AD

Comarca

A parroquia de Parga, en Guitiriz, celebra 30 anos da Feira da Cantería, Callos e Artesanía

today19 julio, 2025

Fondo
share close
AD

Este domingo, a parroquia de Parga, en Guitiriz (Lugo), convértese nun escaparate de tradición e identidade galega coa celebración da 30ª edición da Feira da Canteiría, dos Callos e da Artesanía. A cita, que comezou hai tres décadas da man dunha asociación veciñal, mantense viva grazas ao compromiso do Concello e o tecido asociativo local.

Somos o Concello da pedra e da auga”, salientou a alcaldesa Marisol Morandeira en conversación con Sara Garea en Radio Líder Santiago, subliñando a importancia da canteiría como recurso identitario. A feira, que combina gastronomía, artesanía e escultura en pedra, naceu como unha forma de homenaxear as feiras tradicionais e os seus sabores, como os callos, unha tapa emblemática das feiras de Parga.

A programación do domingo 20 de xullo abrangue actividades dende primeira hora da mañá ata o serán, cun certame de canteiros, mostra de artesanía, exhibicións de galiñas autóctonas e o campionato galego de andadura en dúas sesións. Haberá tamén actuacións musicais, obradoiros infantís e o pregón de Manuel Vizcaíno Díaz, persoa moi vencellada á vida social e cultural de Parga.

A organización corre a cargo do Concello en colaboración coa Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, tras anos de apoio da Comunidade de Montes de Santo Estevo. “Se non hai asociacións, o 80% do que se fai no rural sería imposible”, afirmou Morandeira, poñendo en valor a implicación cidadá.

A alcaldesa tamén destacou a recuperación do balneario local e o aumento do turismo na zona: “Este mes de xullo estase notando moitísimo a afluencia de xente. Guitiriz é un lugar ao que se vén e ao que se quere volver”.

Como broche á entrevista, Morandeira compartiu o seu recuncho favorito do municipio: os Sete Muíños, un espazo natural onde, segundo contou, pasou moitos veráns: “O son do río é dos máis fermosos que levas contigo toda a vida”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *