Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 julio, 2025
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que aglutina gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, conmemorará o vindeiro martes 8 de xullo o seu 40ª aniversario. Para celebrar a efeméride, a AAAG reunirá nun encontro aberto a tres das súas fundadoras: Rosa Álvarez, Luma Gómez e Gonzalo Uriarte. Este trío de intérpretes reflexionarán sobre a evolución do sector escénico e mais do sector audiovisual nunha mesa redonda que moderará a actriz Anabell Gago. O encontro, que será de acceso libre tanto para os membros da profesión escénica como para o público xeral até completar capacidade, terá lugar na galería da sede da SGAE en Santiago de Compostela (Rúa das Salvadas, 2A. Parque de Vista Alegre).
A AAAG reúnen neste evento a Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG; a Gonzalo Uriarte, primeiro presidente da AAAG, e a Luma Gómez, actriz que xunto a Mabel Rivera, Marisa Soto, Xabier Lourido e Ernesto Chao presentaron ante notario a acta de constitución da AAAG en 1985. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) nacía ese ano baixo o antigo nome oficial de Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena. Principiaba así o asociacionismo na profesión en Galicia.
Traxectoria da AAAG
A AAAG botaba andar nun contexto moi concreto: nos primeiros compases da profesionalización da interpretación. Cómpre lembrar que, tradicionalmente, se toma como data de referencia para situar o inicio desta profesionalización o 16 de maio de 1978, día en que Antroido estreou en Santiago de Compostela Laudamuco, señor de ningures. En 1984 nacía o Centro Dramático Galego coa estrea de dúas obras: a fundacional Woyzeck, dirixida por Xúlio Lago, e Agasallo de sombras, texto de Vidal Bolaño que se converteu na primeira obra galega producida pola institución de teatro público. E, xusto un ano despois da constitución da AAAG, principiaron as emisións da Televisión de Galicia.
Neste contexto, a profesión decidiu crear dende o colectivo unha asociación que lle dese voz e representatividade fronte a administración e diante da sociedade. O traballo da AAAG nestas décadas plasmouse en diferentes iniciativas e proxectos. Neste ámbito, destacan aspectos como os plans formativos desenvolvidos ao longo destas décadas, de grande importancia para a profesionalización sobre todo nos tempos previos á creación en 2005 da Escola da Arte Dramática de Galicia (ESAD); a creación dos Premios de Teatro María Casares, galardóns que en 2026 celebrarán a súa 30ª edición grazas ao apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e o Concello da Coruña que sempre acolleu no Teatro Rosalía Castro a gala de entrega; ou o I Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia, impulsado pola AAAG e asinado polos sindicatos, por Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais, texto aínda en vigor e pioneiro no estado.
Escrito por Líder Redacción
AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) Gonzalo Uriarte Luma Gómez Rosa Álvarez
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)