AD

Actualidad

Severino Fernández enche o centro de interpretación do Pico Sacro na presentación do seu novo libro

today27 julio, 2024

Fondo
share close
AD

O acto de presentación de “Tradición oral recuperada das tebras. Son contos… ou historia?” contou coa participación do alcalde de Boqueixón e do secretario xeral da Lingua

Boqueixón, 27 de xullo de 2024.- O centro de interpretación do Pico Sacro de Lestedo (Boqueixón) quedou pequeno para acoller a presentación do libro “Tradición oral recuperada das tebras. Son contos… ou Historia?”, de Severino Fernández Abel e publicado pola editorial Medulia. O autor estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e por Amancio Liñares Giraut, escritor e profesor de Xeografía e Historia.

Ovidio Rodeiro felicitou ao autor “por este entrañable libro” e destacou que “Severino ten unha innata paixón por aprender, dende ben pequeno, e un forte apego pola historia e a xeografía do concello de Boqueixón”, lembrando outros libros como “Unha matanza esquecida. Gastrar e Vigo (Boqueixón): historia dun escarnio durante a Primeira Guerra Carlista”.

“Tradición oral recuperada das tebras. Son contos… ou Historia?” recolle un total de 18 historias que mesturan a sinxela narración de vivencias, propias ou de achegados ao autor, coa indagación sobre contos de moi diversa procedencia. E é que, como recoñece o autor, os contos e historias arredor da lareira marcaron a súa infancia e a súa forma de entender o pasado da sociedade que nos rodea. Isto, unido á súa formación académica e profesional, foron os motivos polos que a partir desa tradición oral, co paso dos anos, se enganchou á querenza pola súa investigación histórica.

“Esta obra vén sendo, nin máis nin menos, o reflexo dunha afección polo conto popular, pero a narración non pode ficar nunha simple anécdota de repetida reprodución oral ou escrita. Un conto debe ser investigado na súa orixe e iso é o que se intenta neste traballo cun feixe deles, sacados tanto na beira da lareira coma ao longo do camiño persoal e profesional, pendurados na memoria social e agardando unha mirada agarimosa, mais crítica e realista, que dalgunha maneira os devolva ao presente”, apunta Severino Fernández, profesor na USC.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%