AD

Actualidad

MARÉ fará de Compostela un grande escenario das músicas atlánticas do 25 ao 29 de setembro

today12 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

12/09/2024 Albert Pla and The Surprise Band, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, SÉS, Puuluup, Shantel ou Francisco, El hombre forman parte dun cartel con voces procedentes de Galicia, México, Brasil, Palestina, Estonia ou Angola. O programa espallarase por Santiago ao celebrar os seus concertos na praza de Mazarelos, no Teatro Principal, na Casa das Crechas, na Sala Capitol e na Riquela. MARÉ inclúe tamén os encontros profesionais MATE Europa, que abranguen ‘showcases’, palestras e outras accións sectoriais; actuacións para a cativada e actividades de circo, poesía e artesanía con MARÉ Rúa.

Compostela converterase nun grande escenario para a diversidade das músicas atlánticas entre os días 25 e 29 de setembro grazas a MARÉ, festival que para a súa quinta edición reunirá unha trinta de bandas procedentes de diferentes latitudes. Voces orixinarias de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina Portugal, Cataluña, Valencia ou Galicia brindaranlle ao público de MARÉ un calidoscopio multicultural que fará da cidade un ano máis o epicentro atlántico para a confluencia artística. Así o adiantou hoxe o director de MARÉ, Vitor Belho, nunha rolda de prensa celebrada na recentemente inaugurada Casa RIA de Santiago, espazo ideado polo arquitecto David Chipperfiled.

Belho —quen compareceu na compaña de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, e Loreto Rodríguez, de Estrella Galicia— encargouse de lembrar a filosofía dun festival tan singular e concienciado como é MARÉ. Unha filosofía que, fundamentalmente, abrangue o activismo, a diversidade internacional ou o fomento de colaboracións entre artistas locais e internacionais. «A cultura debe ter valor social e por iso facemos alquimia para tocar públicos moi diversos e construír un público, unha comunidade contando por suposto coa integración da cidade e das súas xentes», afondou Belho.

Valentín García definiu MARÉ como «unha das grandes citas culturais en Santiago», que se suma a esta «época dourada» dos festivais «achegándolle diversidade e dándolle protagonismo á cidade». O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta puxo en valor a celebración do Día Europeo das Linguas, celebración que subliña «o protagonismo da diversidade de linguas que se dan cita no festival». Por parte da Deputación da Coruña, o seu vicepresidente Xosé Regueira afirmou que non se pode esquecer «a dimensión económica da cultura», o «impulso económico» que significa e o «ben representada» que está esta dimensión en MARÉ.

A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para subliñar que MARÉ representa «a diversidade cultural de Santiago» e permite que tanto veciñanza como visitantes gocen da cultura. «O festival está en sintonía cos valores culturais da cidade» rematou Louzao. Nesta mesma liña, a representante de Estrella Galicia, Loreto Rodríguez. incidiu que o festival coincide tamén «cos valores da entidade tanto no cultural coma no musical.»

Por último, o músico Rómulo Sanjurjo tomou a palabra para centrarse na parte profesional de MARÉ da que exerce como coordinador. Nese sentido, definiu MATE Europa como unha «plataforma para promovoer novas formas de cultura variada e inclusiva en tres cidades europeas». A sección profesional do festival está conformado por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas.

De Sumrrá&Niño de Elche a José Afonso

Con eses obxectivos, MARÉ armou unha programación que inclúe unha trintena de bandas, entre as que atopamos nomes tan destacados como son Albert Pla and The Surprise Band (Cataluña), Ana Lua Caiano (Portugal) Shantel (Alemaña), Puuluup (Estonia), Francisco, El Hombre (México), SÉS (Galicia) ou Sumrrá & Niño de Elche. Precisamente, esta aposta conxunta da banda de jazz compostelá co artista valenciano, unión que tan ben representa as esencias de MARÉ, copará o protagonismo o primeiro día. O seu concerto celebrarase ás 20.30 horas na Sala Capitol, tras a actuación inicial de Su Garrido Pombo. A xornada inaugural completarase con Diadorim na Riquela e a Foliada prevista na Sala das Crechas.
Tras estas primeiras citas, MARÉ despregará nos seguintes días o seu programa noutros espazos como son a praza de Mazarelos ou o Teatro Principal, cuxo escenario recibirá o xoves 26 á SÉS Trío ás 19.00 horas tras o concerto previo de Al Azar (Palestina), mentres que Albert Pla and The Surprise Band subirán o escenario da Sala Capitol ás 21.30 horas. A programación da segunda xornada tamén contempla os concertos da arxentina Aluminé Guerrero na Riquela e de DJ Panko, nas Crechas.

O venres 27, MARÉ brindaralle ao público un programa intenso. O Teatro Principal será o escenario para a portuguesa Ana Lua Caiano, que actuará tras a intervención do trío galego Nacho-Faia-LAR. En Mazarelos, sucederanse as actuacións de grupos como Delahuerta, Dupla ou o estonio Puuluup. Ademais, o venres será o día escollido por MARÉ para o regreso das Ultranoites de Chévere a Compostela. A Sala Capitol recibirá o regreso deste histórico formato teatral á cidade no que naceu tras case unha década de ausencia.

Xa o sábado 28, os nomes protagonistas serán A Pedreira, que actuará no Teatro Principal precedida pola voz da mexicana Laura Itandehui, e Francisco, El hombre (México/Brasil), que desembarcará na Capitol. O Coro da Rá, Marala ou Alana serán algunhas das actuacións que se poderán ver en Mazarelos, mentres que a Riquela contará con Zuaraz.
A xornada de clausura estará protagonizado por Lá no Xepangara, concerto homenaxe a José Afonso, que pretende reflectir a forte presenza da cultura africana na vida e obra deste lembrado artista e o seu papel na loita pola descolonización, a democratización e o desenvolvemento das sociedades lusófonas. Neste espectáculo de feche, que terá lugar no Teatro Principal, reuniranse voces e músicas chegadas dende Portugal, Angola, Mozambique e Galicia.

Día Europeo das Linguas

MARÉ sumarase unha edición máis á conmemoración do Día Europeo das Linguas, que se celebra cada ano o 26 de setembro. Para remarcar o seu compromiso coa diversidade lingüística, peza clave da multiculturalidade e mais da riqueza musical universal, o festival organizará ao longo do sábado 28 unha serie de actividades previas a todas as actuacións para subliñar un trazo esencial da riqueza idiomática: o seu imprescindible servicio á creación artística, á convivencia social e á pluralidade.

Ademais da reivindicación do Día Europeo das Linguas, MARÉ abrangue outras actividades que van máis aló do cartel principal de 30 bandas. Neste senso, cómpre subliñar que este ano se inclúe en MARÉ Crianzas o concerto de Lydia Botana o sábado 28 no Teatro Principal e o MARÉ Rúa, ofrecerá intervencións artísticas de circo, poesía e artesanía, así como a actuación Marexada percuta, pensada para o público familiar.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%