Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Xunta trasladou hoxe ao Concello o informe favorable á petición de establecer un continxente específico de 173 taxis en Santiago, o que suporá un aumento de 29 licenzas, tal e como tiña solicitado o Goberno local. 15 delas, tamén tal e como reclamou o Concello, serán Eurotaxis, que se sumarán aos 10 vehículos para persoas con mobilidade reducida existentes na actualidade. A partir desta resolución da Xunta ábrese un prazo de dous meses para que o Concello fixe o calendario para outorgar as novas prazas de taxi, que poderían ser concedidas todas elas de xeito simultáneo.
Acreditada a oferta insuficiente de taxis en Santiago
Na súa resposta, a Xunta considera “suficientemente acreditado” o aumento da demanda de taxis en Santiago vinculado tanto ao aumento da poboación residente como ao incremento do número de persoas que chegan a Compostela por motivos turísticos, culturais, sanitarios, educativos ou comerciais.
No informe presentado para avalar a petición de 29 licenzas de taxi, o Concello argumentaba que ainda que en Santiago se cumpre a ratio legal dunha licenza por cada 1.000 habitantes, “o municipio tén circunstancias especiais que incrementan a demanda de taxis, como son a capitalidade, a presenza de servizos públicos relevantes como os universitarios e sanitarios, o impacto do Camiño de Santiago e do turismo, e en particular do turismo de congresos; e mesmo a dispersión da poboación e as condicións climatolóxicas”. Por este motivo, o estudo reclamaba que se rivera en conta a poboación vinculada “porque por cada 100 persoas residentes en Compostela, hai outras 77 con vínculos na cidade por estudos, traballo ou outras causas que implican durmir nela máis de 14 noites ao ano”.
O concelleiro de Mobilidade lembrou que a última ampliación do número de licenzas de taxi en Santiago foi en 1998, e só supuxera o incremento de dous vehículos. De feito, apuntou Xan Duro, “Santiago ten hoxe menos taxis operativos que hai dez anos, malia a gañar case 4.000 habitantes, máis de 200.000 peregrinos e peregrinas, e 1,5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto Rosalía de Castro”. Do incremento da demanda, explicou o edil, tamén dan conta os datos recollidos no informe sobre os servizos realizados a través de RadioTaxi, que pasaron de 212.000 no ano 2016 a máis de 360.000 en 2022.
Xan Duro expresou a satisfacción do Goberno pola decisión da Xunta, e explicou que o Concello traballará agora “para que estas licenzas sexan canto antes unha realidade, porque é unha demanda clara da veciñanza de Compostela”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)