Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 octubre, 2024
A voceira de grupo de goberno, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno ordinaria deste luns, entre os que salientan dous da área de medio rural: a aprobación dos proxectos construtivos de ampliación da rede de abastecemento no lugar da Veiga, no Eixo, e o de acondicionamento do tramo 2.1 da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle.
O proxecto de ampliación da rede de abastecemento no lugar da Veiga (parroquia do Eixo) ten un orzamento de 168.162,35 € (IVE Incluído) e un prazo de execución, unha vez adxudicado, de 17 semanas. Segundo indicou a concelleira, «incluirase no futuro convenio que asinaremos coa Xunta despois do convenio marco que xa subscribimos para o aparcamento do hospital Clínico. Como sabedes, ese procotolo marco establece o desenvolvemento de convenios e nel inclúense 3,5 millóns de euros para abastecemento e saneamento para o rural».
En canto ao proxecto de ‘acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 2.1’, lembrou Louzao «que o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña decidiron abordar a actuación por fases para poder desenvolvela así da forma máis axustada ás dispoñibilidades orzamentarias». Así as fases 1 e 2 foron aprobadas en Xunta de Goberno local o 13 de marzo e o 14 de abril do ano pasado, respectivamente, e hoxe procédese a aprobar esta fase 2.1 que correspondería ao espazo que vai desde un camiño de acceso ao núcleo de Ramelle ata a ponte sobre o río Tambre, na linde co termo municipal de Oroso, conectando coa senda existente.
O conxunto dos tres proxectos construtivos completará o trazado da senda no termo municipal de Santiago. «Como demos conta no Consello Municipal de Medio Rural, hai unhas semanas comezaron as obras do primeiro tramo da Vía Verde. A achega do Concello a este proxecto, nesta fase, é de 298,787,47 euros que supoñen o 36,14% da achega total ao proxecto en obras na actualidade. Este tramo é o de máis complexidade técnica por abranguer dous túneles e nel execútanse, cun prazo de 6 meses, 2,2 quilómetros en dirección a Oroso».
Míriam Louzao salientou a importancia deste proxecto «para fomentar o uso de espazos naturais, o deporte e a mobilidade sostible e no tramo compostelán serán uns 10 quilómetros de senda cun orzamento total de 2,2 millóns de euros. Non dubidamos de que tras este primeiro tramo se impulsarán o segundo e este terceiro que hoxe aprobamos e que a completarán».
Premios Educacompostela
Na área de Educación, tomouse coñecemento do veredito do xurado da XV edición dos Premios Educacompostela que se reuniu a semana pasada. Estes premios buscan fomentar e apoiar a creación de recursos didácticos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica.
Nesta edición recaeron nos seguintes traballos: PRIMEIRO PREMIO por importe de 1.200 €, ao traballo «Previr riscos», presentado por Nuria Regina Fortes Pintos (do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense).
É un traballo composto por diferentes recursos – en forma de álbum de cromos, xogo de cartas de mesa, vídeo xogos e Escape Room- que permite a gamificación dos contidos relacionados coa prevención dos riscos laborais no ámbito da FP. «O xurado destacou a interesante selección de figuras e textos incluídos nos materiais, tecnicamente correctos e cunha linguaxe próxima ao alumnado e que permite a utilización individual pero tamén grupal, tanto en soporte físico como dixital», sinalou a tamén edila de Educación.
O SEGUNDO PREMIO, por importe de 900 €, recaeu no traballo composto por dúas unidades didácticas denominadas «Os segadores mirandeses en Castela» e «Os ferreiros mirandeses», presentado pola Asociación de Veciñas e Veciños de Santa Comba de Órrea (Riotorto-A Terra de Miranda).
Segundo o descrito polo xurado «estes materiais didácticos, elaborados en clave comunitaria, afondan na recuperación da memoria e da tradición. A primeira fai referencia á realidade da migración forzosa na época da posguerra ata mediados dos anos 60, a súa importancia e consecuencias. Este material está pensado para o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria. A segunda unidade didáctica quere poñer en valor os oficios tradicionais, neste caso, dos ferreiros, aborda a problemática da súa desaparición e a súa proxección de futuro». Os seus destinatarios son o alumnado de educación secundaria.
O terceiro premio, nesta ocasión, declarouse deserto.
Outros asuntos
Nesta mesma sesión aprobouse o expediente de contratación do servizo de vixilancia do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, cun orzamento base de licitación de 230.543,70 euros de acordo coa seguinte desagregación:
2024: 19.211,98 €
2025: 115.271,85 €
2026: 96.059,87 €
TOTAL: 230.543,70 €
Así mesmo, nas áreas de Promoción Económica, Comercio, Educación e Deportes, tomouse coñecemento da sinatura de oito convenios con distintas entidades e aprobouse a xustificación do rubricado coa Federación Galega de Judo e disciplinas asociadas por 6.000 euros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)