Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 mayo, 2024
A Selección Galega sub 17 supera ao País Vasco na quenda de penaltis e este domingo disputará a gran final da Fase Ouro do Campionato de España
Unha xeración única. Un grupo máxico. Rumbo á gran final por primeira vez na historia. A Selección Galega sub 17 segue rompendo fronteiras. O combinado que prepara Quin Valbuena disputará este domingo a gran final da Fase Ouro do Campionato de España tras derrotar na semifinal ao País Vasco na quenda de penaltis. As nosas creron e confiaron nas súas posibilidades, no seu talento e na fortaleza do grupo para citarse de novo coa historia. Este domingo agarda algo máxico.
A primeira parte, tal e como se esperaba, foi moi igualada. As altas temperaturas tamén fixeron efecto en ambos os equipos e o País Vasco foi o primeiro en avisar, pero apareceu Naiara Martínez cun paradón para evitar o primeiro tanto do encontro.
Galicia foise asentando no envite co paso dos minutos e xusto antes do descanso apareceu Lucía Rivas para adiantar ás de Quin Valbuena cun auténtico golazo. A flamante campioa de Europa sub 17 sorprendeu á meta vasca cun centro chute desde a banda dereita que se acabou coando na portería local.
Co 0-1 a favor de Galicia chegouse ao descanso en Las Rozas.
Na segunda parte, o País Vasco foise arriba con todo a por o empate e dispuxo de varias ocasións para alcanzar o obxectivo. As nosas aguantaron conscientes de que estaban cada vez máis preto da gran final da Fase Oro do Campionato de España.
Ambos os equipos comezaron a acusar o desgaste e a calor co paso dos minutos. As locais seguían insistindo e atoparon o tanto do empate na recta final do encontro grazas a un golazo de Elene. No engadido, Lúa Arufe tivo o 1-2, pero o seu disparo petou no traveseiro.
Co empate (1-1) chegouse ao final do partido e o primeiro finalista decidiríase na quenda de penaltis. Desde os 11 metros, as nosas foron mellores e voltaron facer historia. Este domingo, a Selección Galega sub 17 loitará por ser campioa de España.
Imaxe e crónica da Real Federación Galega de Fútbol.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)