Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 abril, 2025
Redacción, 10 de abril de 2025.- Nicolás Esmorís, director executivo de Viaqua, lanzou unha chamada de alerta nunha entrevista recente en Radio Líder Santiago: Santiago de Compostela consume unha media de 285 litros de auga por persoa e día, unha cifra que se ve agravada por unhas infraestruturas obsoletas e a lentitude administrativa que ameaza o abastecemento futuro da cidade.
Viaqua non é unha empresa calquera. Con máis de 650 empregados directos, converteuse nun actor social de referencia en Galicia, impulsando programas como Viaqua Contigo, que ofrece atención presencial a maiores e persoas con discapacidade; Auga, Saúde e Infancia, centrado na educación ambiental nas escolas; e un Fondo Social destinado a familias con dificultades para pagar a factura da auga.
Porén, a realidade técnica pon en risco todos estes avances. Esmorís revelou que a cidade sofre avarías diarias, cun custo de 3.000 a 4.000 euros por reparación. A rede de subministración, en moitos puntos feita de fibrocemento con máis de 50 anos, atópase en estado crítico, mentres que se perde un 25% da auga entre fugas e fraudes.
A pesar de traballar sen contrato desde 2020, Viaqua continúa prestando servizo con dedicación e responsabilidade. Neste senso Esmorís foi contundente: “Necesitamos 11 millóns de euros xa”, aínda que advertiu que se trata dun cálculo conservador. Criticou tamén a falta de axilidade das administracións: “O 50% dos nosos contratos están sen contrato”, pero a empresa continúa prestando servizo porque “non podemos deixar a ninguén atrás”.
Outro mito que quixo desmontar é a percepción negativa sobre a calidade da auga: “A auga é o produto máis controlado. O sabor é cuestión de hábito”. Ademais, sinalou que beber da billa pode aforrar entre 400 e 800 euros anuais por familia e reduce de xeito significativo o uso de plásticos.
O directivo rematou cunha advertencia clara: “Galicia colapsará sen acción inmediata”. A comunidade, marcada pola alternancia entre sequías e inundacións, carece dunha inversión sólida en infraestruturas hídricas. “Isto non é cuestión de siglas, senón de supervivencia”, sentenciou.
Santiago enfróntase a unha carreira contra o tempo. O consumo excesivo, as perdas na rede e a falta de investimento colocan á cidade ao bordo dunha crise da auga. As preguntas son inevitables: ¿Estamos preparados para asumir as consecuencias da inacción? ¿Quen se fará responsable se a cidade queda sen auga?
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)