Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 octubre, 2024
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, do BNG, asumiu a alcaldía nas pasadas eleccións grazas ao apoio de Alternativa por Arzúa e o PSOE. No inicio da súa lexislatura, confesou que se enfrontou a dificultades pola excesiva burocracia, a falta de persoal no Concello e a urxente necesidade de melloras no rural. Nunha entrevista xunto a Álvaro Veiga, o rexedor abordou estes temas e puxo o foco nas obras pendentes, a xestión da Festa do Queixo, o desenvolvemento industrial e a carencia de servizos como o centro de día ou a vivenda.
Xoán Xesús Carril afronta o seu primeiro mandato como alcalde de Arzúa con varias dificultades. O rexedor sinalou que a burocracia é excesiva nas administracións locais, algo que considera debería ser revisado para facilitar a xestión pública, xa que repercute na calidade de vida dos veciños. Esta burocracia, sumada á marcha da secretaria e da interventora, claves para dar celeridade aos proxectos e expedientes municipais, estivo ralentizando o avance de moitas iniciativas. Ademais, lamentou a falta de persoal en case todas as áreas administrativas do Consistorio, o que complica aínda máis o desenvolvemento do Concello. Carril asegura que moitos proxectos que se inician nunha lexislatura acaban materializándose, con sorte, na seguinte, siga ou non o mesmo goberno.
O alcalde recoñeceu que ten unha débeda co rural, onde urxe o arranxo das pistas, que considera están nun estado moi deficiente. «Necesitan actuacións inmediatas», asegurou. Ademais, Carril admitiu que o servizo de recollida do lixo está a mostrar deficiencias, especialmente pola falta de efectivos no equipo de limpeza. Puxo como exemplo unha bolsa de emprego con seis persoas, da cal só unha foi contratada, debido á escaseza de candidatos dispoñibles.
A situación da limpeza en Arzúa non se debe só á falta de persoal, segundo o alcalde. Carril sinala que a chegada masiva de peregrinos, que duplica a poboación do municipio nos meses de verán, tamén contribúe á sucidade que, por momentos, afecta o concello. Non obstante, tamén fai unha chamada á responsabilidade cidadá, xa que algúns veciños tampouco colaboran co coidado dos espazos públicos, aínda que puntualiza que estes casos son minoritarios. A ampliación da traida de auga tamén é unha prioridade para o primeiro edil.
Doutra banda, explica que entre as obras que se van a executar de inmediato destacan a actuación na Rúa da Calexa, a segunda fase da Fraga do Rei e a renovación do parque da feira, que pasará a chamarse Parque Ana Kiro, en homenaxe á coñecida cantante arzuá.
Carril subliñou o orgullo que sente polo sector agrogandeiro de Arzúa, especialmente pola produción de queixo, sendo o queixo de Arzúa – Ulloa o máis vendido en Galicia e o segundo en todo o estado español. Sobre a edición número 50 da Festa do Queixo, o alcalde evitou entrar en polémicas pola retirada das competencias a José Luis García, tenente alcalde e portavoz de Alternativa por Arzúa. Carril agradeceu o traballo realizado por García e deixou claro que, nas futuras edicións, o queixo será sempre o protagonista da festa, asegurando a continuidade do popular festival, no que dende o Concello farase unha aposta por reforzar a presenza de grupos e artistas galegos.
Un dos problemas máis acuciantes para o alcalde é a falta de vivenda dispoñible, unha cuestión que, segundo el, será aínda máis grave cando se remate a autovía Santiago-Arzúa, que deixará o municipio a menos de 20 minutos da capital galega. Carril sinala que Arzúa se converterá nun concello con todos os servizos necesarios, o que incrementará a demanda de vivenda. Neste sentido, tamén considera urxente a ampliación do parque industrial para atraer novas empresas.
Outro dos proxectos prioritarios para Carril é a creación dun centro de día en Arzúa, que considera «máis que necesario». Con todo, lamenta que a Xunta de Galicia non apoie esta iniciativa, ao considerar que os centros de día de Melide e Boimorto son suficientes, malia que non teñen prazas dispoñibles. Agradeceu, iso si, aos promotores privados que planean implantar un centro de día na localidade. Ademais, o alcalde avanzou os seus plans para rexenerar a área recreativa do embalse de Portodemouros, recuperando as sendas para ciclismo, camiñadas e deportes náuticos, como antigamente se celebraban con probas a nivel rexional e nacional.
Carril criticou a implantación da fábrica de Altri no concello veciño de Palas de Rei, unha postura compartida polo BNG, partido ao que pertence. As súas críticas céntranse no impacto ambiental e social que esta industria podería ter na comarca. En canto a os posto de traballo que se xeraría con esta empresa, o rexedor lembrou que «afortunadamente o paro que temos nestes concellos é moi baixo».
Finalmente, o alcalde tamén expresou o seu desconcerto polo papel que está a xogar a oposición, á que cualificou de «nada construtiva». Carril criticou que «todas e cada unha das propostas» presentadas polo tripartito son rexeitadas pola oposición, sen ofrecer alternativas ou razóns coherentes. Segundo o rexedor, esta postura non resulta razoable nin beneficiosa para o progreso do concello.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)