AD

Actualidad

A compañía compostelá Redrum Redrum Teatro levará a escena ‘Sophie non é o meu nome de guerra’

today27 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

Redrum Teatro levará a escena Sophie non é o meu nome de guerra, obra escrita por Roberto Pascual galardoada en 2021 co Premio Rafael Dieste de textos teatrais que convoca a Deputación da Coruña. A institución provincial financia a produción, cuxa estrea se celebrará o vindeiro 23 de maio no Teatro Colón da cidade herculina. Redrum, que xa iniciou os ensaios en Ribadavia grazas á colaboración do Concello, conta con Laura Míguez para a dirección desta obra, ópera prima como dramaturgo de Roberto Pascual, investigador teatral, profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra de Ribadavia entre 2009 e 2024. As actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin protagonizan a montaxe.

En Sophie non é o meu nome de guerra, Redrum Teatro traza dende as táboas unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña. Nela, o público presenciará un duro periplo vital na que a protagonista, Sophie, sofre a violencia da trata de mulleres, das restritivas políticas migratorias europeas e da hostilidade social que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que arrodea as mulleres migrantes. Malia toda esta dureza, Sophie non é o meu nome de guerra é un relato que abre as portas á esperanza.

Porque a historia de Sophie, que está baseada en feitos reais,  é moito máis ca historia dunha vítima, é a historia dunha muller que ama e quere ser amada, divertida vital, que desexa e que procura, como calquera outra persoa -migrante ou non- a oportunidade dun futuro mellor. Ao longo da obra, dividida en doce cadros, coñecemos a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de achegarnos ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña.

Fronte aos discursos do odio

A posta en escena de Redrum, que ofrecerá unha proposta contemporánea onde os recursos audiovisuais se mesturan con elementos poéticos e co teatro textual, apostará por poñer o foco na migración forzosa, na trata de mulleres e na explotación, tanto sexual como laboral. Mais o grande obxectivo da obra non pasa pola crueza do retrato, senón por espertar a empatía do público para que se vexa a muller e non só a vítima, a persoa e nunca o estereotipo. Procúrase ir máis aló para rachar coa invisibilidade de mulleres reais que non habitan só nas obras de teatro, nas películas ou nos xornais, senón que viven nos nosos edificios, nos nosos barrios, nas nosas cidades. En definitiva, mulleres que son as nosas veciñas e forman parte da nosa comunidade.

Esta é a proposta escénica de Redrum, que nos achega unha singular mostra de teatro comprometido que busca amosar e sensibilizar no complexo contexto actual. Un contexto no que circulan e no que se reproducen cada vez con maior pegada os discursos de odio contra a diferenza en xeral e contra a poboación migrante en particular.

Con estas coordenadas dirixe Laura Míguez este texto de Roberto Pascual no que se foxe dos estereotipos e da revitimización. O equipo artístico complétase con Atenea García, axudante de dirección; As dúas e punto, que se encargan da escenografía e mais da iluminación, con Mounqup, proxecto musical da propia Camille Hedouin que asume a creación do espazo sonoro.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *