Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 julio, 2024
O Consello Consultivo de Galicia, que preside o maxistrado José Luis Costa Pillado, presentou esta mañá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa Memoria anual correspondente a 2023. Aprobada polo Pleno do Consello Consultivo con data 26 de xuño de 2024, recolle a actividade desenvolvida polo organismo durante o pasado ano, así como as observacións e suxestións realizadas en relación cos actos e procedementos administrativos sometidos a ditame.
A maioría dos ditames –o prazo medio de emisión no ano 2023 foi de 23,50 días- foron reclamados pola Consellería de Sanidade, seguida pola Consellería de Facenda e Administración Pública.
En 2023, os expedientes solicitados distribuíronse da seguinte maneira:
Respecto da Administración local, a provincia que elevou máis expedientes a consulta foi A Coruña (59), seguida por Pontevedra (42), Ourense (18) e Lugo (6).
Do total de expedientes remitidos para o seu exame por parte deste órgano consultivo, de acordo coa materia obxecto de ditame, o maior número segue correspondendo a reclamacións de responsabilidade patrimonial, 301, seguidas dos contratos administrativos, con 48 expedientes, das revisións de oficio de actos administrativos, con 20 expedientes, e dos proxectos de normas xerais, con 24 (22 proxectos de decreto e 2 proxectos de orde).
Votación telemática e nulidade de actuacións en contratación pública. Segundo a doutrina da Sección de Estudos e Informes, o Consello Consultivo emitiu varios informes importantes en 2023 como o da avaliación da posibilidade de asistencia e votación telemática, incluíndo votación anticipada, nas sesións dos órganos de goberno das entidades locais; tamén elaborou o informe relativo á administración na que debe estar en servizo activo un funcionario de carreira do corpo da policía local para participar en procesos selectivos de promoción interna; a análise dos usos autorizables en solo rústico; os procedementos a seguir en materia de declaración de nulidade de actuacións en contratación pública cando se prescinde totalmente do procedemento; avaliación sobre a contratación de servizos postais no Concello; e a viabilidade da subrogación do persoal laboral adscrito a licitadoras de determinados servizos do Concello.
Proxectos normativos. En canto a proxectos normativos ditaminados polo Pleno, destacan o proxecto para a creación da área de Turismo Termal en Ourense, así como a creación e regulación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Ademais, modificáronse as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia (popularmente coñecidas como a conversión de baixos comerciais en vivendas) e regulouse a organización e promoción do persoal de investigación nos organismos da Administración autonómica. Tamén se modificou o decreto sobre as condicións para o exercicio profesional do socorrismo acuático.
Como recurso de inconstitucionalidade, está o relacionado co imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas.
Outras materias. O supremo órgano consultivo de Galicia tratou e debateu sobre recursos extraordinarios de revisión, concesións administrativas, revisións de oficio, declaracións de nulidade de pleno dereito, contratacións administrativas, responsabilidade patrimonial contractual, responsabilidade por danos derivados doutros actos das administracións públicas e responsabilidade patrimonial sanitaria.
Actividade non consultiva. Dentro do Plan de Formación, no ano 2023 este órgano consultivo organizou sete cursos, celebrándose dúas edicións de cada un deles. É importante resaltar que a docencia impartida e organizada polo Consello Consultivo de Galicia conta cunha ampla demanda, esgotándose sempre as prazas ofertadas (un total de seiscentas), e cunha valoración alta do material docente achegado e do profesorado dos cursos, acadando unha puntuación por riba do catro sobre cinco puntos.
Con isto, a Memoria 2023 do Consello Consultivo reflicte o compromiso continuo deste organismo co asesoramento xurídico de calidade e coa transparencia na súa xestión. O supremo órgano consultivo seguirá traballando en colaboración coas diferentes Administracións públicas para mellorar a eficacia dos actos e procedementos administrativos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)