AD

Actualidad

Santiago abre o prazo para solicitar as axudas de comedor escolar, material e actividades extraescolares

today20 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

20/05/2024-. Este martes 21 de maio quedará aberto o prazo para solicitar as bolsas de comedor escolar, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o próximo curso 2024-2025, despois de que o Boletín Oficial da Provincia publicara este luns a convocatoria. As axudas pódense solicitar ata o 3 de xuño.

O BOP publica este luns a convocatoria das bolsas de comedor escolar, adquisición de material e realización de actividades extraescolares, á que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais destina 1.100.000 euros. O orzamento é case un 40% superior ao da pasada convocatoria, que contemplaba un presuposto de 795.000 euros. Tal e como explicou a concelleira María Rozas, «nesta convocatoria tamén se introducen novidades en canto aos criterios de baremación e as contías das axudas, co obxectivo de chegar a máis familias e facer unha aposta real pola igualdade de oportunidades».

Xornada informativa

Para facilitar a xestión das solicitudes, este martes celebrarase unha xornada informativa na Casa das Asociacións de Benestar Social, en Salgueiriños. Será a partir das 10.00 horas, e poderá achegarse calquera persoa que teña dúbidas sobre a convocatoria, as diferentes modalidades de bolsas que se inclúen nela, ou a documentación que deben achegar na solicitude. Ademais, os diferentes puntos de atención de Servizos Sociais atenderán a todas as persoas interesadas, de luns a venres, en horario de 9.30 a 11.00 horas.

Novidades na convocatoria

A convocatoria establece tres modalidades de bolsas: as dirixidas a familias con escaseza de recursos económicos, que poden ser bolsas de comedor ou bolsas para a realización de actividades extraescolares; as bolsas para a adquisición de material escolar para o segundo ciclo de educación infantil, que non quedan limitadas ás familias con escaseza de recursos como acontecía en anteriores convocatorias; e as bolsas de comedor para facilitar a conciliación.

No que ten que ver coas contías, a principal novidade prodúcese nas bolsas para a adquisición de material escolar, que serán dun máximo de 100 euros nun pago único, fronte aos 60 euros de anteriores convocatorias. Ademais, poderán solicitar estas axudas as familias que non superen a renda familiar anual de 5 veces o IPREM (36.000 euros anuais), mentres que ata agora estaban limitadas a familias que non superaran a renda per cápita do 100% do IPREM anual, fixado en 7.200 euros. A concesión destas bolsas está limitada ao crédito máximo de 50.000 euros.

Na modalidade de bolsas de comedor por motivos de escaseza de recursos, a contía establecida na convocatoria mantense en 90 euros mensuais, pero como novidade incorpórase a posibilidade de conceder axudas de ata 180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial. Ademais, no caso destes centros as axudas tamén se poderán solicitar para Secundaria.

En canto ás bolsas para a realización de actividades extraescolares, abonaranse ata 15 euros mensuais no caso de actividades de 1 hora un un día á semana, e ata 30 euros mensuais para o caso de actividades dende 2 horas ou 2 días á semana. Nestes dous casos, establécense novos criterios de baremación, para facilitar o acceso ás axudas de máis familias.

Por último, nas bolsas de comedor para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, o importe establecido mantense en 45 euros mensuais. O umbral para acceder a estas axudas queda fixado en 5 veces o IPREM (36.000 euros anuais) , mentres que que na anterior convocatoria era de 3,5 veces o IPREM (25.200 euros anuais).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%