AD

Actualidad

Unhas mil persoas reuniranse en Santiago para cantaren xuntas Grândola, Vila Morena

today24 abril, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

24/04/2024.- Como parte das actividades en conmemoración do 50 aniversario da Revolução dos Cravos, o Auditorio de Galicia fixo un chamamento á cidadanía para participar nun canto popular desta composición de Zeca Afonso que se erixiu en himno da liberdade. A primeira interpretación pública de Grândola, Vila Morena tivo lugar en Compostela en 1972, nun concerto promovido polo estudantado da USC

A praza da Música en Compostela virará este xoves, día 25 de abril, ás 18.30 horas, en escenario para un canto colectivo de Grândola, Vila Morena. A canción de José ‘Zeca’ Afonso volverá ser interpretada no lugar onde tivo a súa primeira presentación pública, que aconteceu en 1972 nun concerto promovido polo estudantado da USC nos terreos que daquela ocupaba o pavillón do Burgo das Nacións.

Esta iniciativa encádrase no programa de conmemoracións que o Concello de Santiago desenvolve como homenaxe ao 50 aniversario da Revolução dos Cravos, o movemento pacífico que puxo fin á ditadura salazarista e supuxo a volta da democracia a Portugal. Á convocatoria que o Auditorio de Galicia lanzou á cidadanía no mes de marzo para participar no cantar colectivo de Grândola, Vila Morena, inscribíronse até a véspera máis de 900 persoas.Para acollelas na praza que dá acceso ao Auditorio, non estará permitido aparcar no recinto até o remate do acto.

O programa conmemorativo continuará ás 20.30 horas no Teatro Principal co concerto ’50 anos de abril’, un evento que promove a Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña. O recital reúne artistas de Galicia e da Lusofonía para celebrar a obra do Zeca e a súa pegada nas culturas galega e portuguesa. Abrirá a noite Couple Coffee, un dúo luso-brasileiro conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello que ofrecerán ao público asistente un espectáculo singular con novas sonoridades que van dende o hip-hop ao fado, pasando pola música africana. A seguir, tomarán o escenario do Teatro Principal Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido cunha proposta que afonda na figura e repertorio de Zeca Afonso dende unha perspectiva transgresora e contemporánea. Pecharán o concerto Nara e Manuel, o dúo compostelán integrado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, que farán o público gozar da súa «canção de intervenção» nunha mestura de melodías galegas e do Zeca con bordóns, loops e outros elementos. A asistencia ao concerto é de balde até completar a capacidade da sala.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%