AD

Arte y Cultura

Ula (Monoulious Dop): «Non queremos molestar a ninguén, por iso filtramos máis»

today8 abril, 2025

Fondo
share close
AD

Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, Ula, integrante do dúo noiés Monoulious Dop, abriu as portas ao universo dun proxecto que mestura rock, retranca e identidade galega cun estilo propio que eles definen como unha auténtica ensalada mista.

O nome Monoulious Dop xurdiu no ano 2012 da combinación das iniciais dos seus membros, Mon e Ula, cunha clara inspiración na banda cómica Tenacious D. “Estabamos vendo The Pick of Destiny, e daquela noite saíu o nome. Primeiro tivemos o nome, e logo xa pensamos que facer con el”, lembra Ula.

Fóra de categorías, Monoulious Dop aposta por unha música libre: rock, baladas, electrónica, e sempre cunha boa dose de humor. “Facemos o que nos sae, sempre con retranca. Non nos poñemos límites nin etiquetas”, afirma Ula. Iso si, recoñecen que hoxe hai que andar con máis tino: “Agora filtramos máis. Hai cousas que para nós non son burradas, pero pensamos se poden molestar a alguén”.

A canción «Oporto Vice» converteuse nun dos temas máis icónicos do grupo, un himno que xa forma parte do imaxinario colectivo dos seus seguidores. «A xente non para de etiquetarnos nas redes cando van a Oporto. É alucinante ver como o tema xa ten vida propia», confiesa Ula entre risas. «Recibimos fotos de xente coa frase ‘Aquí en Oporto de postureo'» como reza o seu hit. O tema, que comezou sendo unha divertida reflexión sobre as viaxes e as modas, transformouse nun auténtico fenómeno social. «É un éxito brutal ver á xente cantar unha canción que escribín na miña casa», confesa.

Este venres e sábado (sold out), Monoulious Dop subirá ao escenario da Sala Sónar de Santiago, un lugar especial para a banda. “Santiago é como a nosa casa. A xente canta as cancións coma se fosen súas”, conta Ula con entusiasmo. E engade: “Nesta xira o directo vai máis alá: máis interacción, máis humor, e, sobre todo, máis diversión”.

Monoulious Dop canta íntegramente en galego, celebrando o seu auxe actual. “O galego está de moda, hai festivais que apostan por el. Iso fai que mesmo nenos que non o falan escoiten música e lle collan agarimo ao idioma”, destaca Ula.

A banda continúa centrada nos concertos, cun formato flexible e moita interacción co público. “Temos un espectáculo moi participativo. Se nós o pasamos ben, a xente tamén”, conclúe Ula.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *