AD

Actualidad

A Festa do Banquete de Conxo inclúe actividades para todas as idades

today21 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

Durante toda a fin de semana, o programa ofrecerá diversas propostas para todos os públicos pensadas para descubrir e gozar da contorna da Carballeira de Conxo. Este venres 24 terá lugar a visita literaria «as voces do bosque», guiada polo escritor Quique Alvarellos, e un Scape Room coa que as/os participantes poderán coñecer máis sobre este espazo e a súa historia. O sábado 25, será a quenda do taller de observación de aves, o de «baños de bosque» e a unha ruta que inclúe unha visita e exhibición do funcionamento do muíño de Mourullo, en Sar. Todas as persoas interesadas en participar nestas actividades deberán inscribirse de maneira previa.

O barrio de Conxo celebrará esta fin de semana a súa histórica festa para conmemorar a fraternidade, a liberdade e a igualdade, ofrecendo un amplo programa de actividades cuxo día grande será o domingo 26 co desfile e as recreacións teatralizadas do Banquete, seguida pola tradicional romaría popular. Dentro da programación, a veciñanza poderá escoller entre varias opcións para achegarse á contorna da Carballeira de Conxo.

Venres 24

A partir do 17:30 horas, e editor e escritor Quique Alvarellos guiará ‘As voces do bosque’, un percorrido literario pola histórica carballeira de Conxo onde se lembrará as autoras/es que escribiron sobre o bosque ou no bosque, dende o século XII ata o XX. Trátase dunha actividade adaptada a todos os públicos dunha duración estimada de 90 min. O punto saída será diante da igrexa de Conxo e para inscribirse é necesario mandar un correo a rutabanquete@santiagodecompostela.gal.

A partir das 19:00 e das 20:45 horas terá lugar o ‘SCAPE ROOM Banquete de Conxo’, unha actividade lúdica que aproveita a riqueza natural que ofrece a contorna do Bosque do Banquete. O obxectivo principal será coñecer en familia a historia e recursos naturais con probas e xogos nos que os/as participantes terán que demostrar os seus coñecementos sobre este fito histórico. Esta actividade, con punto de partida no Carballo do Banquete de Conxo, está pensada para un grupo máximo de 10 persoas por quenda (cada menor poderá acudir acompañado dun adulto). Idade recomendada de 7 a 14 anos. A inscrición CSC de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

Sábado 25

O sábado será a quenda do taller de observación de aves cuxo punto de encontro será a lagoa de Cornes ás 09:30 e ás 11:30 horas. A bióloga e experta en fauna Rosa Fernandez, acompañará un grupo máximo 10 persoas por quenda con idade mínima de 8 anos. Será preciso levar prismáticos e non se permiten animais de compañía. A inscrición farase por orde de solicitude a través do correo electrónico observacionaves@santiagodecompostela.gal.

A partir das 10 e das 11 horas, o programa ofrece o Taller de baños de bosque para un grupo máximo 16 persoas por quenda con idade mínima de 18 anos. Dirixido por Merche Palomino, Coach corporal, guía de baños de bosque (Forest Therapy Institute) e MBSR (Mindulness Based on Stress Reduction). A inscrición será por orde de solicitude a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal.

Patricia Fernández, directora do proxecto «Restauración río Sar» guiará a partir das 11 horas a ‘Ruta dos muíños’, que inclúe visita e exhibición do funcionamento do muíño do Mourullo, no Multiúsos de Sar ás 12.00 h. O punto de partida será na entrada da senda do Sar no Túnel do Camiño Francés (O Tangueiro) e a inscrición farase a través do correo electrónico muinos@santiagodecompostela.gal.

Ademais, este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre e percorrido polo bosque do Banquete. Trátase dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, e nas modalidades individual ou grupal para fomentar a participación de familias. Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante na páxina web xestanatureza.com.

I Certame fotográfico

O Concello tamén lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 ata o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.

Como participar?

Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.

Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.

O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete.

Para a confección da vestimenta, os CSC de Santiago ofrecerán obradoiros de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista. Ademais os Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos.

O CSC de Conxo tamén acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos dirixido a todas as persoas interesadas. Esta formación terá lugar o vindeiro 24 de maio ás 18:30 na praza Aurelio Aguirre.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%