Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 junio, 2024
No decorrer do mesmo houbo actuacións musicais e leuse un manifesto de rexeitamento da macrofactoría
Os colectivos A Ulla Viva e Baixo Ulla Vivo organizaron na tarde do día de onte 5 de xuño, co gallo do Día do Medio Ambiente, un acto reivindicativo na ponte medieval de Pontevea, para amosar o rexeitamento á instalación da anunciada megafactoría de produción de celulosa que Altri e Greenalia promoven en Palas de Rei.
Estes dous colectivos naceron en datas recentes nos concellos de Teo, Vedra, Boqueixón e A Estrada no caso da Ulla Viva, e de Pontecesures, Catoira, Valga, Rianxo, Padrón, Rois e Dodro se falamos de Baixo Ulla Vivo. A posta en marcha destes grupos xorde do rexeitamento social á fábrica que baixo o nome de “Proxecto Gama Greenfiber” se promove para a súa instalación no concello de Palas de Rei, xa que, ademais da afectación na propia zona de instalación do complexo industrial, afectaría ao río Ulla en todo o seu percorrido.
Na tarde de onte, Día Mundial do Medio Ambiente, A Ulla Viva e Baixo Ulla Vivo convocaron un acto na ponte medieval da Pontevea, onde despregaron pancartas con lemas de rexeitamento da fábrica e exixindo un Ulla limpo e vivo. Ao mesmo tempo, levouse a cabo unha actuación musical, consistente no canto da “Cantiga das Encrobas”, histórico cántico sobre a loita da xente labrega da parroquia cercedense das Encrobas para evitar a explotación mineira que destruiría as súas terras, e que ten certos paralelismos coa situación actual na Ulloa e o proxecto de macrocelulosa. A actuación musical decorreu a cargo de Xosé Allegue, Xosé Constenla, Xosé Luis Rivas “Mini”, Andrea Piñeiro e Suso Alonso.
Como final do acto, deuse lectura a un manifesto polo Día Mundial do Medio Ambiente, no que se denunciaba que este proxecto de Greenfiber se “presenta como “industria de enclave”, é dicir, industria que aproveita os recursos dun territorio para obter beneficios para si, non para a comunidade en que se instala”, ademais de preguntarse cantos postos de traballo destruirá por oposición ás diferentes e pouco claras cifras de previsión dadas por Altri-Greenalia dos que se crearán.
No manifesto lido recollíase tamén a denuncia da situación actual do río Ulla, que “precisa de actuacións que melloren a calidade da súa auga e posibiliten a vida de especies como o mexillón de río ou o furapresas, hoxe en perigo de extinción” e púxose en cuestión que “a fábrica non só non vai introducir melloras senón que cada día devolverá ao río 30.000 metros cúbicos de auga contaminada dos 46.000 que vai extraer” polo que, denuncian, o río, do que se extrae a auga pótabel que se consome nunha boa parte destes concellos, ten xa serios problemas, “que se verán agravados coa actividade da factoría”, e os concellos da beira do Ulla “tememos pola dispoñibilidade de auga nos tempos de seca e polas novas necesidades en depuración”.
Por todas estas razóns, convidan á veciñanza destes concellos afectados a que se sumen aos colectivos Baixo Ulla Vivo e A Ulla Viva para continuar a levar adiante accións que trasladen a Altri, Greenalia, a Xunta de Galiza e o goberno do Estado o rexeitamento social á instalación desta macrofactoría.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)