AD

Actualidad

A praza da Oliveira – Pilar Pereira rende homenaxe á actriz compostelá

today22 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

21/05/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de representantes da Corporación municipal e do tecido social e cultural compostelán, participaron nun acto para darlle o nome da «praza da Oliveira-Pilar Pereira» ao espazo situado na Cidade histórica entre a rúa e ruela da Oliveira. A intención é que Pilar Pereira permaneza «na memoria colectiva da veciñanza compostelá e que, ao igual que esta oliveira, enraíce neste lugar coa mesma forza coa que viviu e desempeñou a súa traxectoria profesional», en palabras da rexedora. No acto tamén participaron as fillas da homenaxeada, Alexandra e Camila Bossa.

Segundo explicou durante a súa intervención, esta viña sendo a «praza da Oliveira» por transmisión oral, mais este nome a partir de hoxe pasa a ser oficial, quedando inscrito na placa que vai identificar formalmente este espazo, mais tamén nos rexistros documentais.

Unha denominación que se rexistra acompañada polo nome da actriz e dramaturga compostelá Pilar Pereira, veciña da rúa da Troia «que sempre presumiu de ser picheleira aquí e en todos os lugares de fóra onde traballou e viviu durante diferentes momentos da súa vida».

A escolla desta praza para darlle o nome de Pilar Pereira implica, dunha banda, incrementar a presenza das mulleres nos nomes do rueiro e doutra, optar por espazos centrais da cidade coma este, que forma parte da améndoa, do corazón mesmo, da zona histórica para lle dar visibilidade e recoñecemento.

Así, destacou que a praza está nun lugar moi próximo ao que foi unha das sete portas de entrada na cidade, «como as artes escénicas foron no seu momento porta de entrada a espazos de loita e de liberdade», nun espazo que se presenta máis como un lugar de encontro e recollemento que como un lugar de tránsito, cunha fisionomía do espazo que mesmo lembra a disposición dun teatro ao aire libre.

Pilar Pereira foi unha muller «que quixo exercer a súa vida en liberdade, nunha época en que as mulleres non o tiñan nada doado, unha pioneira que reivindicou a creación artística desde a mocidade ata os últimos anos», indicou a alcaldesa.

A súa faceta profesional é unha referencia para o teatro deste país, non só por participar en proxectos coa maioría das compañías e profesionais das últimas décadas, «senón tamén por abrir portas e camiños para as intérpretes e dramaturgas das xeracións que viñeron tras dela, que son as xeracións de intérpretes e dramaturgas do presente, as que triunfan a día de hoxe e das que tan orgullosas nos sentimos».

Traxectoria de Pilar Pereira

Pilar Pereira foi unha intérprete cunha longa carreira profesional, que comezou aos 10 anos, e que a levou por escenarios galegos e internacionais como Francia, Bélxica e América Latina.

Premio de Honra Marisa Soto en 2013, na súa traxectoria cóntanse fitos como a gravación no ano 1960 de poemas de Rosalía de Castro. O seu nome está ligado tamén á primeira representación en galego do TEU de Santiago -Teatro Español Universitario-, que en 1958 representou Antígona nunha tradución de Xosé Manuel Beiras, Franco Grande e Xosé Ramón Silva.

Na súa extensa andaina compartiu escenarios e proxectos con profesionais do talle de Fernando Arrabal, Paco Rabal, Juan Diego, Paco Ibáñez, Maximino Fernández Queizán, Roberto Vidal Bolaño ou Quico Cadaval.

Na década de 1990, no seu regreso definitivo a Galicia, crea a súa propia compañía e escribe obras coma a exitosa «Ofelia, sen a virtude do pudor», que se representou durante nove anos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%