Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 6 de maio de 2025.- O Concello de Ames presentou esta mañá a programación elaborada con motivo do Ano Castelao. Dita presentación realizouse na Casa da Cultura de Bertamiráns con motivo da exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre”. O grupo Chévere fixo unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Esta actividade enmárcase no proceso de creación da nova obra de teatro que a compañía está preparando. Trátase dun espectáculo protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que toma como punto de partida o cadro de Castelao, para falar de como se constrúen as narrativas da memoria. Trala presentación, ás 12.30 horas, as persoas maiores do obradoiro de memoria de Amessán asistiron a unha charla con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron de Chévere na que falaron sobre “A derradeira leición do mestre”.
Durante 2025 estase celebrando o Ano Castelao polo 75 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, o Concello de Ames tamén se suma a dita homenaxe cunha programación de actividades específica que comezou coa exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre” nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. O cadro estivo exposto na Casa da Cultura do Milladoiro do 22 ao 30 de abril; e agora está na Casa da Cultura de Bertamiráns ata o 9 de maio.
O grupo Chévere fixo unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Esta actividade enmárcase no proceso de creación da nova obra de teatro que a compañía está preparando. Trátase dun espectáculo protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que toma como punto de partida o cadro de Castelao, para falar de como se constrúen as narrativas da memoria. Trala presentación, ás 12.30 horas, as persoas maiores do obradoiro de memoria de Amesán asistiron a unha charla con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron de Chévere na que falaron sobre “A derradeira leición do mestre”.
Esta proposta é unha actividade de mediación que realiza o grupo Chévere porque vai a realizar unha residencia artística en Ames vencellada ao proceso de creación da nova obra de teatro que se estreará en febreiro do 2026, protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. As residencias artísticas son unha iniciativa que oferta a Concellaría de Cultura ás compañías profesionais, creadores e creadoras do ámbito das artes escénicas para que poidan desenvolver os seus respectivos proxectos.
Programación con motivo do Ano Castelao
Ao acto de presentación da programación do Ano Castelao asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; a técnica de Cultura, María Vázquez; e Patricia de Lorenzo e Xesús Ron do grupo Chévere.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o 2025 está dedicado a Castelao e o Concello de Ames tamén quere sumarse a dita conmemoración, co cal imos a realizar distintas actividades. Imos a comezar coa exposición da reprodución deste cadro de Castelao. Dita programación continuará no segundo semestre deste ano coa representación de dúas obras de teatro, unha para público infantil e outra para persoas adultas, e coa proxección dunha película sobre Castelao que se estrea neste mes de maio. Ademais, faranse varias actividades organizadas polos departamentos de Bibliotecas e Normalización Lingüística, así como varias intervencións de arte urbana coa figura de Castelao que é unha figura moi insigne e recoñecida da cultura do nos pais”.
Cómpre lembrar que no pleno ordinario de febreiro aprobouse por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal do BNG, para organizar unha programación de actividades no concello de Ames con motivo do ano Castelao 2025.
Por outra banda, Patricia de Lorenzo, do grupo Chévere explica que “a idea é animar á veciñanza a participar e intervir nesta conversa aberta co cadro de Castelao para tirar dos moitos fíos que se cruzan nel. Aí está o testemuño directo sobre a memoria conflitiva do golpe de estado de 1936 e a represión franquista en Galicia. Aí está a homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36, membro dunha brillante xeración truncada pola ditadura. Aí está o propio Castelao, membro dunha xeración expulsada ao exilio que xa non poderá volver”.
“Pero aí está tamén a arte como denuncia e propaganda. A arte como símbolo da memoria colectiva. Aí está o debate sobre se o cadro debe permanecer na Arxentina como parte da nosa memoria emigrada e exiliada ou debe estar en Galicia. Aí está o uso do cadro para reafirmar narrativas dispares sobre unha memoria colectiva que segue en conflito noventa anos despois do golpe de estado. E aí está un grupo de teatro que quere tirar de todos eses fíos para explorar en escena que pasa cando un trauma afecta a nosa memoria individual ou a nosa memoria colectiva”.
Castelao, de Culturactiva Producións
A programación en Ames con motivo do Ano de Castelao continuará o 19 de setembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, coa representación do espectáculo Castelao, de Culturactiva Producións. Neste espectáculo ponse en valor a figura de Castelao, que é unha figura capital da historia das artes en Galicia e non contaba ata agora cunha proposta escénica para a infancia. A obra, dirixida por Fina Calleja, presenta un Castelao de 8 anos na súa vila natal, divertido, ledo e aventureiro, que busca interactuar coa audiencia en todo momento.
Culturactiva Producións propón unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida de Daniel cara a Arxentina. Da man de Baltasara, comezará un percorrido emocionante, condicionado pola urxencia e a inminencia da viaxe. Durante o espectáculo, protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo, Castelao debe resolver co seu enxeño e dialéctica os misterios da vila mariñeira.
Mofa E Befa: Os dous de sempre. O Regreso
O 7 de novembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, Mofa e Befa representan o espectáculo Os dous de sempre. O Regreso. Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. A teatralidade do Porco de Pé de Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, fixeron as delicias do público asistente ás mais de 120 funcións por toda a xeografía galega. Agora tocoulle a vez a Castelao. Moita xente, cando escoita a expresión “Os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O duo cómico fundado hai trinta anos por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo rio do humor galego que ten a sua fonte nos bufón e no escarño medievais, e ao que tamén pertence o humor de Castelao. Mofa e Befa pertencen á estirpe dos pallasos de circo, dos artistas do cinema mudo, dos canallas do cabaret. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concebidos por un humorista gráfico: Os dous de sempre.
Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece en outras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
Proxección do filme Antes de nós
Ademais, dentro do ciclo Cine de Outono vaise proxectar o filme Antes de nós, que conta coa dirección de Ángeles Huerta e guión de Pepe Coira. O filme, que se estrea o 21 de maio, está protagonizado por Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo e Xoel Fernández. A película conta parte da vida de Castelao, que estudou medicina e, aínda que non exercía, nas súas propias palabras, “por amor á humanidade”, pasou á historia como escritor, pintor, debuxante e político.
O filme narra a historia dunha parella, dous momentos. Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entrelazadas. 1918, Castelao deixa o seu posto de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia. En 1929, a parella percorreu Bretaña uns meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os unirá para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia ante a “xeración Nós”. Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)