AD

Actualidad

A carballeira de Conxo encheuse de festa na V edición do Banquete

today26 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

26/05/2024 A Festa do Banquete de Conxo congregou un ano máis centos de composteláns e compostelás o venres 24, o sábado 25 e o día grande, o domingo 26, cando se conmemorou o orixinal banquete do 2 de marzo de 1856 cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que durou dende a mañá ata ben pasada a tarde. Teatro, música, artesanía e moito máis encheron os tres días de festa. Aos festexos asistiron a alcaldesa e membros da Corporación municipal.

Tras dous días cun programa repleto de actividades para todos os gustos e idades, o día grande da festa arrancou co desfile «Alá van estudantes e artesáns» que partiu da praza do Toural e percorreu as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, ata chegar á praza de Conxo, onde María Luísa López Otero se encargou da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixiuse á carbarlleira de Conxo onde se fixo unha representación teatral do Banquete para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.

Pola tarde celebrouse «O serán da Fraternidade», unha foliada que estivo amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos, seguido polo pregón de despedida da Festa, a cargo da cineasta Jaione Camborda.

Todo isto veu acompañado do Mercado do Libro na praza de Aurelio Aguirre, no que participaron un total de 16 expositores. Ademais, o mercado completouse con numerosas actividades paralelas para adultos e para a cativada.

Certame fotográfico

Desde mañá, calquera persoa maior de 18 anos pode participar na primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde mañá, 27 de maio ata o 31. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%