Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
01/07/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asume a presidencia das cidades do Estado español co selo Unesco reiterando o compromiso de «ser a voz das 15 Cidades Patrimonio en cuestións relacionadas co turismo sustentable, apostando pola promoción cultural, a responsabilidade patrimonial e o recoñecemento da diversidade e da singularidade de cada cidade».
Santiago de Compostela asume desde hoxe a presidencia do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, accede á presidencia reiterando o seu compromiso co «turismo sustentable, a promoción cultural, a responsabilidade patrimonial e o recoñecemento da diversidade e da singularidade de cada cidade».
Goretti Sanmartín tamén se referiu ao gran reto que asumirá durante a presidencia de Santiago de Compostela que consiste en traballar nun documento marco que estableza unha folla de ruta para os próximos anos. Entre os principais asuntos que se incluirán nese plan de traballo, a alcaldesa menciona «a protección e conservación do patrimonio, estratexias para que as cidades sexan lugares habitados e vivos, xunto á promoción das cidades a través da diversidade propia de cada unha».
Goretti Sanmartín agradeceu «ao presidente saínte o seu traballo, nunha etapa moi produtiva para o Grupo de Cidades Patrimonio, cun intenso labor de promoción internacional e de consenso na protección do patrimonio» e asegurou que asume con ilusión e compromiso a presidencia do Grupo.
A partir de hoxe, Goretti Sanmartín preside a Asemblea Xeral do Grupo, a Comisión Executiva e a Comisión de Turismo. Tamén se renovan os principais órganos de goberno, de forma que o vicepresidente primeiro e presidente da comisión de Patrimonio será o alcalde de Segovia, José Mazarías. O vicepresidente segundo e presidente da comisión de Cultura será o alcalde de Tarragona, Rubén Viñuales. Ademais, o vicepresidente terceiro será o alcalde de Toledo, Carlos Velázquez. Pola súa banda, o alcalde de San Cristóbal de la Laguna continuará sendo membro da comisión executiva un ano máis.
A alcaldesa agradeceu o seu traballo ao seu predecesor, o alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luis Yeray Gutiérrez, con quen xa mantivo o pasado mes de abril unha reunión para facilitar o traspaso da presidencia do Grupo. Pola súa banda, Luis Yeray Gutiérrez manifestou que «lle desexo á nova presidenta o maior dos éxitos na súa nova responsabilidade e, por suposto, ten todo o meu respaldo e apoio para que as cidades patrimonio sigamos avanzando nos nosos obxectivos».
Luis Yeray Gutiérrez realizou un balance «moi frutífero dunha etapa que foi determinante para a consolidación do Grupo, de avances e grandes consensos. Iniciamos este período no momento que deixabamos atrás a pandemia, e durante estes 18 meses fortalecemos a colaboración entre as nosas 15 cidades, reforzando as accións en materia de conservación do patrimonio, accesibilidade e desenvolvemento cultural, e impulsando a estratexia internacional do Grupo.»
La Laguna asumiu a responsabilidade de presidir o Grupo o 1 de xaneiro de 2023. Normalmente a presidencia rotatoria ten unha duración dun ano, coincidindo co curso político. Con todo, La Laguna prolongou o seu mandato durante seis meses máis para recuperar a periodicidade habitual entre o 1 de xullo e o 30 de xuño, que se viu alterada en 2020 pola pandemia do coronavirus.
Luis Yeray Gutiérrez destacou que nestes 18 meses se reforzaron alianzas estratéxicas que permitiron dar unha maior dimensión internacional ao Grupo, por unha banda, no ámbito da promoción turística, grazas aos acordos co Ministerio de Turismo e Turespaña, ademais doutros convenios con socios como Paradores e Madrid Destino. Tamén subliñou a asistencia ás principais feiras do sector como FITUR, World Travel Market ou ITB de Berlín, ademais dunha forte presenza en campañas e xornadas internacionais en países europeos, asiáticos e americanos. E, doutra banda, asináronse acordos con entidades homólogas, como a Asociación de Cidades Mexicanas Patrimonio Mundial (ANCMPM).
En materia cultural foi clave o apoio e os acordos alcanzados co Ministerio de Cultura, que facilitou a organización de numerosos eventos, coa Noite do Patrimonio como máximo expoñente. Ademais, organizáronse xornadas técnicas de formación en distintos aspectos relacionados coa xestión patrimonial. Tamén se organizou o I Congreso Nacional de Irmandades e Confraría de Semana Santa e Cidades Patrimonio da Humanidade, como parte da estratexia destinada á conservación e divulgación do patrimonio inmaterial das cidades. E en materia de deportiva, deuse continuidade ao Circuito de Careras nas Cidades Patrimonio e celebrouse o primeiro torneo de Rugby 7 Cidades Patrimonio. Tamén se renovaron acordos para seguir mellorando en materia de accesibilidade, como o asinado coa Fundación ONCE
Durante a presidencia de La Laguna celebrouse o 30 aniversario da creación do Grupo, cuxos actos conmemorativos aínda se seguen desenvolvendo nas quince cidades. Neste marco, o Grupo aprobou en Ávila unha hora de ruta para a protección do seu legado monumental, co compromiso de «reforzar a interlocución con outras administracións; involucrar a cidadanía, axentes sociais e entidades privadas na responsabilidade compartida da protección do patrimonio; e facer partícipes especialmente ás xeracións máis novas do valor do noso legado patrimonial, para garantir así a continuidade dos principios que definen ao Grupo», segundo se reflicte no documento aprobado pola Asemblea.
Cidades Patrimonio
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 e declarada de Utilidade Pública, cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das 15 cidades que o compoñen, así como promocionar a oferta turística dos seus destinos nos mercados nacionais e internacionais. Integran o Grupo as cidades do Estado español cuxos conxuntos históricos foron incluídos pola UNESCO na Lista do Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)