Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 febrero, 2026
A Sociedade Recreativa San Xoán de Calo dará un novo paso no seu modelo de fútbol inclusivo entre o 24 de febreiro e o 5 de marzo, datas nas que dous dos seus adestradores da base, Brais Burés e Antón López, desenvolverán en Ukunda (Kenia) un campus solidario dirixido a nenos e nenas con diversidade funcional e ás súas familias.
O club teense, con máis de 60 anos de historia, combina actividade cultural —escola de música, banda, gaitas e baile tradicional— cunha ampla estrutura deportiva, na que o fútbol ten un peso moi relevante, con 26 equipos desde biberóns ata veteranos e unha aposta decidida polo fútbol feminino en todas as categorías. Será precisamente ese traballo diario coa base o que agora trasladarán a miles de quilómetros de distancia.
A iniciativa desenvolverase da man de Mam Project, asociación con base en Galicia que actualmente colabora con Ukunda Cerebral Palsy. Ambas organizacións levan a cabo un proxecto destinado a dotar á escola dos recursos necesarios para que nenos e nenas con diversidade funcional da rexión de Ukunda poidan acceder á educación. Mam Project foi impulsada pola fisioterapeuta Marta Falguera, e foi ela quen puxo en contacto ao club coa realidade da zona. Tal e como explicou Manuel Buján, todo comezou dunha maneira pouco habitual: “O proxecto chega nunha camilla”. Nunha consulta, Marta propúxolle facer algo en Kenia a través do fútbol. “Díxome: ‘Manolo, habería que facer algo en Kenia co fútbol’. E aí empezamos a darlle forma”.
A viaxe a Kenia non é unha acción illada. Nos últimos anos, o Calo deu un paso decisivo coa creación do primeiro equipo da comarca de Santiago integrado en A Nosa Champions de Fútbol, competición oficial para persoas con discapacidade intelectual. Para Buján, aquela decisión marcou un antes e un despois na identidade do club, porque máis alá dos resultados deportivos, “o maior logro que levamos conseguido nos últimos anos foi que os nosos nenos descubriran que todo o mundo pode xogar ao fútbol e que todo o mundo pode conseguir as súas metas”. Ese espírito inclusivo, traballado na base ao longo dos últimos anos, é o que agora se materializa neste campus solidario en Ukunda.
Entre o 24 de febreiro e o 5 de marzo, Brais e Antón desenvolverán sesións de fútbol adaptadas en horario de mañá e tarde. O plan inclúe actividades na praia e en campos de fútbol entre as sete e as once da mañá, descanso ao mediodía e novas sesións pola tarde, ademais de colaboración cun orfanato da zona. A previsión é traballar con arredor de 30 ou 40 familias, aínda que teñen claro que deberán adaptarse ao que atopen. Como sinalaba Brais Burés, “temos que ter moita capacidade de adaptación; podemos planificar para 30 familias e atoparnos con 50 ou con 10”.
Ambos recoñecen que a ilusión é grande, aínda que o respecto polo descoñecido tamén está presente. Antón López explicaba que ao principio foi un “sí” inmediato, pero agora son máis conscientes do que lles espera. A pesar diso, ningún dos dous dubidou en dar o paso.
A iniciativa foi posible grazas á II San Silvestre Solidaria e á recollida de material deportivo organizada polo propio club, cunha ampla resposta teense. Máis de 400 persoas participaron na carreira e numerosas familias achegaron botas, camisetas, pantalóns e xoguetes. “Nós somos a cara visible que imos ir, pero sen a xente que rodea o club isto sería imposible”, recoñeceu Brais Burés, mentres Manuel Buján incidía en que a mobilización era “unha aposta sobre seguro”, porque a masa social responde sempre cando se trata de proxectos solidarios.
Nas maletas viaxarán equipacións de distintos clubs, material deportivo e tamén camisetas propias do Calo. Durante a entrevista lembraban que o que aquí pode parecer unha prenda máis, alí ten un valor especial e convértese nun recordo significativo para os nenos e nenas.
Ao regreso, os adestradores teñen claro que a experiencia tamén deixará pegada persoal. Antón López admitía que probablemente volverán valorando máis o que teñen aquí, mentres Brais Burés subliñaba que o máis importante será o que traian de volta: experiencias para compartir cos nenos e nenas da base.
Entre o 24 de febreiro e o 5 de marzo, o fútbol que cada fin de semana se practica en Calo terá outra dimensión. A mesma filosofía inclusiva que naceu na base da entidade dará agora un paso máis alá.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)