A nova sala de espera de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) poderá utilizarse desde o vindeiro luns, tras un investimento da Xunta de Galicia dun millón de euros para transformar a terraza do hospital nun espazo acolledor ao servizo dos pacientes oncolóxicos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o novo espazo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como por profesionais sanitarios e representantes dos pacientes.
Durante a súa intervención, Rueda destacou os importantes avances que está facendo Galicia no tratamento e prevención do cancro e defendeu a importancia de seguir avanzando nun modelo sanitario humanizado, que poña o benestar dos pacientes no centro. “Isto contribuirá a mellorar un pouco todo o que rodea o efecto tremendo de ter unha enfermidade oncolóxica ou de estar esperando un diagnóstico, por suposto, para os pacientes, pero tamén para os familiares e os coidadores, que tamén hai que pensar neles”, asegurou.
Estratexia global de humanización
O titular do Executivo galego inscribiu esta iniciativa nunha estratexia global de “humanizar” as salas de espera. Así, lembrou que xa se están realizando actuacións neste sentido en Vigo, ademais de que hai traballos previstos en Ourense e Ferrol. Na Coruña e Lugo xa se acometeron melloras recentemente; e en Pontevedra incorporaranse no novo hospital salas de espera humanizadas.
“Estes pequenos avances ás veces son moito máis importantes do que cremos”, afirmou, ao tempo que insistiu en que “hai diferenza entre estar pasando un rato que nunca é agradable e que te deas conta tamén de que se están preocupando por ti”.
Avances contra o cancro
Na súa intervención, Rueda enumerou algunhas das iniciativas pioneiras que está impulsando Galicia no tratamento e prevención do cancro. Entre outras, puxo en valor a creación de hospitais de día oncolóxicos nos hospitais comarcais da Costa da Morte, en Cee, e en Barbanza, en Ribeira; o proxecto Xenoma Galicia, que esta mesma semana comezou unha nova fase e que é un dos de maior envergadura do mundo; ou a ampliación e extensión dos programas de cribado.
Tamén fixo fincapé na relevancia do centro de terapias avanzadas CAR-T, que este ano comezará a fabricar as súas propias terapias; e do centro de protonterapia, cuxas obras están a piques de rematar. Ao respecto deste último, estímase que empece a tratar aos primeiros pacientes a finais deste ano ou principios do próximo, o que converterá a Galicia na primeira sanidade pública en ofrecer este tratamento.
Xa por último, Rueda agradeceu o “compromiso e traballo diario dos profesionais”, en tanto son os que fan posibles tanto os avances como a humanización da sanidade. Ademais, eloxiou a implicación dos pacientes, a quen lles trasladou o apoio e cariño do Goberno galego; así como tamén destacou o importante papel e compromiso da Asociación Española contra o Cancro e dos seus voluntarios.



Comentarios de las entradas (0)