Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 enero, 2025
Na rolda de prensa participaron o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, e a tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, para explicar o contido das alegacións do goberno municipal e explicar a incompatibilidade co proxecto ‘Ecobosque’, respectivamente.
Iago Lestegás explicou que, das catro alternativas suxeridas pola Xunta, o goberno solicitou que se considerase a alternativa cero, que consiste en non actuar entre os puntos quilométricos 2+270 e 4+220, como “opción máis axeitada”. Neste sentido, Lestegás defendeu que o goberno local comparte o obxectivo de crear unha infraestrutura ciclista que conecte o Milladoiro e Santiago, pero “o trazado proposto afectaría significativamente elementos valiosos do patrimonio cultural e natural” e “as vantaxes desta infraestrutura non xustifican esas afeccións no fráxil ecosistema fluvial do Sar”, tendo en conta a magnitude dos movementos de terras necesarios para executala.
No documento enviado, o Concello solicita subsidiariamente a reformulación do apartado 4, de criterios de avalación e valoración, e mais o apartado 5, de avaliación das alternativas. Considérase máis axeitada, entre as alternativas que implican intervir, a terceira, que implica integrar a senda no sistema viario público, complementándoa coas medidas de mellora necesarias co grao de desenvolvemento suficiente para que se teña en conta como unha alternativa real entre os PQ 0+000 e PQ 0+835. Ao respecto, Lestegás indicou que “non ten sentido”, por exemplo, avaliar por separado a seguridade a a funcionalidade da infraestrutura, xa que “se é segura será funcional, e viceversa”.
O Concello tamén destaca o incremento dos riscos de inundacións que a actuación podería provocar entre as pontes de Suarribas e Pereda, así como a afección ao túnel da antiga liña de ferrocarril Cornes-Carril, que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa cautelaba no seu informe.
No documento rexistrado tamén se solicita darlle continuidade, no subtramo 5, ao carril bici que xa existe ao longo da rúa de Clara Campoamor. Iago Lestegás incidiu en que non ten sentido duplicar unha infraestrutura que xa existe e non é necesario substituír un camiño de xabre por unha plataforma de formigón “impropia do contexto en que se pretende implantar e que tería unha afección importante no ecosistema fluvial”. Apostou por integrar o trazado da senda no sistema viario urbano, que reforzaría o seu carácter de infraestrutura para o fomento da mobilidade sostible, como recollen as alegacións. Neste sentido, o documento sinala que isto obrigaría a reformular a rotonda do Restollal para integrar en condicións de seguridade os cruces de camiñantes e ciclistas. A decisión de manter a senda por debaixo da glorieta do Restollal obriga a forzar os trazados e duplicar o carril bici invadindo as brañas pola imposibilidade de acadar a cota da rúa Clara Campoamor ao inicio do percorrido.
Adicionalmente, nas alegacións solicítase “non introducir no parque Eugenio Granell unha nova senda ciclista” e arguméntase que este parque conta con sendas peonís e diversos percorridos, e “ten un sistema viario de borde capaz de integrar sen problema unha senda ciclista”. Pola súa banda, a zona das hortas urbanas está enclavada nas Brañas do Sar, que conta cun Plan especial de protección aprobado. Finalmente, o Concello manifesta que as obras que impliquen remocións de terras na contorna máis inmediata ao ámbito dos terreos do mosteiro medieval de Conxo e a apertura de ocos en dous muros vencellados a el, situados na Rúa Nogueira de Conxo e Rúa de Ramón Baltar, deben “estar sometidas a control arqueolóxico”, igual que as obras na antiga liña de ferrocarril e na contorna dos elementos catalogados.
O concelleiro de Urbanismo destacou que a senda proxectada pola Xunta é unha actuación desconforme co planeamento urbanístico municipal que non está suxeita a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal, de acordo co establecido na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sostible. Tamén identificou as afeccións a dous bens de titularidade municipal que figuran no anexo de expropiacións malia seren bens de dominio público e por tanto “inalienables, imprescriptibles e inembargables” non susceptibles de expropiación.
Trazado incompatible co proxecto “Ecobosque”
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude incidiu en que “o trazado alternativo proposto pola Xunta non soluciona un dos aspectos máis cuestionados do itinerario orixinal e segue colisionando co proxecto do Ecobosque que desenvolve o departamento de Emprego”. María Rozas lembrou que as dilixencias penais abertas contra a Xunta polas obras da senda “baséanse, precisamente, en que a actuación lle afecta ao mesmo ámbito no que se pretende a recuperación ambiental do ecosistema fluvial do río Sar, sendo proxectos incompatibles financiados ambos con fondos europeos” e nese sentido lamentou que o Goberno galego “non aproveitara a presentación dun trazo alternativo para solucionar esta incoherencia”.
A tenenta de alcaldesa deu conta das incompatibilidades entre o trazado alternativo da senda ciclable e o proxecto Ecobosque ás que fan referencia os informes técnicos que acompañan as alegacións, que van desde cuestións moi concretas como que o carril bici pasaría xusto por riba de puntos nos que se vai actuar para estabilizar o antigo leito do regato de Chaián ou para crear charcas de anfibios, ata aspectos xenéricos relativos á obra da senda. Neste sentido, apúntase a que “os movementos de terras asociados á construción do intinerario van totalmente en contra dos principios da bioenxeñería aplicados no Ecobosque, a utilización de maquinaria pesada para as obras da senda pón en risco a diversidade faunística que queremos protexer, o trazado alternativo da senda obrigaría a talar máis de 40 carballos e afectaríalle a outas moitas árbores identificadas no inventario do Ecobosque, e a instalación de luminarias é unha ameaza para o ecosistema local”. Por todo isto, explicou Rozas, “os informes técnicos apuntan que o máis desexable sería que a Xunta renunciara a actuar neste tramo concreto do trazado alternativo da senda ciclable”.
A restauración do ecosistema fluvial, en marcha
María Rozas explicou que “o Concello segue adiante co proxecto do Ecobosque, e o persoal que traballará na zona a través dun obradoiro de emprego, 13 persoas operarias e un coordinador, está contratado desde o pasado 31 de decembro”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude lembrou que o obxectivo é “mellorar e recuperar o hábitat fluvial do Bosque do Banquete de Conxo e do río Sar, a través de actuacións concretas como a estabilización das marxes do río, a restauración dos aportes hídricos, a ampliación do bosque da ribeira con máis especies singulares e evitando a colonización de especies invasoras, e con accións para potenciar a diversidade da fauna”.
As actuacións sobre o terreo que se desenvolverán ao longo de todo o ano chegan despois dalgúns traballos previos que estaban previstos no proxecto. Así, xa foron presentados públicamente o estudo hidrolóxico e o inventario do ecosistema fluvial do Sar, e xa está realizada tamén unha enquisa á cidadanía sobre os espazos fluviais de Compostela. María Rozas salientou que esta sondaxe “contén datos que nos ratifican unha vez máis na necesidade de defender o proxecto do Ecobosque fronte a calquera agresión e, moi en particular contra as derivadas da senda ciclista Milladoiro-Santiago”. En concreto, a enquisa, con máis de 800 entrevistas realizadas antes de coñecerse o trazado alternativo presentado pola Xunta, apunta que o 76% dos composteláns e compostelás preferían un cambio de trazado na senda apostando por un percorrido que mellore a mobilidade entre O Milladoiro e Santiago sen atravesar o Banquete de Conxo e preservando o carácter natural e os valores patrimoniais deste espazo. Só o 14,6% das persoas enquisadas apoiaban o trazado e a configuración de carril pavimentado e iluminado previsto inicialmente.
O proxecto do Ecobosque, que tén de prazo de execución ata o 31 de decembro de 2025 despois de tramitada unha prórroga, conta cun orzamento de 923.000 euros, dos que 877.000 euros proceden de fondos europeos a través da Fundación Biodiversidad.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)