AD

Actualidad

Santiago solicita a declaración de mercado residencial tensionado

today26 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

O goberno local presidido por Goretti Sanmartín aprobou este luns a solicitude de declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado a proposta da Concellaría de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica para ser remitida á Xunta, a administración que ten a competencia para decretar a medida e que ten agora un prazo máximo de seis meses para pronunciarse. Na rolda de prensa posterior á reunión do goberno, na que compareceron a portavoz, Míriam Louzao, e o responsable de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, o concelleiros deron conta da aprobación desta solicitude tras completar nos últimos días os informes e o procedemento.

Na súa intervención, Iago Lestegás reflexionou sobre que a declaración de zona de mercado residencial tensionado “non é un fin en si mesmo; é unha ferramenta”. “Esa declaración, con vixencia de tres anos, permite conter a escalada do prezo do alugueiro mentres as diferentes administracións implementan medidas para abordar as causas estruturais do problema da vivenda”. Neste sentido, lembrou que é a Administración autonómica sobre a que recaen as competencias nesta materia en virtude do disposto no artigo 27 do noso Estatuto). O concelleiro apuntou que as medidas, que veñen a paliar eivas estruturais do mercado da vivenda, darán froitos a medio prazo. Lembrou, asimismo, que as medidas poden ser moitas e moi diferentes, sempre que sexan complementarias.

O concelleiro de Vivenda tamén fixo fincapé na necesaria “intervención no mercado de alugueiro, porque se convertiu nunha fonte de desigualdade e nun factor de empobrecemento”. O mercado de alugueiro está a provocar, dixo, “unha transferencia regresiva de rendas dos máis pobres aos máis ricos”. Na última década o prezo medio do alugueiro aumentou un 77% en España mentres a renda media dos fogares subiu un 33%.

“Moitas persoas non poden acceder a unha vivenda digna e as que aínda poden teñen cada vez máis dificultades para chegar a fin de mes e cada vez menos capacidade de aforro. Por iso falo de empobrecemento”, engadiu, antes de sinalar que “os inquilinos teñen que dedicar unha parte cada vez maior da súa xornada laboral (e por tanto da súa vida) a pagar o alugueiro”, enfatizou.

Ao respecto diso, Lestegás lembrou que a diagnose do Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (encargado polo goberno de Santiago para esta solicitude) conclúe que o que máis tensiona o mercado residencial compostelán é o alugueiro e advirte que o tensionamento é maior nas zonas con menor nivel de renda e por tanto a perpetuación desta situación afectaría especialmente os fogares máis vulnerables.

Na súa comparecencia, o conceleliro de Vivenda advertiu de que “a situación é tan grave que é necesario que as persoas que ocupamos postos de responsabilidade en materia de vivenda, a calquera nivel e en calquera administración, adoptemos decisións alentes e impulsemos medidas eficaces para garantir o dereito á vivenda e a función social da propiedade”. “Creo que non actuar non é unha opción, e teño claro que non imos saír desta crise coas mesmas ferramentas, as mesmas actitudes, as mesmas prioridades e as mesmas estratexias que a provocaron”, avisou.

Extenso traballo

Lestegás explicou o “extenso traballo” que fixo o Concello a pesar de que debía ter sido a Xunta a administración que o fixera, como Administración competente. O Grupo de Estudos Territoriais da UDC, por encargo do Concello, elaborou unha diagnose da situación do mercado residencial compostelán que entregou en xaneiro. Este traballo ten, como principal conclusión, que o concello cumpre en todo o seu territorio dous dos catro criterios para solicitar a declaración de mercado tensionado. Foi sometido a exposición pública e presentáronse seis alegacións, que foron examinadas a respondidas.

A Concellaría de Urbanismo e Vivenda elaborou unha memoria xustificativa e un proxecto de plan específico con medidas correctoras cuxo contido, igual que o da diagnose, foi exposto e analizado pola mesa sectorial de vivenda en dúas xuntanzas o 19 de febreiro e o 22 de maio. Cada entidade puido facer todas as aportacións e observacións que considerou oportuno e moitas das achegas se incorporaron ás medidas correctoras propostas polo Concello.

Finalizado este traballo e cumpridos todos os trámites esixidos, a XGL acordou este luns 26 de maio solicitarlle ao IGVS a declaración da totalidade do municipio de Santiago como zona de mercado residencial tensionado e remitirlle á Xunta toda a documentación requirida.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *