AD

Comarca

A Festa do Percebe do Roncudo busca frear o macrobotellón e recuperar o espírito mariñeiro

today19 julio, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde José Manuel Mato anuncia un novo rumbo na Festa do Percebe do Roncudo, con máis foco no produto, unión institucional e recoñecemento aos mariscadores: “Non é só festa, é identidade”.

Este sábado, a pequena vila mariñeira de Corme (Ponteceso) convértese no epicentro gastronómico de Galicia coa celebración da 33ª edición da Festa do Percebe do Roncudo, unha cita que leva máis de tres décadas poñendo en valor un dos mariscos máis apreciados do mundo. A través de Radio Líder Santiago, o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, compartiu a visión renovada coa que chega esta edición, que pretende reconectar coa orixe da festa e dignificar o produto que a inspirou: o percebe.

Queremos volver ao espírito co que naceu esta festa, cando un grupo de veciños decidiu poñer en valor o percebe e dignificar o traballo dos mariscadores”, explicou Mato, visiblemente emocionado ao lembrar ás persoas pioneiras que puxeron en marcha a iniciativa, algunhas das cales xa faleceron. “Foron quen viron que isto era máis ca un produto: era orgullo, era traballo, era risco. E había que celebralo e protexelo”.

A festa, declarada de interese turístico, vivirá o seu momento central mañá a partir das 12:00 horas, coa tradicional misa en homenaxe aos percebeiros falecidos, seguida dunha procesión simbólica e o esperado cocido do percebe. Este ano, a grande novidade chega da man da unión institucional co Concello de Coristanco, recoñecido pola súa exquisita pataca. “O percebe con cachelo é unha maridaxe clásica. E que mellor pataca ca a de Coristanco? Temos o mellor percebe do mundo e a mellor pataca do mundo xuntos”, subliñou o alcalde. Este acordo non só ten carácter gastronómico, senón que simboliza unha nova política de colaboración entre concellos da comarca.

Pero a festa tamén trae reflexión. Mato recoñeceu que nos últimos anos o evento “desvirtuouse nun macrobotellón” e que agora o obxectivo é reconducilo cara a unha celebración onde o produto sexa protagonista absoluto. “Queremos xente nova, por suposto. Pero queremos que vexan isto como unha festa do produto, do traballo duro no mar. Non unha troula sen máis”.

A programación inclúe actividades culturais, música e animación desde hoxe mesmo, coa celebración do chamado “Prepercebe”, e concertos que seguirán na tarde do sábado nunha zona acotada para garantir tanto o desfrute como o descanso veciñal.

O verán, para o Concello de Ponteceso, supón un reto engadido: “Todo cambia: hai máis residuos, máis xente, máis eventos en todas as parroquias, máis necesidades. Dobramos esforzos e persoal, sobre todo en Corme, que se enche de xente que volve da diáspora. É emocionante, pero require unha xestión intensa”, contou Mato.

O que está en xogo, explicou, non é só o éxito dunha festa concreta, senón o futuro dunha economía local ligada ao mar. “Queremos que o percebe siga tendo valor todo o ano, que chegue ao mercado a un prezo xusto, que os mariscadores vexan recompensado o seu traballo. E iso só se consegue con respecto, identidade e orgullo do que somos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *