AD

Actualidad

Santiago avanza na tramitación da nova ordenanza complementaria de usos en vivenda habitual

today11 junio, 2024

Fondo
share close
AD

10/06/2024 O executivo municipal dá un novo paso para a aprobación da nova ordenanza que promoverá e favorecerá o acceso á vivenda. A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde á ordenanza complementaria sobre usos de hospedaxe asimilados ao de vivenda, que se elevará ao pleno municipal nas vindeiras semanas tras o período de estudo.

A ordenanza inclúe dous usos: o alugueiro turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano, sempre que sexa o lugar de residencia habitual dunha persoa física – entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano-, e tamén o alugueiro turístico de determinados cuartos na propia vivenda ou estancias na propia vivenda habitual. No caso do aluguer turístico por cuartos, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo de Galicia -actualmente está prohibido no Decreto 12/2017, é dicir, o Goberno local deixa prevista esta opción que, en todo caso, depende da Xunta que sexa posible.

Na rolda de prensa deste luns tras a reunión da Xunta de Goberno local, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou que esta ordenanza supón, en definitiva, a norma que concreta que documentación debe achegarse coa comunicación previa para facer este uso turístico durante eses 60 días como máximo ao ano. Entre esa documentación está incluída unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatibles cos estatutos da comunidade de veciños.

O Goberno local sostén que esta regulación pretende impulsar o uso residencial do parque dispoñible, para facilitar o acceso á vivenda «digna e adecuada», unha «prioridade deste goberno» e que non ten nesta regulación a única vía de actuacións.

O proxecto de ordenanza debe someterse ao ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, que se convocará cunha antelación mínima de cinco días hábiles á data da súa celebración. Posteriormente, elevarase a proposta de aprobación ao Pleno da corporación. De aprobarse, o expediente someterase a un trámite de información pública e audiencia de 30 días hábiles. De non haber alegacións á norma, entenderase definitivamente aprobada; se hai alegacións, deberá resolvelas o Pleno e aprobar definitivamente a ordenanza.

Avaliación ambiental para o IDIS

Doutra banda, o executivo municipal aprobou a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) na parcela dotacional EU-2 do edificio de investigación para o IDIS.

Deste xeito, solicítalle a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicio do procedemento de avaliación ambiental promovido polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. A esta solicitude tamén se achegará o documento ambiental estratéxico (DAE) e o borrador do plan.

Segundo explicou Iago Lestegás, este trámite representa o inicio do procedemento de aprobación do Plan especial, pois ata que se complete a avaliación ambiental non se poderá aprobar inicialmente o plan. Este trámite é imprescindible ao tratarse dun plan que desenvolve o PXOM. A finalidade do Plan especial é permitir a implantación do edificio do IDIS.

Licenzas no IES San Clemente e no CEIP López Ferreiro

Sen abandonar o ámbito urbanístico, o executivo local concedeu á Xunta de Galic¡a a licenza para realizar obras de mellora de accesibilidade do edificio do IES San Clemente. Tamén se deu luz verde á licenza para actuacións de conservación e mantemento e melloras de accesibilidade para o edificio do CEIP López Ferreiro, que inclúe a instalación dun ascensor no interior do inmoble e a renovación parcial da impermeabilización da cuberta.

Outros asuntos

Esta mañá tamén se aprobaron os textos dos convenios de colaboración para o ano 2024 do Concello de Santiago coa sociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, cunha achega de 6.000 euros para o programa de actividades acuáticas e outras actividades de autocoidado para persoas coidadoras, e coa Fundación Andrea de Apoyo a los Niños con Enfermedades de Larga Duración, Crónicas o Terminales, pola contía de 3.000 euros.

O executivo municipal tamén deu luz verde a dúas listas das persoas solicitantes que obtiveron a autorización para o uso das hortas urbanas municipais do parque de Belvís de Arriba e do parque da Caramoniña, así como á lista de agarda para esta última.

Ademais, acordouse a solicitude dunha subvención pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano á Dirección General de Transporte Terrestre, dependente do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, así como a encomenda a TUSSA da recompilación de datos e documentos das empresas que prestan o servizo de transporte público de viaxeiros para este fin.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%