AD

Actualidad

Turismo da Deputación da Coruña presenta en Fitur “A paisaxe que sabe”

today22 enero, 2025

Fondo
share close
AD

O vicepresidente, Xosé Regueira, presentou hoxe en Fitur a nova campaña de promoción turística, evolución de ‘A provincia que sabe’, que pon o foco nos “elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía da provincia”

Xosé Regueira: “Buscamos un turismo de calidade, que promova a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna. Facémolo poñendo o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores”

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle foi o outro eixo da presentación da entidade provincial, co deputado Antonio Leira como voceiro

Madrid, 22 de xaneiro de 2025. A Deputación da Coruña presentou hoxe en FITUR a súa nova campaña de promoción turística ‘A paisaxe que sabe’. No pavillón de Galicia, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, expuxo as liñas mestras dunha iniciativa que xorde como a evolución de ‘A provincia que sabe’ e pon o foco nos “elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía” da provincia. Regueira estivo acompañado da cociñeira Lucía Freitas, unha das protagonistas da campaña. “Os nosos sabores son froito dos saberes da nosa xente, protagonistas tamén desta campaña, porque é a súa profesionalidade a que fai que gozar desta riqueza sexa máis que unha experiencia un auténtico privilexio.”.

“’A paisaxe que sabe’ vai en liña coa nosa estratexia e compromiso cun turismo de calidade, que promova a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna. Como vimos facendo, poñemos o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores deste turismo”, expresou Xosé Regueira, quen destacou a aposta da Deputación polo sector agroalimentario: “É a nosa mellor marca turística”.

Neste sentido, Regueira quixo destacar o paralelismo entre paisaxe e gastronomía que enmarca a campaña de promoción turística para este 2025: “Montes, ríos e costas non só debuxan o horizonte, senón que tamén alimentan a tradición gastronómica que nace na nosa terra fértil e nos nosos xenerosos mares e ríos. Cada curva da paisaxe reflicte a esencia dos sabores locais, onde a natureza esculpe non só a vista, senón tamén o padal”.

Seguindo con esta liña, Regueira explicou que aínda que “non existe un único perfil de visitantes á provincia, si que cada vez máis persoas se achegan buscando un refuxio. Son turistas que valoran a autenticidade do territorio e a calidade da gastronomía e os destinos”. Ademais, o responsable da área de turismo lembrou que na edición de FITUR do ano pasado, a Deputación da Coruña presentara os cinco Planes de Sostenibilidad Turística en Destino da provincia. Un deles, a Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle, está xa en execución e foi o outro eixo da presentación da Deputación da Coruña na Feria Internacional de Turismo de Madrid.

O deputado de deportes e coordinador da Asociación Concellos da Vía Verde, Antonio Leira, foi o encargado de explicar as potencialidades da infraestrutura, cuxa promoción desenvolveuse a través do programa ‘Deportistas na Vía’. Nesta iniciativa, deportistas coruñeses de élite, como Iván Raña, actúan como embaixadores para atraer a novos públicos interesados no turismo activo e o deporte. Trátase, ademais, da Vía Verde máis extensa de Galicia e supón un novo atractivo que potenciará a dinamización socioeconómica nos concellos polos que transcorre a vía e as súas contornas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%