova.
        • A Travesía Náutica Xacobea con ASNAUGA ofrece dúas rutas en veleiro, propio ou alugado, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e mais apostan pola atención ao navegante, ademais de contar cuns restaurantes que figuran entre os mellores de Galicia. O Roteiro Sur ten unha duración de entre 3 e 4 días polos clubs náuticos de Baiona, Vigo, Rodeira, Sanxenxo, Portonovo, Ribeira e Portosín. O Roteiro Norte ten unha duración de entre 4 e 6 días, dependendo do porto de saída escollido: Ares ou Ribadeo. Inclúe visitas aos clubs náuticos de Sada, A Coruña e Portosín.
        • A Ruta Rías Baixas – Camiño de Santiago Ría Muros Noia, cuxa próxima edición terá lugar entre o 1 e o 6 de xullo de 2025, froito da colaboración entre o Monte Real Club de Iates de Baiona e o Real Club Náutico de Portosín. Neste caso trátase dunha oferta totalmente diferente, xa que é unha navegación en grupo de ata 30 embarcacións nun ambiente de compañeirismo e camaradería. Unha experiencia lúdica e gastronómica navegando por algunhas das máis belas paisaxes de Galicia: roteiro interior polas Illas Cíes, parada na Illa de Ons, ruta polo interior da Ría de Arousa e percorrido polo Faro de Corrubedo, o Mar de Fisterra, o Castro de Baroña e a Ría de Muros Noia.

    Este Catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia 2025 será presentado en FITUR o próximo xoves 23 de xaneiro polo presidente da Ría da Estrela, Santiago Freire Abeijón, quen estará acompañado por representantes da Xunta de Galicia e dos tres operadores que apostan polo camiño marítimo a Santiago: Sailway, ASNAUGA e do Monte Real Club de Iates de Baiona. A iniciativa será dada a coñecer aos medios de comunicación no stand de RV Edipress, ás 13:00 horas, e no stand de Galicia ás 16:10 horas, nun acto retransmitido vía streaming a través da páxina de Facebook da Ría da Estrela.

    Volta de Gloria

    Un día despois, o venres 24 de xaneiro, ás 14:30 horas, terá lugar a presentación de Volta de Gloria aos medios de comunicación, no stand de RV Edipress no pavillón 9 de FITUR, a carón do stand de Galicia. Nesa ocasión, a presentación correrá a cargo de Freire Abeijón, as alcaldesas de de Cee, Margarita Lamela, e Muros, María Lago e os alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e de Dumbría, xunto ao experto nos Camiños de Santigao Antón Pombo.

    O presidente da Ría da Estrela remarca que “estamos falando dun itinerario turístico, paisaxístico e cultural único no mundo. Por unha banda, é o primeiro que vincula dúas rutas xacobeas como son o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia. Por outra, conforma o primeiro itinerario circular con saída e chegada en Santiago de Compostela e que se pode afrontar en sete ou dez etapas”. Para esa conexión utiliza tramos da futura senda litoral de Galicia e outros traxectos que destacan polos seus impresionantes valores culturais e paisaxísticos.

    Así, a Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade

    Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio.

    A idea da Volta de Gloria naceu da conversa entre dous especialistas da recuperación do Camiño de Santiago desde o movemento asociativo, José Antonio de la Riera e Antón Pombo, que pensaron en ofrecerlles aos peregrinos que chegaban a Fisterra a posibilidade de retornar a Compostela seguindo a costa a pé e contemplando lugares máxicos como o Monte Pindo, a Fervenza do Ézaro ou o Monte Louro, entre outros, para enlazar co Camiño da Ría de Muros Noia ata a praza do Obradoiro de Santiago.

     

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *