AD

Arte y Cultura

«Terceiro acto» regresa ao Salón Teatro de Santiago con funcións ata o 20 de outubro e xira por Galicia

today4 octubre, 2024

Background
share close
AD

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolleu onte, xoves 3 de outubro, ás 20:00 horas, o reestreo de «Terceiro acto», unha produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) de 2021, que volve aos escenarios como parte da recta final das actividades que a unidade teatral da Xunta de Galicia programou para conmemorar o seu 40º aniversario. O espectáculo, que conta con novos nomes no elenco, estará en cartel na capital galega ata o 20 de outubro, e despois iniciará unha xira por outros oito concellos galegos.

A peza, dirixida e escrita por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora con interpretacións de Belén Constenla, Fernando Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi, quen substitúen a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco. Mantéñense as realizacións artísticas orixinais, coa escenografía de Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz. Como novidade, Laura Míguez incorpórase como axudante de dirección.

Incrementar a distribución e rentabilidade social

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, visitaron un dos ensaios do espectáculo e felicitaron o equipo por relanzar este proxecto, aumentando tamén a súa difusión. «Terceiro acto» realizará unha xira que, en 2021, non foi posible debido á pandemia, optimizando así a distribución e a rentabilidade social do espectáculo. A obra visitará ata mediados de novembro escenarios en:

  • Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 24 de outubro),
  • Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro),
  • Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro),
  • Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro),
  • O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro),
  • Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro),
  • A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro),
  • Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro).

Ademais, o CDG continuará co seu plan de mobilidade, traendo público concertado de 50 concellos galegos ata o Salón Teatro. Durante esta primeira semana, recibirán xa autocares procedentes de Outes, Negreira, Allariz, Amoeiro, Ribeira, Boiro, Mesía, Frades, Alfoz, Barreiros, Vilalba, Cervo, Xermade e Guitiriz.

Reflexión sobre a terceira idade

«Terceiro acto» ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida, reivindicando o papel das persoas maiores na sociedade actual. Na obra, unha troupe de actores e actrices veteranos reúnese clandestinamente para embarcarse na que quizais sexa a súa última aventura conxunta. Nesta travesía emocional, os personaxes reviven momentos do pasado, reflexionan sobre o seu legado e enfrontan os seus desexos e temores fronte ao futuro incerto.

A conversa, elemento central da obra, convértese nunha ferramenta para compartir co público as memorias, soños e emocións dos protagonistas, nunha viaxe emocionante a través das súas experiencias. Este enfoque conecta tamén coa celebración das catro décadas de teatro público en Galicia, desde a fundación do Centro Dramático Galego en 1984.

Venda de entradas

As entradas para as funcións en Santiago de Compostela están dispoñibles en liña a través de ataquilla.com e poden adquirirse na taquilla do número 34 da rúa Nova, dúas horas antes de cada representación. Excepto o día do estreo, todas as funcións comezan ás 18:00 horas, con adaptacións en lingua de signos e audiodescrición, e terán lugar de mércores (función descontraída) a domingo (día do espectador).

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%