Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 septiembre, 2025
Compostela Street Festival celebrará a súa primeira edición esta fin de semana no Campus Sur de Santiago, converténdose nun referente da cultura urbana a nivel nacional e internacional. O evento reunirá máis de 500 participantes en disciplinas que van desde o breaking, o street workout ou o beatbox, ata o baloncesto 3×3, o parkour e o skate. Ademais, contará con concertos, talleres para nenos, zonas de relax e espazos abertos para iniciarse nestas actividades.
Alberto Muño, un dos organizadores, destacou que “é un macrofestival de cultura urbana cun montón de microfestivais dentro do propio festival”. Lembrou que o proxecto naceu da evolución do antigo Compostela Skate, que comezou en 2007 como unha pequena quedada e agora medrou ata converterse nun evento inclusivo, participativo e cunha dimensión sen precedentes.
O escenario natural do Campus Sur será a sede das actividades. “É unha zona espectacular, ao aire libre, sombreada e con céspede, todo o necesario para que un evento saia perfecto”, explicou Muño, quen tamén destacou o apoio da Universidade de Santiago e de institucións locais.
O programa inclúe probas de alto nivel, como o Campionato de España de breaking e a competición mundial de street workout. “Queremos que sexa un evento aberto a todo o mundo, pero tamén dar ese toque profesional traendo probas cun nivel altísimo que non se ven habitualmente”, apuntou o organizador.
Muño lembrou que a entrada será gratuíta e animou a participar non só como público, senón tamén colaborando: “O máis importante é que a xente veña, que faga ruido, que participe, e sobre todo que a mocidade atope un hobby ou unha disciplina que lle faga clic e lle poida cambiar a vida”.
O organizador salientou tamén o cambio de percepción social arredor da cultura urbana: “Hai 20 anos o graffiti era visto como vandalismo; hoxe é arte urbano exposto en museos. O skate e o break eran cousas de rapaces facendo ruido, agora son deportes olímpicos”. Para Muño, esta evolución fixo posible que institucións e cidadanía abracen eventos coma este.
A programación prolongarase de venres a domingo, con actividades desde as dez da mañá ata a noite, incluíndo concertos de artistas como LaBlackie, DJ Mil, Lady Funk ou Ricki Hombre Libre. “Este só é o inicio. Queremos medrar ano tras ano, mellorando a comodidade tanto dos deportistas como do público. Compostela Street vén para quedar”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
compostela street festival cultura urbana Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)