AD

Actualidad

O concelleiro de Urbanismo presenta as liñas do concurso para o Conector Central

today23 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

23/09/2024 O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, acompañado do concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e os xefes de servizo de Obras e Proxectos e Planeamento e Urbanismo, Antonio Ranedo e Enrique Seoane, respectivamente, deu a coñecer este luns os obxectivos e principais liñas do Conector Central, un concurso que aspira a ter alcance internacional para un «novo modelo urbano» con tres obxectivos principais.

Na rolda de prensa, Lestegás agradeceu a implicación do persoal que fixo un traballo técnico especializado e rigoroso aproveitando todo o coñecemento que hai no Concello e que permite que este concurso non sexa «unha folla en branco». Tamén destacou que no deseño deste concurso se tivo en conta a opinón dos expertos, o cal, en conxunto, revela a «importancia desta actuación para este goberno».

Iago Lestegás detallou que os tres obxectivos pasan por «mellorar o día a día das persoas e constrúir unha Compostela boa de vivir; garantir a sustentabilidade ambiental nun contexto de cambio climático que ameaza o futuro do planeta e coidar a calidade dos espazos públicos, sabendo que ten efectos moi notables no benestar». En definitiva, «mellorar a calidade de vida» das persoas.

O Conector Central parte dende o campo de San Clemente ata a contorna de San Caetano e ten un ámbito de actuación de preto de 43.000 m2 e 16 rúas e nós, e cinco tramos segundo as súas características. «É un espazo de oportunidade para avanzar cara ese novo modelo urbano». Na súa intervención, Iago Lestegás explicou que, actualmente o tráfico rodado «acapara demasiado espazo neste ámbito», pero en «boa parte» deste tramo o espazo dispoñible «é suficiente para reasignar o espazo dispoñible de xeito que se favorezan outras formas de mobilidade e outros usos do espazo público».

Acceder e atravesar

A proposta de circulación que se formula para o concurso é coherente co Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Na rolda de prensa este luns, Xan Duro confirmou a coherencia entre ambas cuestións, na liña de reducir o impacto ambiental do transporte e favorecer o uso compartido dos espazos públicos, «contribuíndo en defenitiva a mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía»

Na súa intervención, explicou que a rúa Virxe da Cerca é «unha das arterias centrais para a organización do transporte público, e conta con elementos atractores de mobilidade como a Praza de Abastos ou os centros de ensino da zona, e todas estas derivadas deben ser tidas en conta en calquera intervención».

Iago Lestegás remarcou, neste sentido, que a proposta de circulación distingue dous conceptos, nos que fixo fincapé: «acceder e atravasar». É dicir, poderase acceder a todos os puntos co vehículo pero non usar de «atallo» entre o Norte e Sur e viceversa. Si poderán circular no dobre sentido os autobuses de transporte colectivo e escolares, de mercadorías e residentes e os vehículos de emerxencias. Será obxecto do concurso determinar a mellor forma de organizar as diferentes mobilidades.

O concurso parte da idea do «centrifugado» do tráfico cara o exterior, un modelo que xa está en marcha noutras cidades para evitar o tráfico superfluo ou de axitación, de maneira que dúas rúas (Castrón Douro e a Rúa das Trompas) funcionarán como vectores de saída dos vehículos. En palabras de Lestegás, «trátase de superar o carácter de travesía urbana deste ámbito, unha reminiscencia de cando era a N-530».

E como dixo o concelleiro Xan Duro, esta saída de vehículos supón que «a rúa da Ensinanza será espazo libre de vehículos privados, salvo que sexan residentes».
Permitiráse o paso de vehículos motorizados particulares con orixe ou destino no propio ámbito de actuación, así como dos vehículos de carga e descarga ou servizos públicos como transporte, limpeza, emerxencias ou mantemento.
Con estas actuacións, o goberno local aspira a «reducir notablemente o número de vehículos no ámbito, sen impedir que aquelas persoas que necesitan acceder en coche poidan facelo».

«Esta é a nosa visión de futuro para este ámbito, froito dun traballo técnico rigoroso», indicou, para matizar que serán «os equipos participantes os que deberán definir como se materializa e como se distribúe o espazo do xeito máis harmónico, eficiente e xusto».

A Xunta de Goberno local deu luz verde este lunes ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que ten por obxecto establecer a colaboración entre o Concello e o Colexio, que se centrará na definición dos criterios técnicos de cada unha das fases do concurso, difusión do concurso e formar parte do xurado.

Criterios

O concelleiro Iago Lestegás explicou que os criterios para o concurso son, en primeiro lugar, a calidade urbana: accesibilidade, seguridade e equidade; flexibilidade, versatilidade e confort; e comercio de proximidade, un ámbito no que o goberno local está incidindo dende diferentes puntos da acción.

Tamén se inclúe o concepto do metabolismo urbano e sostibilidade, incluíndo o ciclo da auga, o verde urbano e os servizos; a materialidade (habitabilidade do espazo público, solucións de baixo impacto ambiental, durabilidade e mobiliario inclusivo); e o valor histórico (integración dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, matemento e reutilización dos pavimentos de granito existentes).

Outro criterio é o da circulación, coa busca do fomento do transporte colectivo e da mobilidade activa, a redución do número de vehículos particulares, calmado de tráfico e mellora da seguridade e da accesibilidade.

Fases do concurso

Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Nesta primeira fase, Iago Lestegás indicou que aspira a que se presenten o máximo número de candidaturas. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta na segunda fase do concurso.

Na segunda fase, os equipos presentarán unha proposta a nivel de anteproxecto entre as que se seleccionará a proposta gañadora.

Convocatorias para a rehabilitación de edificios

O executivo municipal tamén aprobou o lanzamento de dúas convocatorias de axudas para a rehabilitación de edificios enmarcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos da Unión Europea NextGenerationEU. Trátase de 2.186.400 euros para a rehabilitación da vivenda construída no século XX nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e 2.083.200 euros para actuacións nos edificios da cidade histórica.

Outros asuntos

O executivo municipal tamén deu conta do Convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para o outorgamento dunha subvención para o cofinanciamento das obras de acondicionamento da edificación existente para albergar o Centro de interpretación de arte rupestre de Villestro (CIRVI). A Deputación financiará o 100% do orzamento das obras, que ascende a 225.857,18 euros, IVE incluido, e que se levarán a cabo sobre un inmoble e unha parcela situados na parroquia de Villestro, no lugar de Feáns, que forman parte na actualidade dun equipamento comunitario docente público de Infantil e Primaria.

A Xunta de Goberno local tamén aprobou provisionalmente o Plan municipal de prevención contra os incendios forestais do Concello de Santiago. Con este Plan, dáse cumprimento ao establecido na Lei 3/2007 que obriga a definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa para garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas.

Tamén se acordou a concesión dunha licenza á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para realizar as obras de ampliación do IES Eduardo Pondal, unha actuación cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros. Con estas obras, levarase a cabo, entre outras actuacións, a ampliación do edificio existente para incorporar novas aulas, amodificación das cubertas con problemas de infiltracións, a ampliación da biblioteca, a instalación dunha caldeira de biomasa, a mellora do sistema de prevención contra incendios, a incorporación de espacios exteriores cubertos ou a reubicación da pista deportiva.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%