Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 junio, 2024
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, vén de propoñer a posta en marcha dun Plan Municipal de Infancia e Adolescencia, para orientar actuacións municipais que atendan a esta poboación compostelá dun xeito responsable, como a de formar parte da rede de “cidades amigas” da infancia promovida por UNICEF ou a creación do Consello Municipal da Infancia.
“Falamos dun instrumento de planificación das accións e iniciativas do goberno municipal para desenvolver cos e para os nenos e adolescentes, no que destaquen, sobre todo, a protección, a prevención e a participación”, explicou.
Este Plan debería promover o seu benestar, desenvolvendo os seus dereitos, a súa autonomía persoal e a súa integridade. Entre os obxectivos do mesmo están: defender e promocionar os dereitos da infancia e adolescencia; garantir a súa participación; e prestar apoio ás familias, con especial fincapé nas que se atopen en situación de dificultade social
O popular subliñou que “o Santiago do futuro precisa dunha xuventude preparada e consciente dos seus dereitos e obrigas, polo que a voz das nenas e nenas e dos adolescentes ten que ser oída no ámbito público municipal e as súas inquedanzas e opinións deben ser tidas en conta, tanto na avaliación das actuacións realizadas, como na programación futura”.
Borja Verea subliña tamén que, dende o PP, “cremos na importancia do desenvolvemento de programas municipais para a sensibilización con respecto ao bo trato na infancia e adolescencia, así como a coordinación entre os distintos axentes que están en contacto con eles, co fin de acadar unha detección precoz de situacións de desprotección, vulnerabilidade ou risco, ámbito no que a intervención preventiva comunitaria é fundamental”.
“Lembramos, subliña que, hai uns meses, demandamos a creación dun Consello municipal da infancia, que reflectirá o compromiso do Concello coa Convención dos Dereitos do Neno de 1989, ao tempo que responderá ao chamamento internacional da Axenda 2030 ao esforzo por brindarlles un entorno propicio para a plena realización dos seus dereitos e capacidades”.
A mirada da infancia e a adolescencia
O Concello, como goberno máis próximo á cidadanía, ten a responsabilidade de deseñar unha cidade baixo a mirada dos nenos e nenas compostelás, de poñelos no centro da acción política, de asegurar e mellorar as súas condicións de vida, de respectar, promover, defender e facer valer os seus dereitos, fixando obxectivos e accións que fagan posible o pleno desenvolvemento das súas capacidades.
Así mesmo, debería potenciar o seu crecemento nun medio saudable, que incremente e reforce o seu benestar e calidade de vida, poñendo en valor os seus dereitos, a súa vulnerabilidade e a súa diversidade e que evite calquera situación de marxinación e exclusión social.
A elaboración do referido plan debe contar coa participación e corresponsabilidade da rapazada e coa colaboración das entidades do tecido social que traballan a favor deles.
Escrito por Líder Redacción
ciudad amiga de la infancia pp radio lider santiago santiago unicef
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)