Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 noviembre, 2024
A Corporación municipal aprobou por unanimidade o inicio de expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar; o inicio do expediente de liquidación do contrato de concesión para a xestión do servizo publico do ciclo integral da auga asinado con Espina & Delfin SL; a elección de xuíz/a de paz titular; a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento de 2024; a transferencia de créditos 4/2024; e o suplemento de crédito 1/2024 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais
Ademais, aprobouse por maioría a resolución de alegacións sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos; a modificación do anexo do cadro de persoal do orzamento EPEL 2024; e maila aprobación das novas cotas pola continuidade na Mancomunidade Serra do Barbanza
Por último, abordáronse dúas mocións presentadas polo BNG de Ames. A primeira sobre a elaboración dun regulamento para a participación dos membros da Corporación municipal en actos públicos e oficiais que foi rexeitada. A segunda sobre as necesidades sobre o transporte no rural do concello que foi aprobada por unanimidade. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames
Ames, 7 de novembro de 2024.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade o inicio de expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar; o inicio do expediente de liquidación do contrato de concesión para a xestión do servizo publico do ciclo integral da auga asinado con Espina & Delfin SL; a elección de xuíz/a de paz titular; a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento de 2024; a transferencia de créditos 4/2024; e o suplemento de crédito 1/2024 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Ademais, aprobouse por maioría a resolución de alegacións sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos; a modificación do anexo do cadro de persoal do orzamento EPEL 2024; e maila aprobación das novas cotas pola continuidade na Mancomunidade Serra do Barbanza. Por último, abordáronse dúas mocións presentadas polo BNG de Ames. A primeira sobre a elaboración dun regulamento para a participación dos membros da Corporación municipal en actos públicos e oficiais que foi rexeitada. A segunda sobre as necesidades sobre o transporte no rural do concello que foi aprobada por unanimidade. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de outubro comezou cun minuto de silencio na honra das vítimas e persoas afectadas pola Dana. A continuación o alcalde deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 550 decretos, do 2916 ao 3465. De seguido, aprobouse por unanimidade a acta correspondente á sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o pasado 26 de setembro de 2024.
A continuación abordouse a resolución de alegacións á modificación da Ordenanza número 3.A.8 reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral. No pleno ordinario celebrado o pasado 31 de xullo aprobouse inicialmente a modificación de dita ordenanza. Durante o período de exposición pública rexistráronse dúas alegacións presentadas pola presidenta da ANPA do CEIP Agro do Muíño. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os concelleiros/as do BNG votaron en contra e a concelleira de Espazo Común abstívose.
Segundo explicou a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, “a primeira alegación procede estimala e modifícase a redacción da ordenanza para que a súa entrada en vigor sexa ao inicio do vindeiro curso escolar, xa que o regulamento di que as tarifas terán vixencia durante todo o curso escolar. Na segunda alegación solicítase que se reconsidere a modificación dos prezos públicos tendo en conta o impacto negativo que vaia ter. Esta segunda alegación vaise desestimar xa que dita ordenanza foi consensuada coa comunidade educativa e grupos políticos nunha xuntanza mantida o pasado 17 de xullo”.
Por parte dos partidos da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “houbo ANPAS e partidos políticos que dixemos non ante a modificación desta ordenanza polo que non estamos de acordo”. Carlos García, concelleiro do BNG, solicitoulle ao goberno “a elaboración dun estudo para adaptar as cotas dunha mellor forma” e dixo “dende o BNG non estamos en contra de subir as cotas, pero habería que facelo doutro xeito”. Por parte do Partido Popular, Oliva Agra, destacou “hoxe o debate é se estimamos ou non estas dúas alegacións. Se a técnica de Educación informa que hai que estimar a primeira alegación e desestimar a segunda, nós estamos de acordo”.
Servizo de Axuda no Fogar
O Pleno aprobou por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “o pleno do Concello de Ames en sesión do 23 de febreiro de 2023 adxudicou dito contrato á empresa Osventos Innovación en Servizos SL. O contrato asinouse o 22 de marzo de 2023 iniciando a súa prestación o 1 de abril de 2023. A duración do contrato é de dous anos prorrogables por un período de dous anos ata un máximo de catro anos. Debido a múltiples incumprimentos do contrato, propúxose o inicio de expediente de resolución de dito contrato”.
Por parte da oposición, dende Espazo Común e o BNG mostraron a súa preocupación porque este servizo vai ter que seguir prestándose durante un tempo por parte desta empresa. Dende o Partido Popular dixeron que a licitación deste servizo estivo chea de atrancos dende o seu comezo e pedíronlle ao goberno municipal as enquisas feitas aos usuarios/as polo departamento de Servizos Sociais. Ditas enquisas serán proporcionadas, segundo indicou a concelleira de Benestar Social.
Ciclo Integral da Auga
Outro dos temas que se abordaron foi a modificación do anexo do cadro de persoal do orzamento EPEL 2024, integrado no Orzamento Xeral do Concello de Ames para o exercicio 2024. O Consello de Administración da entidade publica empresarial Augas de Ames, EPEL, na sesión que tivo lugar o día 7 de outubro de 2024 modificou o Anexo do cadro de persoal do orzamento da EPEL 2024 co fin de introducir tres correccións que consistiron en eliminar a referencia ao grupo profesional 5 do posto de xerente, dado que non é persoal laboral, senón persoal directivo asimilado a alto cargo; modificar a porcentaxe de xornada dun posto de auxiliar administrativo con grupo profesional nivel B, que pasa do 62,5% ao 100%; e modificar o grupo profesional do posto de xefe/a do servizo que pasa do grupo profesional 4 ao 6.
Este punto saíu adiante por maioría ao votar a favor os concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os concelleiros/as do BNG e a concelleira de Espazo Común abstivéronse.
Tamén se abordou o inicio de expediente de liquidación do contrato de concesión do servizo público Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, fixando en concepto de liquidación un saldo a favor do Concello de 815.180,82 euros, polos conceptos de mantemento correctivo pendente (807.579.82 euros), importe do perfilador láser que non puido repoñerse (4.000 euros), e a diferencia de valor entre a cámara ofertada polo licitador e a finalmente achegada que non obstante, cumpre satisfactoriamente a súa función (3.601 euros). Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal.
Xuíz/a de paz titular
Tamén foi aprobada por unanimidade a elección de xuíz/a de paz titular para o Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de solicitudes presentáronse un total de 4 instancias. Todos os solicitantes cumpriron os requisitos esixidos, pero considerando o currículum dos mesmos, e tendo en conta que Pablo Xosé Pouso é o único graduado en Dereito dos catro candidatos, propúxose a este como xuíz de paz titular do Concello de Ames.
Gratificacións, horas extraordinarias e complementarias para o persoal municipal
Por outra banda, o concelleiro de Persoal, Víctor Fernández, explicou que é necesario dotar da contía de 37.276 euros, máis o importe correspondente á Seguridade Social, para incrementar o importe global das gratificacións, horas extraordinarias e horas complementarias para o exercicio 2024, quedando o importe global fixado en 339.986,80 euros. Este punto foi aprobado por unanimidade.
Servizos económicos
Ademais, abordáronse dous puntos de índole económica. O primeiro punto económico a tratar foi a modificación orzamentaria: transferencia de créditos 4/2024 entre distintas áreas de gasto do orzamento municipal do exercicio 2024. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, dixo que o obxectivo desta operación é dispor de 60.000 euros de crédito para poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma, tras o éxito da campaña no comercio local nos últimos tres anos. Este punto foi aprobado por unanimidade.
O segundo tema económico que se abordou foi o suplemento de crédito 1/2024, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais por importe de 1.020.373,59 euros. Este punto foi aprobado por unanimidade.
Segundo dixo a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, “do total deste importe, 290.753,05 euros son para o capitulo VI de investimentos, nos que se inclúen obras complementarias, certificacións e direccións de obras, redacción de proxectos, etc. En definitiva investimentos para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames. No capítulo II de gasto corrente teríamos un importe de 724.144,89 euros, nos que se inclúen facturas do exercicio 2022, que non tiñan cobertura cotractual, e servizos de 2023. Outros importes de especial consideración son as cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza pola recollida do lixo, de 311.289,86 euros; e as cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza polo tratamento do lixo, de 207.526,27 euros. No orzamento de 2024 dotouse crédito para o incremento desta cotas pero non foi suficiente. Tamén se recollen cargos polo mantemento das contas bancarias dos anos 2022 e 2023, por importe de 5.485,65 euros”.
Por parte dos partidos da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, incidiu na falta de planificación deste goberno. Novo saqueo que deixa a caixa de tesourería practicamente baleira para pagar gastos que se realizaron en 2023 e que non tiñan consignación orzamentaria ou cobertura contractual”. Rosalía Seijas, concelleira do BNG, destacou a baixada do remanente de tesourería “que en 2023 era de 5.327.887,17 euros e pasa a 114.119,31 euros. Trátase dun importante descenso do remanente de tesourería”. Por parte do Partido Popular, José Ramón Oulego, dixo “son gastos inaprazables polo que temos que facer fronte aos mesmos, pero hai máis de 300.000 euros non tiñan consignación orzamentaria o que amosa unha falta de planificación. Ademais, deixamos o remanente de tesourería, que son os aforros cos que conta o Concello, en apenas 100.000 euros. Pasamos de 5 millóns de euros a pouco máis de 100.000 euros”.
Mancomunidade Serra do Barbanza
Ademais, tratouse a aprobación das novas cotas pola continuidade na prestación do servizo de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos e asimilables coa Mancomunidade Serra do Barbanza, ao tratarse dun servizo básico e ata que o Concello de Ames estude a forma máis eficiente de prestación do servizo.
O alcalde, Blas García, explicou o importante incremento en ditas cotas: “pasamos de pagar 117.300 euros a pagar 243.677 euros ao mes, cun incremento de máis de 126.000 euros ao mes, o que fai que pasamos de pagar 1.400.000 euros ao ano, a pagar 2.924.000 euros. De 1.700.000 euros que tiñamos estimados que podíamos pagar, pasamos a pagar preto de 3 millóns de euros, máis de 1.200.000 euros a maiores, polo que temos que comezar a replantexarnos esta situación. Este incremento de custes está provocado pola finalización do contrato, e sobre todo porque non se dispón de vertedoiro, o que provoca que haxa que levar os residuos a Sobrado dos Monxes”.
Tralo debate, aprobouse aceptar as cotas provisionais emitidas pola Mancomunidade Serra do Barbanza mentres se siga a prestar o servizo, e cuxo importe mensual ascende a 243.677,03 euros. Deste xeito, hai que dotar de crédito no orzamento 2024 para facer fronte as cotas pendentes de liquidar para o exercicio 2024 por importe de 518.816,43 euros. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos BNG. Os/as edís do Partido Popular votaron en contra e a concelleira de Espazo Común abstívose.
Regulamento para a participación da Corporación nos actos públicos
Por último, abordáronse dúas mocións presentadas polo BNG de Ames. A primeira, relativa á organización e regulamento para a participación dos membros da Corporación municipal en todos os actos públicos e oficiais nos que deba estar representado o Concello, foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Os/as edís do BNG e Espazo Común votaron a favor, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.
Transporte no rural do concello
Na segunda moción a Corporación municipal aprobou por unanimidade demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades sobre o transporte no rural do concello. A moción contou cunha engádega do Partido Popular que foi aceptada polo grupo propoñente, o BNG. Deste xeito, o punto cuarto dos acordo foi a proposición do Partido Popular. O grupo socialista propuxo retirar o primeiro punto dos acordos e incluír un novo punto para esixir á Xunta o mantemento permanentemente actualizado dun sistema de información de oferta de transporte, a través de bus.gal e dunha APP de transporte público. Esta proposta non foi aceptada polo BNG. A pesar diso a moción saíu adiante por unanimidade.
Así, aprobouse que o Concello de Ames faga unha revisión de todas as paradas e dote das marquesiñas precisas ao noso rural coa información precisa en cada punto; esixir á Xunta de Galicia que faga cumprir con rigorosidade os contratos en vigor do servizo público de transporte en Galicia, de acordo aos pregos técnicos e administrativos e ás ofertas gañadoras nos concursos (é preciso garantir os percorridos, os horarios e as paradas establecidas); instar á Xunta de Galicia a que se explore a posibilidade de dotar ao rural de Ames do servizo de Noitebús; e instar ao Concello de Ames a retomar o expediente para a prestación do servizo de transporte público municipal de viaxeiros que foi aprobado no pleno do 26 de xaneiro de 2023.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)