Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 13-9-2024.- O alcalde Anxo Arca entregoulle a Alberto Castro Rey o premio Padrón, Berce do Xacobeo, unha distinción que implica o nomeamento do experto e técnico de turismo municipal como Peregrino de Honra e que o acredita como embaixador padronés e do Camiño. O acto enmárcase na celebración do Día do Peregrino. En palabras de Anxo Arca, este galardón “é un tributo ao seu incansable esforzo e a unha vida dedicada a promover, preservar e difundir a nosa vila e as rutas xacobeas”.
Os actos comezaron coa recepción do alcalde e da Corporación municipal ao galardoado, que asinou no Libro de Honra do Concello. Durante o traslado á igrexa parroquial de Santiago a comitiva estivo acompañada pola Banda de Música Municipal de Padrón.
A cerimonia comezou coa Misa do Peregrino na igrexa de Santiago de Padrón, á que asistiron numerosos veciños, amigos e familiares do homenaxeado. Entre as autoridades presentes, atopábanse representantes do goberno e da Corporación municipal.
Na súa intervención, o alcalde Anxo Arca asegurou que este galardón recoñece “o labor profesional e, sobre todo, o compromiso persoal” de Alberto Rey Castro, un verdadeiro embaixador de Padrón. “O teu coñecemento, a túa profesionalidade e a túa paixón permitiron que milleiros de persoas descubriran a esencia que fai de Padrón un lugar único. Grazas ao teu traballo, Padrón deixou de ser simplemente un punto de paso no Camiño para converterse nun destino de referencia, onde os peregrinos atopan non só historia e acollida, senón unha conexión profunda coa tradición xacobea”, asegurou o alcalde.
Anxo Arca engadiu que o traballo que desenvolve o técnico de turismo representa a esencia de Padrón: “Unha vila que coida e honra o seu pasado, pero que tamén mira cara ao futuro”. O alcalde fixo extensivo este recoñecemento a todos os traballadores e traballadoras municipais, “que son os que materializan as políticas que dende os gobernos se determinan. Ningunha administración pública pode funcionar sen o traballo incansable de todas as persoas que a compoñen e é de xustiza poñer en valor e recoñecer o seu esforzo dende o sector público”.
Alberto Rey, técnico de Turismo en Padrón dende 2010, conta cunha sólida formación que inclúe un Ciclo Superior en Información e Comercialización Turística, unha Diplomatura en Turismo e un Máster en Dirección e Planificación do Turismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Entre os seus méritos máis destacados atópase a súa tese de máster sobre o «Turismo de Catástrofes», onde analizou o impacto do Prestige na actividade turística de Fisterra e Muxía. É guía oficial de Turismo en Galicia, guía do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e da Rede de Xuderías de España, ademais de ser xestor acreditado polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED).
Na súa intervención, Alberto Rey, dixo que dende sempre estivo ligado, dalgún xeito, “ao Pedrón, á ara romana onde amarraron a barca que transportaba os restos do Apóstolo, e que é a orixe do fenómeno xacobeo”. Precisamente, o galardón que lle entregou o alcalde é unha réplica do Pedrón que se pode ver na igrexa de Santiago.
Alberto Rey recordou como, sendo un adolescente, axudaba ao seu pai, que era o sacristán da igrexa de Santiago, a atender aos peregrinos a finais dos anos 90. Dende hai 14 anos, “e despois de traballar en varios puntos de Galicia, tiven a sorte de volver a Padrón a xestionar a oficina de turismo”.
No seu discurso, o galardoado reivindicou o Camiño da Pedronía, e asegurou que a Xunta de Galicia “debe recoñecer como itinerario Xacobeo de pleno dereito o trazado histórico do Camiño entre Santiago e Padrón. Está na obriga de oficializalo como prolongación xacobea”. E convidou ás autoridades municipais e á veciñanza a seguir “loitando pola reivindicación deste Camiño histórico, dun Camiño que une a Europa, do Camiño xacobeo por excelencia”.
Alberto Rey asegurou que gardará con agarimo o premio, que quixo compartir coas persoas que traballaron na oficina de turismo de Padrón dende que se fundou hai 25 anos, coas que atenden a diario a peregrinas e peregrinos que chegan á vila, co equipo da parroquia de Santiago de Padrón e coa familia e amizades, entre outras..
Premio instaurado en 2017
O premio Padrón, Berce do Xacobeo, instaurado no ano 2017, destaca o traballo realizado por persoeiros relevantes a prol do Camiño, co obxectivo de que exerzan ademais como embaixadores de Padrón nas rutas xacobeas. O premio tamén tributa un recoñecemento simbólico aos peregrinos que diariamente transitan pola vila así como para insistir na relevancia de Padrón na propia tradición xacobea.
A través deste galardón, o Concello de Padrón reitera a importancia da vila na tradición xacobea como lugar onde desembarcou o corpo do Apóstolo. A súa relevancia a día de hoxe é patente co paso constante dos peregrinos, sendo un dos puntos máis transitados polos camiñantes de todo o mundo dende hai décadas, o que levou ao concello a instaurar a Pedronía. Esta credencial está reservada aos peregrinos que, tras visitar a tumba do Apóstolo en Compostela, chegan a Padrón para coñecer o punto no que desembarcou o seu corpo.
Unha vez rematados os actos, a comitiva e a veciñanza gozaron do concerto ofrecido pola Banda de Música de Padrón fronte á igrexa de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)