AD

Actualidad

A Área Empresarial do Tambre distingue nove empresas ao faceren 25 anos asociadas

today9 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

  • A entidade celebrará o acto de homenaxe ao asociado este mércores 11, ás 20:00 horas, no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre

Santiago de Compostela, 9 de decembro 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) homenaxeará a nove empresas que cumpriron vinte e cinco anos na Asociación do polígono industrial en 2024. As compañías distinguidasson: Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Comercial Martínez Sánchez (COMASA), Delagro, Grespania, Limpiezas Faro, MODIPU, Sistemas de Seguridade A-1, Sonepar e Transportes Frigoríficos Narval.

A entidade celebrará o acto de homenaxe este mércores, 11 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:00 horas. O evento será presentado por Xavier Freire, vogal da xunta directiva da  Asociación, que fará entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo. O acto estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca; e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López;
ademais doutros representantes institucionais e das empresas distinguidas.

A Asociación quere premiar a “fidelidade destas firmas por confiaren no movemento asociativo, unindo forzas e esforzos en aras de lograr beneficios xerais” para todas as compañías que integran a área empresarial compostelá, segundo subliña a entidade. O presidente, José Fernández Alborés, engade que o evento é tamén unha forma de “outorgar visibilidade de forma individualizada” ás empresas que forman o conglomerado do Tambre. “Un ano máis as actividades económicas das firmas son moi variadas, polo que dan idea dun tecido empresarial diverso e consolidado”, segundo destaca Alborés

EMPRESAS 25 ANOS_ 2024 ACTO ASOCIADO_ASOCIACIÓN ÁREA EMPRESARIAL DO TAMBRE

  • Centro de Transfusión de Galicia/ Actual Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) (https://ados.sergas.gal)

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) foi creada co obxecto de converterse no centro de referencia en Galicia para os distintos tipos de doazóns altruístas que se poden desenvolver no sistema público de saúde galego: sangue, órganos, tecidos, medula ósea, SCU. A ADOS creouse en xaneiro de 2016, integrando nesta estrutura ao antigo Centro de Transfusión de Galicia, e asumindo os labores de almacenaxe, procesamento, xestión e distribución dos compoñentes sanguíneos que precisa o sistema de saúde de Galicia e que funciona ininterrompidamente ás 24 horas os 365 días do ano.

Grazas ao labor desenvolvido pola Axencia, as unidades móbiles achegan o solidario xesto da doazón de sangue a todos os recunchos de Galicia, acadando 103.525 doazóns de sangue no pasado ano 2023, das que 8.686 doazóns rexistráronse en Santiago de Compostela que se erixiu como a cidade con maior taxa de doazón de Galicia (88 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano). Así mesmo, o compostelán Polígono do Tambre é un punto de referencia inescusable desde hai 30 anos e as nosas unidades móbiles teñen visitado, desde 1994, esta superficie industrial varias veces cada ano, acadando un total de 3.462 doazóns no transcurso destas campañas.

  1. Comercial Martínez Sánchez (COMASA) (https://cashgalicia.net)

Comercial Martínez Sánchez (COMASA) é a empresa que está detrás de Cash Galicia, unha cadea de autoservizos maioristas con máis de corenta anos de experiencia ao servizo do profesional da hostalería e a alimentación. Dispón de 14 centros para dar cobertura a toda a comunidade. En concreto, o seu centro de Santiago, situado na rúa País Vasco 19 do parque empresarial da Sionlla, é un centro de cash & carry no que ofrece aos clientes unha ampla gama de artigos de bebidas, alimentación, droguería, bazar e menaxe ao mellor prezo. O centro compostelán serve para probar a saída de produtos innovadores para despois, se funcionan, poñelos a disposición do resto de clientes da comunidade

  1. Delagro, Sociedad Cooperativa (https://delagro.org/)

DELAGRO Sociedad Cooperativa A. é unha cooperativa de segundo grao que ten a súa orixe en 1994, cando tres cooperativas de segundo grao: Cica (Asturias), Sergacán (Cantabria) e Cecoop (Galicia), deciden unificar esforzos, aproveitar sinerxias e levar a cabo una actividade comercial común.

A integración destes tres socios no ano 2005, da como resultado una cooperativa de segundo grao, cuxa actividade principal consiste na distribución de subminístroos e prestación de servizos ao medio rural, que na actualidade, está participada por 19 cooperativas + 2 asociados.

O volume de negocio de DELAGRO supera os 332 millóns de euros anuais, cunha influencia directa na cornisa Cantábrica e resto de Galicia, e desenvolve a súa actividade en tres centros de traballo: un no Polígono Industrial de Almuña, en Luarca (Asturias) onde se mantén a sede social, outro no Polígono do Tambre en Santiago (Vía Pasteur 30, baixo) e un complexo multidisciplinar en As Pontes de García Rodriguez (Polígono Industrial Penapurreira).

Nestes máis de 25 anos, a entidade converteuse nun referente como central de compras mellor posicionada do noroeste de España e un paradigma de integración cooperativa, apostando, entre outras cuestións, polo desenvolvemento das tecnoloxías (coa consolidación de programas propios coma DelagrOS, RodadOS, ComunicadOS, Ferplan…) e a ampliación e diversificación dos seus provedores, mediante sistemas de “homologación de provedores”, alianzas estratéxicas, protección e impulso das marcas propias, entre outras.

Outro gran reto asumido, foi a posta en marcha do Complexo Multidisciplinar de Fertilizantes, levantado en As Pontes (A Coruña) no ano 2014. Cunha superficie de 36.000 m², dedicado á fabricación e distribución de fertilizantes, así como ao almacenamento e distribución ás cooperativas de produtos terminados e outros bens complementarios, como plásticos de ensilado, produtos de hixiene para muxir, alimentos para mascotas e leites maternizadas.

Hoxe en día, a planificación e operativa de Delagro segue a ser unha ferramenta ao servizo dos seus socios, mantendo como misión ofrecer produtos e servizos que aporten valor ao sector agrario e ao medio rural, fomentando o desenvolvemento de actividades en común e a integración e colaboración intercooperativa.

  1. Grespania (https://www.grespania.com)

Grespania é unha empresa internacional con case 50 anos de historia, dedicada á fabricación e comercialización de produtos cerámicos innovadores en canto a propiedades e deseño. O investimento constante, a incorporación continua dos últimos avances en fabricación e deseño e o máximo respecto polo medio ambiente consolidaron o seu liderado mundial ao longo dos últimos anos.

Na actualidade dispón de tres fábricas que incorporan as últimas tecnoloxías e os procesos máis avanzados para a produción de pavimentos de gres porcelánico, de revestimentos de pasta branca, de pedra sinterizada  de gran formato de ata 120×360 cm. e reducido espesor e de placas de 10,5 mm., 12 mm. e 20 mm. de espesor ideal para encimeiras de cociñas, mesas ou armarios. Ademais dos seus centros loxísticos en España, situados en Granada, Santiago de Compostela –sendo o centro de servizo de Galicia na Vía Édison 52 do polígono do Tambre–, Barcelona e Madrid, a empresa conta con filiais en Francia, Italia, Holanda, Polonia, Reino Unido, EEUU e Asia.

O Centro loxístico de Santiago dispón de stock de Coverlam Top para encimeiras e está dotado de todos os recursos loxísticos para poder subministrar este produto a marmolistas en toda Galicia, Asturias e Norte de Portugal.

  1. Limpiezas Faro (https://grupofaro.com)

Limpiezas Faro S.L., compañía galega líder no sector da limpeza, e con máis de 50 anos de historia, basea os seus servizos nuns altos estándares de calidade e de satisfacción dos usuarios.

A Delegación Galicia Centro, situada dende hai 25 anos na rúa Vía Copérnico 23 do Polígono do Tambre, ofrece os seus servizos de limpeza a toda a zona centro de Galicia chegando as provincias de Castela e León. Máis de 300 persoas traballadoras que dependen desta oficina dan servizo en edificios públicos, centros de saúde, hospitais, estacións de tren, fábricas, oficinas e comunidades de veciños, aportando un 25 % do volume de negocio da compañía.

  1. MODIPU (https://www.modipu.com)

MODIPU presta servizos integrais de obras e reformas chave en man para hostalería, locais comerciais, franquicias e vivendas. Con máis de 40 anos de compromiso co presuposto e prazos pactados en proxectos de interiorismo, ofrece deseño, solucións creativas e máxima eficacia ante os retos.

Desde a rúa José Villar Granjel 21 de Boisaca, MODIPU dispón dun equipo especializado e consolidado co fin de dar servizos diferenciados e con produtos exclusivos, aportando ao cliente unha calidade construtiva do maior nivel. Para isto, dispón dun Showroom cunha selección de marcas, desde a tradición ata a tecnoloxía máis punteira do mercado actual.

O compromiso da empresa é a «calidade total», con garantía de fábrica como distribuidores oficiais xunto á garantía de execución das súas obras e reformas por parte da empresa.

  1. Sistemas de Seguridade A-1 (https://seguridadea1.com)

Seguridade A1 naceu en 1978 en Santiago de Compostela, coa misión de protexer ás persoas. Orixinalmente dedicada á instalación de alarmas, a empresa destacou dende o inicio pola súa calidade e eficiencia. Con visión de futuro, apostou pola innovación tecnolóxica como motor de crecemento, ampliando os seus servizos cara a áreas como a videovixilancia, a protección contra incendios e a aplicación da intelixencia artificial.

Hoxe, con máis de 45 anos de experiencia, Seguridade A1 é a empresa líder en seguridade privada en Galicia. Conta con máis de 30.000 instalacións realizadas, máis de 11.000 clientes satisfeitos e tres delegacións en España. As oficinas principais están situadas na rúa José Villar Granjel 30, no polígono de Boisaca, onde se atopa o seu Centro Receptor de Alarmas, único en Galicia.

Seguridade A1 conta cun equipo de máis de 100 profesionais comprometidos coa seguridade de empresas, industrias e fogares.

A innovación constante, combinada coa filosofía de proximidade e trato personalizado que caracteriza a Seguridade A1, permítelle competir de igual a igual coas grandes multinacionais da seguridade privada. Proba diso é o feito de que entre os seus clientes se atopen moitas das maiores industrias e compañías de Galicia.

Mantendo sempre o seu compromiso de ofrecer solucións personalizadas e adaptadas ás necesidades reais de cada cliente, Seguridade A1 segue a medrar consolidándose como referente en calidade e servizo.

  1. SONEPAR (anteriormente coñecida como Digamel) (https://sonepar.es/)

O Grupo DIGAMEL é un referente español na distribución de material eléctrico con máis de 45 anos de experiencia no asesoramento e venda de baixa e media tensión, automatización e control industrial, iluminación, telecomunicacións, fotovoltaica, vehículo eléctrico, subestacións, climatización e eficiencia enerxética.

En 1977 Manuel Fernández Rodríguez funda DIGAMEL, distribución de material eléctrico en Vilagarcía de Arousa. Con moito traballo e dedicación e apoiado por un gran equipo de profesionais, consigue situar DIGAMEL como empresa líder no sector da distribución. En 1991 inaugura a central do grupo en Pontevedra e inicia a súa expansión por Galicia abarcando zonas estratéxicas de venda con novos almacéns.

Actualmente, o Grupo DIGAMEL forma parte do grupo Sonepar Spain SAU e desde o pasado 1 de outubro opera xa baixo ese nome. Como referente na distribución de material eléctrico de media tensión e telecomunicacións dispón de delegacións na Coruña, Santiago (Vía Arquímedes 25), Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Narón e Avilés.

  1. Transportes Frigoríficos NARVAL (https://narval.es)

A historia de Narval remóntase a 1981, cando o seu fundador, Antonio Sánchez Pardo, creou Exfrenadura Express. Antonio proviña dunha saga familiar vinculada ao transporte desde o século XIX e desenvolvera a súa actividade profesional varias décadas na empresa familiar, “Empresa Montaña S.A.”. Ao nacer Exfrenadurs Express, dábase continuidade á xa desaparecida empresa que foi referencia en transportes en gran parte do século XX.

En 1998 naceu Transportes Frigoríficos Narval como unha empresa familiar, especializándose no transporte de mercadorías a temperatura controlada. Desde entón, traballou arduamente ata converterse nun referente no sector loxístico frigorífico.

O seu obxectivo é seguir expandindo as súas operacións no sector da loxística en refrixerado e conxelado. Para iso conta cun equipo altamente capacitado e dedicado, que traballa incansablemente para garantir a entrega segura e oportuna de produtos perecedoiros. A súa flota de vehículos refrixerados de última xeración e as súas instalacións de almacenamento con tecnoloxía de vangarda permítenlle cumprir cos máis altos estándares de calidade e manter a integridade dos produtos en todo momento.

A empresa apostou por ofrecer os seus servizos en España e en Portugal, y actualmente conta con 14 centros propios situados estratexicamente en cidades como Almería, Alacante, Barcelona, Burgos, Córdoba, Granada, Xaén, Lisboa, Madrid, Málaga, Mérida, Santiago (na rúa José Villar Granjel 42-44 do polígono de Boisaca), Sevilla, e Valladolid. Estas sedes propias, continuamente renovadas, dispoñen dunha ampla capacidade de conxelado e refrixerado, con máis de 25.000 metros cadrados para albergar unhas 250.000 toneladas anuais. Ademais, estableceu acordos con colaboradores locais en lugares como Santander, Bilbao, Murcia, Zaragoza, entre outros.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%