Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 abril, 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe a culminación no vindeiro mes de maio da obra de construción do novo edificio de viaxeiros de ADIF en Santiago, coa que “este Goberno volve cumprir coa capital de Galicia e coa mellora integral das súas comunicacións”. Así llo trasladou á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nunha reunión celebrada no Pazo de Raxoi, á que asistiu co director xeral de Negocio e Cliente de ADIF, Juan Pablo Villanueva.
No encontro, o delegado confirmou que a nova terminal levará como denominación “Estación de Santiago-Daniel Castelao”, o que fará que “as dúas principais entradas de viaxeiros nesta cidade, o aeroporto Rosalía de Castro e a Estación Daniel Castelao, falen da nosa historia e da nosa cultura”, valorou. Para poñer en valor esta denominación, a nova estación acollerá, con motivo da súa apertura, unha exposición temporal sobre a figura de Castelao. Posteriormente, manterase unha exposición permanente de figuras e motivos “que enxalzan a personalidade de Castelao e que se distribuirán polos espazos públicos da estación”, engadiu Pedro Blanco.
Xunto a esta obra, na reunión analizouse a modificación do proxecto do aparcadoiro, para sumar 900 prazas dispoñibles cun investimento de 9 millóns de euros. A previsión é que este servizo estea operativo no verán de 2026.
Compromiso cumprido
O delegado do Goberno remarcou que a nova terminal se suma ao conxunto de proxectos e de actuacións que executa o Goberno en Santiago, e nas que conta coa colaboración do Goberno Municipal.
Tras sinalar que “estamos adiantando pola dereita os efectos de anos de atrancos e de parálise de anteriores gobernos”, o delegado detallou algunhas das obras que están a transformar a mobilidade, o uso público do patrimonio e as comunicacións na capital de Galicia e mellorar as condicións ambientais. Entre elas mencionou a nova depuradora da Silvouta, en execución; a futura remodelación da pista do aeroporto Rosalía de Castro, e a reforma integral do Hostal dos Reis Católicos, que se presentou esta mesma semana.
Novo edificio de viaxeiros
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible inviste no novo edificio de viaxeiros da estación de tren de Santiago 30 millóns de euros a través da empresa ADIF Alta Velocidade.
O novo edificio elévase sobre a praia de vías xa existente, apoiándose nas plataformas con soportes puntuais. Forma unha unidade volumétrica coa pasarela peonil sobre vías, desde a que terá acceso e conectará a rede urbana, a estación ferroviaria e a terminal de autobuses, mellorando a actual contorna de intermodalidade para a cidade de Santiago. Para a súa execución acondicionáronse as plataformas existentes, establecendo un sistema de conexións verticais que une o vestíbulo principal, situado a un nivel superior, coa zona de uso ferroviario.
En paralelo, ADIF realizou as obras de adecuación necesarias no antigo edificio de viaxeiros para adaptalo á conexión de Galicia á rede de alta velocidade, permitindo que Santiago puidera beneficiarse da entrada en servizo desta nova conexión.
Escrito por Líder Redacción
Delegado del gobierno en Galicia Estación de Santiago Daniel Castelao Estación de tren Santiago Pedro Blanco
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)