AD

Comarca

Ames estrea xuño coa VI Festa do Apego con actividades para unha crianza positiva

today27 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, subliñou que «a festa do Apego é a gran celebración final despois de todo o traballo que se leva feito ao longo de todo este ano arredor do galego dende este departamento. É moi importante que veñan as familias e participen activamente xa que ao final o gran obxectivo do Apego é que os máis pequenos e pequenas comecen a convivir e vivir coa nosa lingua»

A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que «é unha xornada chea de actividades, recursos e propostas á que convidamos a vir ás familias ou á xente que está arredor das familias como persoal docente, monitorado e que traballa habitualmente con nenos e nenas, xa que van descubrir unha chea de recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva e creativa en lingua galega»

Ames, 27 de maio de 2025.- O Concello de Ames organiza a VI Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con música, teatro, xogos, obradoiros, contos e moitos máis recursos e actividades para gozar en familia con e desde a lingua. Será o sábado, 7 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desde as 11.00h da mañá ata as 21.00h da noite. Ao longo da xornada poderemos gozar de contos con música, xogos, concertos, teatro, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e educativos que favorezan a transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego.

Esta mañá presentouse a VI Festa do Apego no Pazo da Peregrina. Ao acto acudiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística: Rosa Moreiras e Lucía Ferro.

O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, subliñou que «a festa do Apego é a gran celebración final despois de todo o traballo que se leva feito ao longo de todo este ano arredor do galego dende este departamento. É moi importante que veñan as familias e participen activamente xa que ao final o gran obxectivo do Apego é que os máis pequenos e pequenas comecen a convivir e vivir coa nosa lingua».

A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que «é unha xornada chea de actividades, recursos e propostas á que convidamos a vir ás familias ou á xente que está arredor das familias como persoal docente, monitorado e que traballa habitualmente con nenos e nenas, xa que van descubrir unha chea de recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva e creativa en lingua galega».

Todas as actividades da festa son de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián.

Programación da VI Festa do Apego

A festa comezará ás 11.00 horas con Barquiño de pau, de Tropa de Trapo. Marta Ortiz e Brais das Hortas ofrecerannos un espectáculo de teatro de obxectos e música para explorar os sentidos de xeito participativo e ameno ao son do acordeón, da mandola portuguesa, do dizi chinés ou do propio corpo. Unha viaxe chea de descubertas e aventuras na que cantaremos, xogaremos coas palabras, debuxaremos ideas e brincaremos coa imaxinación.  Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 6 anos, nela os máis pequenos da casa estarán entretidos e gozarán coa familia e os máis grandes poderemos aprender xeitos novos de contar e cantar historias.

Ás 12.30 horas, para as nenas e nenos de a partir de 2 anos, chega Migallas Teatro coas Brincadeiras da lingua. María Campos e Carlos Yus tráennos unha divertida actividade que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada e no ámbito familiar. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma dos ditos e xogos recollidos na serie de vídeos que, co mesmo nome, se pode atopar na páxina web de recursos Orella Pendella.

Ás 17.00 horas comeza a xornada de tarde con dúas actividades simultáneas. Por un lado, para familias con crianzas de 0 a 3 anos teremos o espectáculo-obradoiro Pelica de Burra de Vero Rilo e Luís Iglesias. Nel atoparemos música, tradición, igualdade, xogos de colo e de cóxegas, arrolos, contos e outras moitas propostas para transmitirlles apego a quen máis queremos. Por outro lado, para familias con crianzas a partir de 3 anos contaremos co obradoiro de música tradicional Mulleres, ritmo e tradición de Sabela Olivares. Nel descubriremos o noso patrimonio musical a través da expresión corporal e vocal, para achegármonos dunha forma lúdica e creativa á riqueza da música galega.

Ás 18.30 horas, é o momento das Novas vellas melodías de Pablo Díaz e Rubén Barros. Un concerto participativo e cheo de ritmo para público familiar no que nos fartaremos de cantar e de bailar ao ritmo das cancións máis coñecidas de Pablo Díaz.

A VI Festa do Apego remata ás 20.00 horas cun concertazo para todas as idades a cargo da Gramola Gominola. O grupo máis roqueiro do país presentaranos o seu último traballo no que bailaremos, berraremos e cantaremos con fachenda e a unha soa voz: Non somos 5 , somos 7!

Actividades permanentes abertas durante toda a xornada

Ademais dos diferentes espectáculos, ao longo de todo o día haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través delas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e educativos que poden ser útiles durante a crianza. Estas actividades son tamén espazos nos que as nenas e os nenos terán ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de monicreques e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todas e todos poidan levar un agasallo.

Nestes espazos permanentes contaremos con Fabaloba, Anxo Moure, Pedras de Papel, Miudiño, Brazolinda e persoal do propio Servizo de Normalización Lingüística amesán para achegarnos ao programa Apego. Ademais, varias editoriais de referencia achegarán unha mostra das súas últimas publicacións para podermos estar ao tanto das novidades máis interesantes para pequenos e pequenas.

Así, no espazo de Recursos con Fabaloba atoparemos unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, audiovisual, xogos…) e asesoramento sobre recursos atractivos para tratar temas clave na crianza.

No espazo creativo con Pedras de Papel, poderemos participar nun obradoiro aberto para fomentar a creatividade. Nel elaboraranse monicreques de dedo cos que poderemos crear ou darlles vida ás nosas historias.

O espazo de Xogo libre con Miudiño disporá de material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar o xogo libre e a creatividade das crianzas. Ademais, atoparemos xogos e xoguetes de sempre que se tornan nunha ilusión para a cativada e nun espazo de reencontro para as persoas adultas.

No espazo de Xogos de mesa con Brazolinda estarán a disposición das persoas asistentes xogos de mesa para todas as idades atractivos, didácticos e que axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento a través de adiviñas, matemáticas e xogos de agudeza visual, entre outros.

No espazo Apego atoparemos información sobre o programa e sobre os recursos que pon a dispor das familias e poderemos crear chapas e tatuaxes para que os nenos e as nenas  leven un agasallo.

Ademais de todo isto, a ciclobiblioteca ambulante de Anxo Moure percorrerá con contos e música os diversos espazos da festa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *