Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 enero, 2025
O alcalde de Ames, Blas García, e mailos concelleiros e concelleiras que forman o Goberno municipal, compareceron esta mañá en rolda de prensa para facer unha valoración sobre a xestión realizada en 2024 e marcar os obxectivos de cara a 2025. Segundo o executivo amesán o 2024 foi o ano de asentamento das bases da acción de goberno para o mandato 2023-2027. Para o 2025 márcanse como obxectivos a sinatura dun convenio co IGVS para a creación de nova vivenda de protección oficial, o desenvolvemento do parque empresarial de Bertamiráns, a captación dos fondos europeos do Plan EDIL, o inicio da licitación do complexo deportivo do Milladoiro, o remate do centro multifuncional do Milladoiro, a creación e mellora de zonas de aparcamento nos núcleos urbanos, e maila licitación do servizo de canceira e lacería. Premendo nesta ligazón podes ver a presentación sobre a valoración de 2024 e os obxectivos de 2025.
O alcalde, Blas García, destaca “o importante traballo que se está facendo para dotar de nova vivenda, a creación de novas prazas de aparcamento nos núcleos urbanos e mailo desenvolvemento do novo polígono empresarial de Bertamiráns. Deste xeito, estase realizando un traballo conxunto coa Xunta de Galicia para sacar canto antes o protocolo para a construción de máis de 100 vivendas públicas no Milladoiro, e para a creación dun polígono en Bertamiráns que nos permita establecer neste núcleo un perímetro de máis de 300.000 metros cadrados, para que se establezan empresas con capacidade de xerar empregos. Na actualidade a demanda de metros deste futuro polígono empresarial xa supera o 25% da capacidade establecida”.
Dentro das áreas que xestiona, Blas García, dixo que “se segue mantendo a ampla actividade cultural que se leva programado dende hai anos, e ademais, deuse un paso coa introdución da danza dentro da programación de artes escénicas. Tamén se creou un novo ciclo de cine de versión orixinal subtitulada e outro de monólogos; acolleuse o festival de danza Abanea, e recuperouse a mostra de teatro afeccionado. Ademais, ampliouse a programación cultural ao rural. Xa se estaba facendo, pero ampliáronse as parroquias onde se desenvolven os Seráns de Ames. Ao mesmo tempo, habilitouse as denominadas subvencións en especie para que se beneficien as comisións de festas e mailos grupos de música tradicional do concello”.
Na área de Normalización Lingüística destacou que “se segue coa programación do Apego e certames como o Lingua e Empresa e Galetiktokers, entre outros, pero ademais ampliase o programa Modo Galego, Actívao, que este ano estará dirixido aos niveis de infantil, primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Ames co obxectivo de incentivar o uso da lingua entre a comunidade educativa. Na Escola de Música, que acaba de cumprir 20 anos, creouse unha nova imaxe corporativa e este ano vaise a realizar unha gala para intentar xuntar aos profesores/as e alumnado que pasou pola escola durante estes anos”.
O rexedor municipal tamén puxo o foco “na importancia da Axenda Urbana, que é o documento estratéxico que vai a marcar as liñas de desenvolvemento do noso concello durante a próxima década. Neste senso realizouse un proceso participativo no que participou toda a sociedade de Ames e que rematou coa presentación do documento no Pazo da Peregrina, onde conseguimos que en dito acto de presentación, participasen representantes do Goberno do Estado, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña, que son as tres institucións que nos van ter que axudar a desenvolver dita Axenda Urbana”.
Por outra banda, Blas García destacou a colaboración do Concello de Ames co resto de Administracións. Deste xeito, dixo que grazas á colaboración co Goberno de España estanse executando as obras de humanización do Milladoiro. Coa Xunta de Galicia destacou a xuntanza mantida co seu presidente, Alfonso Rueda, na que se acadaron os compromisos para a redacción do proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde, o protocolo para a construción de vivenda protexida, o impulso do polígono empresarial de Bertamiráns e maila colaboración no financiamento do Mercado municipal. A Deputación da Coruña colaborou no desenvolvemento da primeira edición do Ames AV LAB, acordouse a transferencia da estrada de A Condomiña a Bugallido, e tamén vai colaborar no financiamento do Mercado municipal. Tamén se colabora con outras institucións como a Real Academia Galega para o desenvolvemento do programa Modo Galego, Actívao, e co Arcebispado de Santiago para regularizar o uso de inmobles para o seu uso social, cultural e deportivo.
O alcalde tamén destacou que “en 2024 conseguimos unha cifra récord de 7.629.000 euros de execución en investimentos. Isto pon de manifesto que somos un goberno en minoría, pero somos un goberno que traballa. Esta é a cifra máis grande que acadou o Concello de Ames en investimentos. É resultado do traballo diario, do diálogo e do consenso”.
Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade
O voceiro do goberno e concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, dixo “respecto de 2024 facemos unha valoración moi positiva sobre a acción de goberno que se levou a cabo, na que se lograron moitos dos obxectivos previsto e tamén se asentaron as bases daquelas previsións que temos marcadas para o ano 2025. Foi un ano de intenso traballo e xestión, tanto en acción política como en traballo diario, de mellora de servizos e infraestruturas, sen comprometer todas as políticas sociais, económicas e de emprego, que caracterizaron a acción política dos últimos anos dun goberno de progreso”.
“Ames é un concello en continuo crecemento, algo que implica que dende o goberno debemos ser un axente que dinamice esta progresión e garanta que se fai de forma equilibrada. Ames é un concello de servizos, o que fai que teñamos un crecemento anual importante e o que fixo que dende o ano 2000 dobrásemos a poboación. Segundo os datos do INE somos un dos concellos que máis medra de Galicia e o concello galego coa poboación máis nova. O crecemento equilibrado ao que fago referencia baséase en tres piares: vivenda, emprego e servizos para garantir a calidade de vida da nosa veciñanza. A acción de goberno ao longo deste ano 2024 centrouse nestas tres premisas, que serán unha constante ao longo deste ano 2025 e no que resta de mandato”.
Dentro da súa área Víctor Fernández destacou a estabilización do persoal municipal e maila actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), que levaba sen actualizar dende o ano 2007; o traballo para a construción de vivendas no Milladoiro; o desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns; e mailo traballo realizado para dotar dun aparcamento subterráneo no Milladoiro, que dea resposta ou que palie en parte a demanda de prazas de garaxe existentes neste núcleo poboacional. Neste eido destácase que se están realizando xestións pra dotar de novas prazas de aparcamento tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro, co obxectivo de favorecer á veciñanza e ao comercio local.
Economía, Deportes, Promoción da Saúde
Neste pasado 2024, a Concellería de Deportes e Promoción da Saúde, continuou a estela de actividades realizadas en anos anteriores, como as feitas nas Escolas deportivas ou as Andainas saudables para fomentar os bos hábitos de vida e coñecer o concello. Con todo, sumáronse novidades como a realización da primeira Gladiator Kids ou o Cross por remudas.
A concelleira de Economía, Deportes, Promoción da Saúde, Susana Señorís, dixo que “o eixo central desde o que se traballou este pasado ano no departamento de Promoción da Saúde foi o da saúde mental. Deste xeito, púxose en marcha o Plan de Saúde Mental Municipal, e celebráronse diferentes xornadas de concienciación e foros para normalizar e poñer no foco eses posibles problemas que pode ter a veciñanza e que, tras a pandemia, puideron verse agravados”.
Por outra banda, destacaron “os avances na tramitación nas licitacións do novo Centro deportivo do Milladoiro, un proxecto clave e estratéxico para o núcleo do Milladoiro e tamén para o propio Concello de Ames. Ademais, concedéronse diferentes liñas de subvencións para deportistas base, apoiando e axudando aos deportistas máis novos do municipio a continuar coas súas carreiras deportivas”.
Emprendemento, Promoción Económica e Atención Veciñal
Desde esta Concellería continuaron a desenvolverse iniciativas para fomentar a formación e o emprego en Ames, como o programa integrado de emprego cunha inserción laboral do 50% ou o Obradoiro de Emprego Renova VI en colaboración co Concello de Brión.
A concelleira de Emprendemento, Promoción Económica e Atención Veciñal, Ana Paz, destacou que “o Ames AV Lab puxo ao municipio no centro do audiovisual galego e premiou a creación de novos proxectos no sector. Na mesma liña, a organización da feira Innovames, trouxo ao concello as mellores innovacións e avances en materia de ciencia e educación, con diferentes charlas e debates ao respecto estes ámbitos. O Coworking “A Proa” foi outra das iniciativas máis destacadas do departamento ao longo do 2024”.
“Continuando con iniciativas levadas a cabo noutros anos, os Bonos Consuma volveron a ser un éxito, superando cifras de edicións anteriores e deixando unha cifra aproximada de 250.000 euros de volume de negocio en Ames”.
En canto á Atención Cidadá, ao longo do pasado ano rexistráronse case 1.300 solicitudes e dúbidas da veciñanza e que foron atendidas a través do correo electrónico e a Sede Electrónica coa maior brevidade posible.
Obras e Servizos Básicos
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que en 2024 “licitáronse contratos por un total de 5,3 millóns de euros, correspondendo 3,1 millóns en obras, 2 millóns en servizos e 160.451 en subministros. Ademais, Ames tamén recibiu máis dun millón de euros a través do plan PERTE, para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga desde a súa captación ata a súa reutilización, “Ames Digital Water”.
“Unha das principais novidades desenvolvidas este ano polo departamento foi a posta en funcionamento da empresa pública de auga, Augas de Ames, e que implicou reinvestir os beneficios nesta materia para o propio concello. Ademais, tamén se destacaron as obras que se van realizar este vindeiro 2025 na Escola Municipal de Música ou a senda de Carballo a Ponte Maceira”.
Benestar Social, Igualdade e Voluntariado
Desde a Concellería de Benestar Social continuouse a traballar e mellorar nos diferentes programas e iniciativas que levan xa tempo en funcionamento no concello, como o programa Amessán, para as persoas maiores do municipio, o Xantar na Casa ou as xornadas do 25N.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destacou que “a finais deste pasado 2024, destacou o acordo chegado co Servizo de Axuda no Fogar, unha demanda pendente dende hai tempo para o Goberno local. Por outra banda, Ames é o único municipio da súa contorna que leva a cabo un programa de concilia coa diversidade ou a celebración da Gala da Diversidade, amosando o seu compromiso coa inclusión e mellora da calidade de vida deste colectivo de persoas no concello”.
Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, destacou que “un dos seus eixos centrais foi consolidar o proxecto das OTC. Na actualidade, tras a realización dun estudo das cubertas municipais para a instalación de paneis solares, estase a traballar na constitución da asociación para a creación da comunidade enerxética de Ames”.
“Na mesma liña, tamén se avanzou na aldea modelo de Ferreiros, na xestión da biomasa das especies prohibidas, reactivouse o convenio Compostela Rupestre ou na limpeza de franxas secundarias e estradas. Ademais, un dos obxectivos do departamento para este vindeiro ano, é poñer en marcha o servizo de lacería e canceira, un plan que se avanzou o pasado ano así como a xestión das colonias felinas no municipio”.
“Así mesmo, Ames volve a ser, un ano máis, o concello máis transparente de toda Galicia, mellorando os seus propios indicadores, amosando o compromiso do Goberno local con esta competencia”.
Educación e Mocidade
Desde o departamento de Educación, continuaron a desenvolverse os diferentes programas de conciliación e que axudaron a preto de 1.500 familias amesás a conciliar a súa vida laboral coa familiar. A concelleira de Educación, Carme Porto, tamén explicou que “se aprobou unha nova ordenanza para estes servizos de conciliación e os regulamentos das escolas infantís municipais para así actualizar o prezo dos mesmos”.
Así mesmo, destacan “os investimentos realizados nos centros educativos de Ames, cunha cantidade de 80.000 euros, e a finalización da primeira fase das obras da cociña central, un servizo pioneiro en Galicia que entrará en funcionamento no vindeiro curso escolar. Ademais, no departamento de Educación seguiron levándose proxectos como o Modo Galego”.
En canto á Concellería de Mocidade, seguiron “a desenvolverse actividades para os mozos e mozas do municipio, destacando como novidade a creación dos clubs Xuvenís ou o regulamento da Factoría. Así mesmo, continuouse coa estela de actividades que xa levan varias edicións en funcionamento, como os Campamentos de Verán, a Xincana Xove, os cursos de lingua de signos ou o programa de reforzo educativo”.
Obxectivos para 2025
O alcalde, Blas García, foi o encargado de falar dos obxectivos que se marca o Goberno municipal de cara ao exercicio 2025. O primeiro deles é a sinatura dun convenio co IGVS para a creación de máis de 100 vivendas de protección oficial no Milladoiro. O segundo atinxe á consolidación e desenvolvemento do proxecto do parque empresarial de Bertamiráns.
O terceiro obxectivo é a captación dos fondos europeos do Plan EDIL que recolle catro proxectos (mercado municipal de Bertamiráns e produción de produtos de proximidade; mellora da mobilidade entre O Milladoiro e Bertamiráns con actuacións medioambientais e patrimoniais; arranxo de locais sociais municipais do rural para a mellora da gobernanza e atención veciñal; e transporte circular entre O Milladoiro e Bertamiráns e transporte baixo demanda para o rural).
O cuarto obxectivo marcado para 2025 é o inicio da licitación do complexo deportivo do Milladoiro; o quinto obxectivo atinxe ao remate do centro multifuncional do Milladoiro; o sexto obxectivo é a creación e mellora de zonas de aparcamento nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, e o sétimo e último obxectivo é a licitación do servizo de canceira e lacería.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)